Lexislación:
Europea


 

Resolución sobre as linguas e culturas das minorías rexionais e étnicas da Comunidade Europea

Sesión do 30 de outubro de 1987.


O Parlamento Europeo.

- Vista a proposta de resolución do señor Columbu e outros signatarios sobre os dereitos lingüísticos no norte de Cataluña.

- Vista a proposta de resolución dos señores Kuijpers e Vandemeulebroucke sobre a defensa e a promoción das linguas e cultura rexionais na Comunidade.

- Vista a proposta do señor Rossetti e outros signatarios sobre o recoñecemento dos dereitos das minorías e a valoración da súa cultura.

- Vista a proposta de resolución dos señores Vandemeulebroucke e Kuijpers sobre o feito de que a Comisión non dese contestación á resolución do Parlamento Europeo sobre unha carta comunitaria das linguas e culturas rexionais e unha carta dos dereitos das minorías étnicas.

- Vista a proposta de resolución dos señores Kuijpers e Vandemeulebroucke sobre o recoñecemento das radios libres.

- Vista a proposta de resolución do señor Vandemeulebroucke e outros signatarios sobre unha televisión frisona en Frisia.

- Vista a proposta de resolución dos señores MM. Kuijpers e Vandemeulebroucke sobre a intención do ministro neerlandés do Benestar, da Saúde Pública e de Cultura de suprimi-la axuda concedida á ANU (Alianza Xeral Neerlandesa) e as consecuencias nefastas desta medida para a cooperación cultural transfronteiriza.

- Vista a proposta de resolución do señor Columbu e outros signatarios sobre a creación de institutos de estudios lingüísticos para as linguas de menor difusión.

- Vista a proposta de resolución do señor Rubert de Ventos sobre os obstáculos á utilización do catalán na universidade e na televisión.

- Vista a proposta de resolución do señor Mizau e outros signatarios sobre a axuda ós institutos ou asociacións de estudios lingüísticos para a defensa das linguas de menor difusión.

- Vista a proposta de resolución do señor Kuijpers e outros signatarios sobre a integración das escolas bilingües franco-vascas administradas pola asociación SEASKA.

- Vista a proposta de resolución do señor Colom i Naval sobre a promoción das linguas minoritarias da CEE.

- Visto o dictame da misión da Xuventude, da Cultura, da Educación, da Información e dos Deportes, e a opinión da Comisión Xurídica e dos Dereitos Cívicos.


A) Considerando a súa resolución do 16 de Outubro de 1981 sobre un convenio comunitario das linguas e culturas rexionais e un convenio dos dereitos das minorías étnicas, así coma a súa resolución do 11 de febreiro de 1983 sobre as medidas a favor das linguas e as culturas das minorías.

B) Considerando os principios enunciados e adoptados polas Nacións Unidas e o Consello de Europa en canto ós dereitos das minorías.

C) Lamentando que a Comisión, ata a data, non elaborara propostas relativas á execución das resolucións mencionadas e nas que se examina na súa totalidade a problemática das minorías étnicas, lingüísticas e culturais da Comunidade.

D) Considerando que subsisten numerosos obstáculos na realización por parte das minorías nacionais e lingüísticas da súa identidade cultural e social e que os comportamentos con respecto a estas minorías e os seus problemas quedan frecuentemente impregnados de descoñecemento e de incomprensión, léase, nalgúns casos de discriminación.

E) Remitíndolle á declaración final da conferencia das rexións da Comunidade Europea e a súa Resolución do 13 de abril de 1984 sobre o papel das rexións na construcción dunha Europa democrática e a propósito dos resultados da conferencia das rexións, onde se di que o reforzamento da autonomía das rexións da Comunidade Europea e a creación dunha Europa politicamente máis unida constitúen dous aspectos complementarios e converxentes dunha mesma evolución política, esenciais para poder realizar eficazmente as tarefas que se lle presenten á Comunidade.


F) Considerando que as condicións económicas rexionais condicionan a posibilidade de expresión e de desenvolvemento das culturas locais, de xeito que as medidas necesarias na materia deben ser elaboradas no marco dunha política rexional europea equilibrada, que parta dunha base rexional e que free o éxodo da periferia cara ó centro.

1. Pide que se aplique a totalidade dos principios e as medidas contidas nas resolucións arriba mencionadas do 16 de outubro de 1981 e do 11 de febreiro de 1983.

2. Considera que é indispensable que os Estados membros recoñezan as súas minorías lingüísticas dentro do marco da súa orde xurídica, creando así a condición de conservación e de desenvolvemento das culturas e das linguas minoritarias, rexionais e étnicas.

3. Invita instantaneamente ós Estados membros que inscribiron na súa Constitución principios xerais relativos á protección das minorías, a asegura-lo antes posible, por medio de disposicións de aplicación, a posta en práctica concreta destes principios.

4. Apoia os esforzos despregados polo Consello de Europa para elabora-la Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.

5. Recoméndalles ós Estados membros tomar principalmente as medidas seguintes en materia de ensino:
- Procurar, nas rexións lingüísticas correspondentes, unha dimensión oficial á ensinanza das linguas rexionais e minoritarias e situalas ó mesmo nivel cá ensinanza das linguas nacionais, isto é, desde o nivel preescolar á universidade e á educación permanente.
- Recoñecer oficialmente os cursos, clases e escolas creadas polas asociacións habilitadas para ensinar en virtude das diposicións nacionais en vigor e utilizando como lingua de ensino xeral unha lingua rexional ou minoritaria.
- Consagrar unha atención particular á formación de ensinantes nas linguas rexionais ou minoritarias e subministra-las medidas pedagóxicas necesarias para a posta en práctica das medidas citadas.
- Fomenta-la información sobre as distintas posibilidades de ensino existentes nas linguas rexionais ou minoritarias.
- Regula-la equivalencia dos diplomas, certificados e demais títulos e certificados de capacitación profesional, de xeito que se lles facilite ós grupos rexionais ou minoritarios de tal Estado membro o acceso ó mercado de traballo das comunidades culturalmente relacionadas sitas noutros Estados membros.

6. Recoméndalles ós Estados membros tomar sobre todo as medidas seguintes en materia administrativa e xudicial:
- Garantir dun xeito directo, por medio de disposicións lexislativas, o dereito a utiliza-las linguas rexionais ou minoritarias, en primeiro lugar a nivel de colectividades locais onde a existencia dunha minoría forma parte das realidades.
- Revisa-las leis e prácticas nacionais que discriminan as linguas das minorías, como demanda na súa resolución sobre o aumento do fascismo e do racismo en Europa.
- Prescribir igualmente o uso das linguas nacionais, rexionais e minoritarias ós servicios descentralizados do Estado nas rexións correspondentes.
- Recoñecer oficialmente os patronímicos e topónimos establecidos nas linguas rexionais e minoritarias.
- Autoriza-la inscrición, nas listas electorais, dos nomes de lugar e outras indicacións establecidas nas linguas rexionais ou minoritarias.
7. Recoméndalles ós Estados membros tomar especialmente as medidas seguintes no referente ós medios de comunicacións de masas:
- Autorizar e facer posible o acceso á radiotelevisión local, rexional e nacional, tanto pública como comercial, de xeito que garanta a continuidade e eficacia das emisións realizadas nas linguas rexionais ou minoritarias.
- Procurar que os grupos minoritarios reciban, para realiza-los seus programas, unha axuda de organización financeira da mesma natureza cá maioría.
- Subvenciona-la formación de xornalistas e profesionais dos medios de comunicación en favor da realización das mencionadas medidas.
- Poñer a disposición das linguas rexionais e minoritarias as novas adquisicións de tecnoloxías da comunicación.
- Así mesmo, ter en conta o custo suplementario correspondente ó material necesario para as escrituras particulares, sobre todo o cirílico, o hebreo, o grego, etc.

8. Recoméndalles ós Estados membros tomar principalmente as medidas seguintes no referente a infraestructura cultural:
- Asegurar a nivel de equipamento e de actividades culturais, a participación directa de representantes dos grupos que falen as linguas rexionais ou minoritarias.
- Crear fundacións ou institutos que se dediquen ó estudio das linguas rexionais e minoritarias e encargadas en particular de elabora-los instrumentos didácticos necesarios para a introducción das linguas rexionais e minoritarias na escola e de redactar un "inventario xeral" destas linguas.
- Desenvolver técnicas de dobraxe e subtitulado propias para fomenta-las produccións audiovisuais nas linguas rexionais e minoritarias.
- Preve-la realización das medidas citadas subministrando a axuda de material e a axuda financeira requiridas.
9. Recoméndalles ós Estados membros tomar principalmente as medidas seguintes no campo socio-económico:
- Que prevexa a utilización das linguas rexionais e minoritarias por parte das empresas públicas (tráfico postal, por exemplo).
- Acepta-la utilización das linguas rexionais e minoritarias nas transaccións financeiras (cheques postais e operacións bancarias).
- Procura-la utilización das linguas rexionais e minoritarias para a información dos consumidores e a etiquetaxe dos productos.
- Que prevexa a utilización das linguas rexionais nos sinais de tráfico de estrada, nos indicadores de circulación e nos nomes das rúas.

10. Recoméndalles ós Estados membros tomar sobre todo as medidas seguintes no referente ás linguas rexionais e minoritarias faladas en varios Estados membros e en particular nas rexións fronteirizas:
- Crea-los mecanismos propios para asegurar máis alá das fronteiras unha cooperación en materia cultural e lingüística.
- Promove-la cooperación transfronteiriza entre os poderes locais conforme á Convención-marco europea sobre a cooperación transfronteiriza das colectividades ou autoridades territoriais.

11. Invita ós Estados membros a promover e a soste-la Oficina Europea das Linguas de Media Difusión e cada un dos seus comités nacionais.

12. Encarga á Comisión:
- Que contribúa dentro do marco das súas competencias, á realización das medidas preconizadas nos apartados 4 ou 9.
- Que teña en conta as linguas e culturas das minorías rexionais e étnicas da Comunidade no momento de elabora-las diversas políticas comunitarias, e en particular as accións comunitarias no campo da política cultural e educativa.
- Que lle confira o rango de órgano consultivo oficial á Oficina Europea das Linguas de Menor Difusión.
- Que implante un sistema de visitas de estudios coa finalidade de obter un mellor coñecemento mutuo das minorías.
- Que lles reserven ás culturas minoritarias, no marco da televisión Europea común, o tempo en antena necesario.
- Que reserve para o problema das minorías lingüísticas unha parte suficiente de gastos da Comunidade en materia de información.

13. Invita ó Consello e á Comisión a continuar sostendo e promovendo a Oficina Europea das Linguas de Menor Difusión:
- Outorgándolle créditos orzamentarios suficientes e restablecendo unha liña orzamentaria propia.
- Presentando en materia orzamentaria proposicións co fin de realiza-las medidas antes citadas.
- Destinando os cursos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo Social Europeo para os Programas e Proxectos co fin de promove-las culturas rexionais e populares.
- Facéndolle anualmente un informe ó Parlamento sobre a situación das linguas rexionais e minoritarias na Comunidade e sobre as medidas que os Estados membros e a Comunidade tomaran na promulgación dos puntos formulados aquí arriba.


14. Proponse prever no marco do orzamento para o exercicio do 1988, os créditos apropiados para unha acción en favor das linguas de media difusión (1 millón de Ecus polo menos).

15. Precisa claramente que as disposicións da presente resolución non deben ser interpretadas ou aplicadas de xeito que poña en perigo a integridade territorial ou a orde pública dos Estados membros.

16. Encárgalle a súa comisión competente que elabore dictames separados sobre as linguas e culturas dos habitantes nómadas, de cidadáns da Comunidade residentes nun Estado membro diferente do que son orixinarios, emigrantes e minorías de ultramar, e sinala que cada un destes grupos comparten moitos dos mesmos inconvenientes dos usuarios das linguas minoritarias, pero que os seus problemas específicos necesitan de por si un tratamento particular.

17. Decide conferirlle ó seu intergrupo "linguas e culturas minoritarias" o rango de intergrupo oficial e na súa totalidade.

18. Encárgalle ó seu Presidente que lle transmita a presente resolución ó Consello e á Comisión, así coma ás autoridades nacionais e rexionais dos Estados membros á Asemblea Consultiva do Consello Europeo e á Conferencia permanente dos poderes locais e rexionais de Europa.