Radiodifusión e televisión


O galego non tivo unha presencia significativa nestes medios, agás en casos moi contados como Radio Popular de Lugo e, fundamentalmente, Radio Popular de Vigo.

O cambio da situación política e o restablecemento da democracia repercutiu decisivamente nos niveis de uso da lingua galega nos medios de comunicación de titularidade estatal. Eis, os centros para Galicia de Radio Nacional de España e Televisión Española comezan a emitir programas en lingua galega, aínda que sen chegar acada-la transcendencia e desenvolvemento dos seus homónimos noutras comunidades autónomas.

No ano 1984 prodúcese un cambio significativo neste panorama ó aproba-la Xunta de Galicia a constitución da Compañía de Radio e Televisión de Galicia. A decisión da administración autonómica de se dotar duns medios de comunicación propios, galegos e en galego, foi determinante tanto para garanti-la presencia neste ámbito comunicacional da nosa lingua coma para favorece-la súa incorporación á programación das emisoras privadas. O galego conta con maior presencia nas emisoras de radio privadas ca nas televisóns; nestas últimas só se emiten algúns programas en lingua galega cando realizan desconexións territoriais.

Os efectos da creación da Compañía de Radio e Televisión de Galicia no proceso normalizador non se limitan ó seu desenvolvemento cotián en lingua galega, senón que potencia o uso da lingua a través de iniciativas coma o exitoso espacio infantil Xabarín Club, que integra debuxos animados alleos con seccións de carácter especificamente galego á vez que dá a coñecer grupos musicais galegos.

Dende o 25 de xullo de 1996, a Radio Galega emite a través de Internet para todo o mundo e a TVG está desenvolvendo acordos de colaboración coas outras televisións autonómicas de cara a utiliza-las emisións por satélite e posicionarse no mercado ante a inminente aparición do cabo e da televisión dixital.

Doutra banda, o nacemento da Radio Galega e da Televisión de Galicia tamén repercutiu considerablemente na publicidade xa que, o feito de contar cuns "soportes" en galego, levou a anunciantes e axencias tanto a adaptaren á nosa lingua lemas e campañas de difusión estatal e europea como a produciren campañas específicas en galego.
 



A decisión da administración autonómica de crea-la radio e a televisión de Galicia foi moi importante para a extensión do uso social do galego.




A TVG está posicionándose no mercado de cara a afronta-lo reto das novas tecnoloxías (cabo, TV dixital, satélite.


  Volvendo ó campo da radiodifusión, cómpre salienta-lo papel na promoción e extensión do uso do galego das 30 emisoras municipais que, esparexidas por toda a xeografía galega, emiten a practica totalidade da súa programación en lingua galega.    


Volver