Biblioteca:
Propostas de normalización lingüística na administración local

A esixencia do coñecemento do galego para o acceso á condición de persoal ó servicio das corporacións locais de Galicia


 

Tipo de probas aplicables: algunhas propostas


Se descartamos de plano o recurso á traducción como método de avaliación, coidamos que debe ser sometido a análise este tipo de proba como válido para acreditar coñecementos de galego.

En primeiro lugar, porque a traducción supón unha consideración subsidiaria do galego respecto do castelán, é dicir, os coñecementos do galego deben ser demostrados a partir dunha lingua oficial. Coidamos que o método debe valer para demostrar coñecementos dunha lingua estranxeira, pero non da "lingua propia de Galicia". Máis tendo en conta que, despois de case quince anos de presencia do galego nos distintos niveis de ensino, ben como materia específica ou como lingua vehicular noutras materias, moitos dos futuros aspirantes a prazas da función pública en Galicia xa tiveron o galego como lingua de ensino nalgún dos estudios cursados, o que nos debe facer supoñer unha competencia cada vez maior por parte de cada vez máis xente.

En segundo lugar, é fundamental, porque con este método queda fóra de valoración a lingua oral, o que como antes espuxemos, debería ser aplicado a tódolos postos de traballo.

En consecuencia, propoñemos outros métodos de avaliación que, ó noso ver, poden ser máis axustados ás esixencias da Lei:

Na vez de facérmo-la valoración dos coñecementos do galego, case sempre como simple mérito, a través dunha proba específica independente do resto das probas da oposición, propugnamos, con carácter xeral, facer do galego lingua instrumental ou vehicular nos procesos selectivos, de xeito que os opositores deberán demostrar no desenvolvemento das distintas probas que efectivamente están capacitados para desenvolveren as súas funcións nesta lingua.

Así, en tódolos procesos selectivos, a valoración dos coñecementos de galego farase establecendo que, do conxunto das probas, polo menos unha das escritas e outra das orais, deberán ser desenvolvidas neste idioma. Isto permitiranos valora-lo grao de expresión dos opositores, tanto oralmente como por escrito, naquelas probas que se desenvolvan deste xeito.

Este sistema xa nos dá de seu o grao de coñecemento esixible, desde o momento que, en función do propio programa da oposición, segundo os grupos, un opositor vai ter que manexar unha lingua máis rica en recursos estilísticos, terminolóxicos, etc. canto máis se lle esixa profundizar nun tema. Neste sentido, é evidente que, falando do procedemento administrativo, por exemplo, a un opositor do grupo D non se lle esixe un coñecemento de igual nivel ca a un do grupo A, que deberá manexar máis terminoloxía, ser máis preciso, e utilizar, en consecuencia unha linguaxe máis técnica.

Ademais, o tribunal á hora de valora-lo emprego do idioma, deberá ser menos esixente na cuestión terminolóxida, poñamos por caso, cun funcionario do grupo D ca cun do grupo A (a un do grupo D pódeselle pasar que utilice *enaxenación ou *plantilla, mentres a un técnico se lle pedirá o emprego de "alleamento" e de "cadro de persoal", respectivamente).

Polo demais, o resto das cuestións de tipo gramatical, como antes dixemos, non deixan de ser comúns, co cal neste aspecto a valoración, en principio, debe ser similar, aínda que a un futuro redactor de normas lle esixamos un maior dominio dos recursos estilíticos propios da linguaxe xurídico-administrativa.
A valoración que se faga dos coñecementos esixibles pode establecerse de dous xeitos: ou ben, mediante unha puntuación de 0 a 10, coma o resto das probas, co cal a nota correspondente ós coñecementos de galego se sumará ó conxunto da puntuación; ou ben, mendiante unha cualificación de APTO ou NON APTO, método quizais máis axeitado, pois do que se trata é de demostrar uns coñecementos mínimos. As persoas que non cheguen ó APTO quedarían, por suposto, fóra do proceso selectivo en función das determinacións legais actuais.

Indo a un exemplo práctico, proponse unha redacción xenérica das bases dunha oposición do seguinte xeito, que se poden modular ou adaptar ós distintos casos concretos:

"Exercicios da oposición:
a) Responder a un cuestionario tipo test.
b) Responder por escrito a dous temas extraídos do temario, e posterior exposición oral ó Tribunal.
c) Suposto práctico.

Acreditación dos coñecementos de galego

En cumprimento do artigo 33 da Lei da función pública de Galicia, na nova redacción dada pola Lei 8/1992, do 24 de xullo, será obrigatoria e eliminatoria.
A súa valoración será de... a .... puntos, e para demostrala será necesario acadar un mínimo de.... punto.

Ou tamén (posibilidade máis axeitada ó noso ver)

Posto que é requisito imprescindible acreditar coñecementos de lingua galega, a cualificación dos coñecementos de galego será APTO e NON APTO. As persoas que non acaden a cualificación de APTO serán excluídas do proceso selectivo.

Para acredita-los coñecementos de galego, os opositores deberán desenvolver neste idioma, como mínimo, as seguintes partes da oposición, sen prexuízo do desenvolvemento en galego do conxunto da oposición:

a) A exposición oral dun dos temas en que consiste o segundo exercicio da oposición.

b) A exposición escrita do caso práctico en que consiste o terceiro exercicio da oposición.

O tribunal, para avalia-lo dominio do idioma galego por parte dos aspirantes, terá en conta o grao de corrección fonética, gramatical e estilística destes así como o emprego dun léxico adecuado ó temo exposto."

Naquelas oposicións nas que non estea previsto ningún exame oral, ou que consistan basicamente nun exame tipo test e na resolución de determinados supostos prácticos caben varias posibilidades para valorar distintos niveis de coñecementos:

* En oposicións a subalternos, por exemplo:
- Un exercicio específico de lingua galega de tipo oral, no que se teña en conta o uso dunha lingua común, mesmo dialectal.
- Un dictado pode ser, a nivel escrito, unha forma de valorar uns coñecementos escritos de carácter elemental.

Este mesmo tipo de proba pode valer igualmente para oposicións de persoal laboral que desempeñe labores tipicamente manuais:

* En oposicións para auxiliares administrativos: un exame específico de lingua oral, se no desenvolvemento da oposición non hai ningún exercicio que deba ser desenvolvido deste xeito.
- O test correspondente presentarase en galego.
- A copia mecanográfica ou o exercicio con ordenador realizarase sobre textos en lingua galega.
- Os exercicios que supoñan o desenvolvemento por escrito dun tema desenvolveranse en galego. (...).

Finalmente e como cuestión non precisamente secundaria, é importante que se teña en conta a capacitación dos tribunais para xulgaren coñecementos idiomáticos. (...).


  Anterior    |    Seguinte