Biblioteca:
Propostas de normalización lingüística na administración local

A Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística


 

Limiar


A principal manifestación de identidade cultural dun pobo é a súa lingua. O galego, lingua propia de Galicia, é o máximo expoñente da nosa identidade como comunidade diferenciada. A lingua galega no decorrer da súa historia coñeceu períodos de "normalidade" -sendo lingua de uso común en tódolos ámbitos- e de decadencia, quedando relegada a lingua oral. Coa instauración da democracia en España, danse as condicións propias para a normalización da lingua galega. A Constitución Española do 78 proclama "a vontade de protexer a tódolos españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas, tradicións, linguas e institucións", no art. 3.2. establece que as linguas españolas distintas ó castelán serán oficiais nas súas respectivas comunidades de acordo con cada Estatuto.

O art. 5. do Estatuto de Autonomía galega proclama a lingua galega como oficial de Galicia, na súa calidade de lingua propia desta terra, e desenvolve aínda máis este precepto ó encomendarlle ós poderes públicos de Galicia que garantan o uso normal e oficial da lingua galega -xuntamente co castelán-, e potencien o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, engadindo que "disporán dos medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento" (art. 5.3.E.A.G.).

A proclamación da oficialidade da lingua galega impón unha serie de obrigas ós poderes públicos autonómicos. Estes han de utilizala como lingua de uso normal de comunicación e entre eles e nas súas relacións coa cidadanía. Asemade, as e os cidadáns adquiren unha serie de dereitos lingüísticos que han ser respectados pola Administración, para o que esta ha estar en disposición de traballar en igualdade nunha e na outra lingua oficial da Comunidade (galego e castelán). Esta é a xurisprudencia da Tribunal Constitucional, recollida no fundamento xurídico segundo sentencia 83/86, Feb/91.

A Lei de normalización lingüística (15 xuño, 1983) desenvolve aínda máis este mandato estatutario. A Xunta dictará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. As Corporacións Locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta lei (art.6.4.), así como regula os dereitos da cidadanía en materia lingüística.

Ó abeiro do disposto naquel precepto legal, o Parlamento de Galicia aprobou a lei 5/1988, do 21 de xuño, do uso do galego como lingua oficial de polas entidades locais, que especifica as directrices a seguir verbo á incorporación do galego á vida pública.

En Galicia, onde a imensa maioría da poboación fala ou entende a súa lingua, as Corporacións Locais poden e deben desenvolver accións encamiñadas a recupera-lo noso idioma para os usos administrativos. A lingua galega precisa o recoñecemento oficial previsto nas leis para que os complexos lingüísticos presentes na nosa sociedade desaparezan.

O papel que xoguen os concellos resulta de grande relevancia en calquera proxecto oficial que busque unha grande efectividade social, por seren institucóns de enorme espallamento e as máis próximas ás e ós cidadáns.

É preciso, pois, que os rexedores municipais en primeiro lugar, corrixan os hábitos lingüísticos existentes do predominio exclusivo do castelán, e que ditas corporacións sexan quen de facer efectivos os dereitos lingüísticos dos cidadáns e conseguir unha Administración traballando na lingua propia de Galicia, sen esquece-la lingua do Estado.

Por considerarmos que as razóns expostas abondan para cambia-las actitudes lingüísticas, propónselle ó Pleno do Concello a aprobación da seguinte ORDENANZA DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA.


  Capítulo Primeiro