Lexislación:
Xeral Básica

Lei 3/1983, do 15 de xuño de Normalización Lingüística


 

Título VI


DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA E A FUNCIÓN NORMALIZADORA


Artigo 22

O Goberno Galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega; asesorará á Administración e ós particulares, e coordinará os servicios encamiñados a consegui-los obxectivos da presente Lei.

Artigo 23

O Goberno Galego establecerá un plan destinado a resalta-la importancia da lingua como patrimonio histórico da comunidade e a poñer de manifesto a responsabilidade e os deberes que esta ten respecto da súa conservación, protección e transmisión.

Artigo 24

1. A Escola Galega de Administración Pública encargarase da formación dos funcionarios a fin de que poidan usa-lo galego nos termos establecidos pola presente Lei.

2. O dominio das linguas galega e castelá será condición necesaria para obte-lo diploma da Escola Galega da Administración Pública.

Artigo 25

O Goberno Galego e as Corporacións Locais dentro do seu ámbito fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras. Con esta finalidade e por actos singulares, poderanse outorgar reduccións ou exencións das obrigas fiscais.


  Título V    |    Disposicións adicional e final