Lexislación:
Europea

Proxecto da Carta Europea das Linguas rexionais ou minoritarias aprobada polo Comité de Ministros do Consello de Europa


 

Parte I


DISPOSICIÓNS XERAIS.

Artigo 1. Definicións.

O presente texto entende:

(a) coa expresión "linguas rexionais ou minoritarias", as linguas 1) practicadas tradicionalmente nun territorio dun Estado, por persoas, súbditos deste Estado, que constitúen un grupo numericamente inferior ó resto da poboación do Estado, e 2) diferentes da(s) lingua(s) oficial (-ais) deste Estado; non inclúe os dialectos da(s) lingua(s) do Estado ou as linguas dos inmigrantes;

(b) por "territorio no cal se practica unha lingua rexional ou minoritaria", a área xeográfica en que esta lingua é o modo de expresión dun número de persoas que xustifican a adopción de diversas medidas de protección previstas pola presente Carta;

(c) coa expresión "discriminación", tódalas distincións, exclusións, restricións ou preferencias inxustificables referidas á práctica dunha lingua rexional ou minoritaria, tendo como finalidade ou efecto desanimar ou poñer en perigo o mantemento ou o desenvolvemento dunha lingua rexional ou minoritaria ou que ataquen a igualdade dos dereitos dos que falan estas linguas, en relación cos que falen linguas difundidas nos ámbitos de vida privada ou pública; a adopción de medidas especiais a prol das linguas rexionais ou minoritarias e destinadas a promoveren unha igualdade entre os que falan esas linguas e o resto da poboación ou que procura ter en conta as súas condicións específicas, sen que haxa de considerarse como un acto de discriminación contra os que falan linguas máis difundidas;

(d) por "linguas desprovistas de territorio", as linguas practicadas polos súbditos do Estado, as cales son diferentes da(s) lingua(s) practicada(s) polo resto da poboación do Estado e, aínda que son faladas tradicionalmente no territorio do Estado, non poden ser relacionadas cunha área xeográfica concreta do mesmo Estado.


Artigo 2. Compromisos.

1. Cada Parte comprométese, no que se refire ó conxunto das linguas rexionais ou minoritarias practicadas no seu territorio e que responden ás definicións do artigo 1., a tomar como base política, da súa lexislación e da súa práctica, os obxectivos e principios contidos na II Parte.

2. Polo que se refire a cada lingua que cada Parte terá indicado no momento de ratificación (desta Carta), de acordo co artigo 3. cada Parte comprométese a aplicar, ademais do artigo 8, un mínimo de trinta e cinco parágrafos ou seccións deles escollidos entre as disposicións da III Parte desta Carta, dos cales polo menos tres parágrafos escollidos de cada un dos artigos 9 e 13 e un de cada un dos artigos 10, 11, 12 e 14.

Artigo 3. Modalidades.

1. Cada Estado contratante debe especificar, no seu instrumento de ratificación, de aceptación ou de aprobación, cada unha das linguas rexionais ou minoritarias ás que se apliquen os parágrafos escollidos, conforme ó parágrafo 2 do artigo 2.

2. Calquera Parte pode decidir que a aplicación desta Carta será extensible tamén ás linguas oficiais que son menos difundidas sobre o conxunto ou unha parte do seu territorio.

3. Calquera Parte pode, posteriormente, notificarlle ó Secretario Xeral que acepta as obrigas deducidas das disposicións doutros parágrafos da Carta non especificadas no seu instrumento de ratificación, aceptación ou aprobación, ou que ten intención de aplica-lo parágrafo 1 do presente artigo a outras linguas rexionais ou minoritarias.
4. Os compromisos previstos no parágrafo serán considerados partes integrantes de ratificación, aceptación ou aprobación e terán efecto desde a data da súa notificación.

Artigo 4. Estatutos de protección existentes.

1. Ningunha das disposicións da presente Carta pode ser interpretada como limitadora ou derrogadora dos dereitos garantidos pola Convención Europea dos Dereitos do Home.

2. As disposicións da presente Carta non atinxen ás disposicións máis favorables que rexen a situación das linguas rexionais ou minoritarias ou o estatuto xurídico das minorías que existan xa nalgunha das Partes contratantes ou son previstas polos acordos internacionais bilaterais ou multilaterais pertinentes.

Artigo 5. Obrigas existentes.

Nada do contido desta Carta poderá ser interpretado no sentido de que implique o dereito de emprender calquera actividade ou de cumprir calquera acción contrarias ás finalidades das Nacións Unidas ou a outros deberes do dereito internacional, incluíndo o principio da integridade territorial dos Estados.

Artigo 6. Información.

As Partes comprométense a velar para que as autoridades, as organizacións e as persoas atinxidas sexan informadas sobre os dereitos e os deberes establecidos na presente Carta.


  Preámbulo   |   Parte II