Vocabularios:


 

Vocabulario de comunicación comercial


Abonar: acción ou efecto de subcribirse, especialmente a unha publicación. Non debemos confundilo con aboar.

Aboar: pagar ou satisfacer unha débeda ou cantidade de diñeiro. Realizar asentos no haber das contas.

Abono: efecto de abonar ou subcribirse. Non confundir con aboamento.

Aboamento: acción ou efecto de pagar ou aboar.

Acredor: 1. quen, en contabilidade, resulta beneficiario dunha suma ou titular dunha conta con saldo ó seu favor.2. en xeral todo aquel a que se lle debe pagar unha débeda ou satisfacer unha obrigación calquera.
acredor hipotecario: quen, en virtude dun contrato de hipoteca, ten bens ou dereitos do acreditado afectos ó cumprimento da obrigación crediticia que deu lugar á
creación da hipoteca.
acredor pignoraticio: o que recibe como peñor dunha operación de préstamo ou crédito, bens ou títulos que serven como garantía dunha operación.

Activo: conxunto de bens e dereitos de que dispón unha empresa, que constitúen a parte positiva do seu patrimonio.
activo amortizable: elementos do activo que perden valor co paso do tempo.
activo circulante: parte do activo que, previsiblemente, ha converterse en diñeiro líquido nun período de tempo inferior a un ano.
activo ficticio: está formado por contas sen valor de realización.
activo financeiro: son os dereitos sobre terceiros que están materializados en títulos valores.
activo fixo: parte do activo que non é previsible que se convirta en diñeiro líquido nun período de tempo inferior a un ano.
activo revertible: o que se posúe en virtude dunha concesión administrativa e tralo seu vencemento volverá a disposición do ente público.
activo internacional: medio de pagamento internacional para a a cancelación de débedas.

Albará: Documento que acompaña as mercadorías cando son entregadas. Recibida a mercadoría, débese devolver asinado ó vendedor co fin de que este emita a factura.

Allear: transmitir a outro o dominio dunha cousa ou calquera outro dereito sobre ela.

Arrendamento con opción de compra: Vid. Leasing.

Asentamento contable: calquera entrada feita na contabilidade, sexa de cargo ou de aboamento. Tamén se di apuntamento ou anotación.

Baixa ó par: baixoprezo. Expresión que indica que un título ten unha cotización inferior ó seu valor nominal.

Base Impoñible: cantidade sobre a que se aplica o tipo fiscal para obte-la cota tributaria.

Ben: calquera medio que poida satisfacer unha necesidade humana. Os bens económicos existen en cantidades limitadas e son o obxecto da actividade económica.

Cargar: anotar contablemente no apartado do debe das contas.

Cargo: apuntamento realizado no debe dunha conta.

Cobramento: Vid. cobro.

Cobro:1.acción e efecto de recibir, gañar ou adquirir unha cantidade de cartos.2. calquera acción bancaria ou empresarial que represente entrada de diñeiro. Tamén se di cobramento, cobranza, frecuentes na linguaxe comercial.

Conta: 1. unidade de clasificación contable que, dividida en dúas partes, haber e debe, rexistra a situación de cada elemento e a súa evolución. O saldo da conta é a diferencia entre os importes anotados na columna do haber e do debe. 2. estado contable en que se expoñen as situacións das operacións cruzadas entre o que elabora a conta e unha persoa concreta.
conta corrente: modalidade de depósito caracterizado pola liquidez inmediata e pola rapidez na execución da operación.
conta de aforro: é un contrato de depósito entre un cliente e unha entidade bancaria polo que aquel deposita unha cantidade de cartos a cambio dun xuro.
conta de crédito: é unha modalidade de depósito, que funciona de forma semellante á conta corrente, na que se producen movementos derivados da apertura dun crédito a un cliente.
conta individual: aquela que ten un só titular.
conta solidaria: aquela da que poden dispoñer calquera dos titulares indistintamente.
conta de participación: recolle a participación duns negociantes nas operacións doutros, percibíndose un beneficio en función dos resultados obtidos e a contía da aportación.
conta de perdas e ganancias: é a que recolle os resultados da conta de explotación xunto cos obtidos en operacións non típicas da actividade.

Cota: Cantidade de diñeiro que lle corresponde para a cadaquén nun gasto común ou de contribución ó mantemento dun servicio ou ben.2. Parte proporcional dun todo que lle corresponde a cada un.
cota de amortización: cada unha das partes en que se pode dividir unha débeda; a cota pode comprender a parte de capital prestado ou tamén o capital e e os xuros correspondentes.
cota de leasing: importe que ten que satisface-lo arendatario dun ben ó alugador financeiro nun período establecido.
cota de mercado: valoración , polo xeral en porcentaxe, de participación, da posición relativa dunha empresa no mercado no que opera.
cota tributaria: cantidade de diñeiro que debe aboar a Facenda o suxeito pasivo dun tributo.

Crédito: 1. posición contable que resulta contra o debedor dun contrato de préstamo. 2. préstamo que se lle concede a unha persoa. Non se debe confundir este termo coa palabra creto, que fai referencia á fama e boa reputación dunha persoa.
crédito brando: é o crédito concedido por entidades de crédito ou organismos públicos nunhas condicións de prazo e tipo de xuro máis favorables cós vixentes no momento da concesión.
crédito de caución: o que non se apoia nunha garantía real, senón nun aval ou seguro.
crédito comercial: 1. facilidade de crédito que un fabricante ou distribuidor lle concede ós seus clientes mediante un aprazamento das obrigas de pagamento correspondente ás súas operacións de venda. 2. anticipo que se outorga sobre os efectos comerciais, co importe dos cales o banco se resarce da cantidade prestada, pois os xuros cóbranse ó desconto.
crédito hipotecario: o que se concede cunha garantía hipotecaria.
crédito intervido: é aquel crédito no que intervén un funcionario que dá fe pública.
crédito a xuro variable: financiamento en que o tipo de xuro se fixa en cada período de tempo segundo un tipo de referencia estipulado no acordo inicial.

Currículo: historial ou méritos dunha persoa (títulos, experiencia profesional, estudios, idiomas,etc) que esixen as empresas e institucións antes de admitir a alguén, como orientación das aptitudes do aspirante. Tamén se di "currículum".

Custo: gastos derivados da producción dun ben ou da prestación dun servicio.
custo completo: cálculo dos gastos de producción dun ben ou servicio que inclúe os custos directos e as cargas de administración, impostos e outros.
custo de cumprimento: é o custo que soportan os contribuíntes para cumprir coas súas obrigas tributarias.
custo do diñeiro: é o que lle custa a unha entidade bancaria o diñeiro obtido dos clientes.
custo directo: prezo do custo, o valor dun producto antes de entrar no mercado.
custo fixo: parte do custo total que non varía en función das unidades producidas.
custo marxinal: aumento que se dá no custo total a consecuencia do aumento de producción nunha unidade.
custo de ruptura: o que se produce cando se debe interrompe-la producción por carecer dunha materia prima ou producto intermedio.
custo variable: parte do custo que varía en función das unidades producidas.
custo da vida: expresión que designa o volume de gasto necesario para que unha persoa ou familia manteña un certo nivel de vida, historicamente determinado, ou subsista.

Cheque: documento que facilitan os bancos mediante a entrega de talonarios ós seus clientes, co fin de que efectúen os pagamentos e, en xeral, para que dispoñan dos cartos depositados nas súas contas.
cheque bancario: o que emite un banco contra outro.
cheque conformado: é aquel cheque no que o banco librado manifesta que tódolos datos sinalados no cheque son conformes e que nese momento pode ser aboado. A conformidade débese consignar no dorso do cheque e o seu efecto radica en que a cantidade estendida no documento queda bloqueada na conta corrente do librador ata o momento en que sexa presentado para cobrar.
cheque cruzado: é un cheque atravesado por dúas liñas paralelas e diagonais que indican que só se pode cobrar mediante o aboamento na conta corrente do tomador. A finalidade dun cheque cruzado é evitar que o poidan cobrar persoas distintas a aquelas a favor das que se estende. Considérase "xeral" se no espacio entre as barras non hai mencións ou se aparecen as palabras "banco" e "cía", polo que poderá ser cobrado a través de calquera entidade financeira. É "especial" se figura o nome dun banco determinado, o que vai implicar que só poderá ser cobrado a través desa entidade.
cheque nominativo: estes cheques só se poderán pagar á persoa física ou xurídica que figura especificada no documento.
cheque ó portador: son cheques que se deberán pagar á persoa que os presenta para cobrar.
cheque postdatado: é o emitido cunha data posterior á do día de libramento.
cheque de viaxe: medio de pagamento moi utilizado nas viaxes a escala nacional ou internacional. O adquirinte compra os cheques de viaxes no seu banco habitual e dispón deles presentándoos nuha oficina bancaria que teña relacións de correspondencia co banco vendedor.

Débeda: Obriga que unha persoa ten de pagar ou reintegrar a outra por causa de ter recibido en préstamo algo anteriormente, normalmente cartos ou un servicio.
débeda amortizable: a que establece a devolución do principal mailos xuros nun prazo de tempo determinado.
débeda consolidada: a que xorde como consecuencia da agrupación e cambio do prazo doutras.
débeda flotante: débeda circunstancial emitida a curto prazo para cubri-los desfases temporais de ingresos e pagamentos existentes na tesourería nun exercicio e tentar estabiliza-lo mercado de capitais.
débeda externa: obrigas contraídas polos residentes dun país por ter tomados préstamos nos mercados estranxeiros.
débeda líquida: obriga que consiste nunha cousa determinada que non depende de ninguha conta ou liquidación.
débeda pública: conxunto de préstamos documentados en títulos valores ou calquera outra formalización recoñecida emitidos polo Estado ou polas súas institucións, colocadas no país ou no exterior.
débeda viva: é a cantidade da obriga que unha persoa, física ou xurídica, ten pendente de pagar ou amortizar.

Debedor: persoa, física ou xurídica que está obrigada legalmente ó pagamento, reintegro ou cancelación dunha débeda.

Deber: 1. obrigación de lle pagar a unha persoa física ou xurídica por unha compravenda ou algunha prestación de servicio. 2. acción de anotar no "debe" dunha conta. 3. apuntar un apuntamento de débito ou cargo nunha contabilidade. 4. recoñecemento de débeda por parte dunha persoa respecto doutra.

Demanda: en termos económicos é a cantidade dun ben ou servicio que un suxeito solicita mercar por un prezo determinado durante un período de tempo.
demanda agregada: é o conxunto de demandas que afectan a tódolos bens e servicios que haxa nunha economía nacional. Pódese subdividir en demanda de consumo, de investimento, do sector público, etc.

Despedimento: extinción do contrato de traballo por descisión do/da empresario/a e que debe estar baseada nun incumprimento previo do traballador.

Desvalorización: Vid. devaliación.

Devaliación: medida que consiste en diminuír voluntariamente o tipo de cambio da moeda nacional en relación co patrón ouro-dólar ou outras moedas estranxeiras.

Efecto:1. mercadoría comercial. 2. nome que se lle dá ó título de crédito que se pode descontar ou transmitir por endoso.

Endoso: cláusula pola que o lexítimo posuidor dun efecto, o endosante, transmite a súa posesión ó endosatario.

Enteiro: no mundo da bolsa é a unidade utilizada para contabiliza-la evolución dos valores ó longo das xornadas. Cada enteiro é o un por cento do nominal. Denomínase tamén punto.

Factura: documento que acredita legalmente a operación de compravenda. Debe incluír tódolos datos necesarios relativos ó vendedor e comprador, así como artigos, engadindo descontos e impostos, embalaxes e portes, cando así se acordase.

Falido:1. persoa que non pode facer fronte a unha débeda. 2. en plural significa rúbrica dun balance que engloba as sumas que teña a empresa nesa situación.

Financeiro: 1. persoa experta na captación e mobilización de recursos. 2. en plural, nome usual que se lles dá ás entidades de financiamento de vendas a prazo, que teñen por obxecto facilita-lo financiamento ás empresas da parte aprazada da venda de productos.

Financiamento: 1. contribución de diñeiro que se fai ou que recibe unha empresa para dedicala ós seus fins. 2. obtención de capitais para realización de proxectos determinados ou para investimentos. O pasivo do balance dunha empresa revela a estructura do seu financiamento. Non é corrrecto o castelanismo *financiación.

Franquía: 1. exención de impostos, dereitos de alfándega, etc. 2. sistema consistente na concesión dunha autorización a un productor ou comerciante para a fabricación ou venda de productos dunhas características determinadas ou nunhas condicións fixadas.

Gravame: carga ou detracción coactiva de recursos que o poder fiscal impón sobre as economías privadas. Neste sentido é sinónimo de "tributo".

Haber: en contabilidade, unha das sumas dunha conta contable, na que anotan as deduccións do capital en funcionamento (activo) ou os beneficios das fontes de financiamento (pasivo) e mailos beneficios do neto.2. propiedade, patrimonio. 3. cantidade gañada periodicamente como consecuencia da prestación de servicios persoais.

Hipoteca: contrato de crédito mediante o cal se rexistra un dereito de garantía sobre a custodia de inmobles, ou que facilita a utilización dos préstamos hipotecarios e a súa cancelación.

Imposto: cantidade que han de paga-los axentes privados da economía obrigadamente ó Estado co fin de financia-las actividades do sector público. O imposto pode ser directo, os que se pagan en función da capacidade económica de cada contribuínte como renda ou patrimonio, ou ben indirectos, aqueles que se pagan pola transmisión de bens, dereitos ou servicios.
imposto de actividades económicas (I..A.E.): ten carácter municipal e grava o exercicio de actividades empresairais,profesionais ou artísticas realizadas no termo municipal.
imposto sobre o patrimonio: de natureza persoal, grava a totalidade de bens e dereitos, de natureza económica, que forman o patrimonio neto das persoas físicas.
imposto sobre a renda das persoas físicas (I.R.P.F.): directo, de natureza persoal, grava a obtención da renda polo suxeito pasivo de forma progresiva, atendendo a circunstancias persoais e sociais do contribuínte.
imposto sobre sociedades: grava de forma proporcional a renda das empresas, sociedades e demais entidades con personalidade xurídica non suxeitas ó imposto sobre a renda das persoas físicas.
imposto de valor engadido (I.V.E.): é un imposto indirecto que recae sobre o consumo a través dunha repercusión sobre os prezos dos bens e servicios vendidos por empresas ou profesionais.

Interese: Vid. Xuro.

Investidor: o que fai investimentos.

Investimento: 1. adquisición de bens de capital para aumenta-la producción ou para facela máis rendible. 2. capitais ou bens investidos.

Investir: emprega-lo diñeiro ou bens para mercar bens ou valores que no futuro poden producir beneficios. Nun sentido estrictamente económico os bens de investimento deben te-la característica esencial de serviren para a futura producción de novos bens e servicios.

Leasing: arrendamento financeiro. Sistema de alugamento de bens de equipo polo cal o alugador lle cede ó cliente os equipamentos en arrendamento durante un tempo. Ó final deste período contratado o usuario pode optar pola compra do equipo pagando o seu valor residual ou pola cancelación.
leasing comercial: aquel no que a propia firma fabricante do ben é a que arrenda en réxime de leasing.
leasing financeiro: cando unha entidade financeira compra o ben para a empresa usuaria e llo cede para o seu uso en réxime de leasing.

Letra de cambio: documento expedido por unha persoa chamada librador mandando a outra persoa chamada librado, para que na data que se indica pague unha certa cantidade de diñeiro á persoa indicada que o librador designa, chamada tomador.

Libramento: orde de pagamento. Mandato por escrito que se dá con toda a formalidade para que se pague unha cantidade de diñeiro a outra persoa. Como condición esencial de todo libramento está a presencia de tres persoas: librador, pagador e beneficiario.

Libranza: orde de pagamento que se dá contra unha persoa que ten fondos ó dispor do que a expide, marcando un beneficiario único ó que se lle pode permiti-la facilidade de pasa-lo seu dereito a un terceiro. É unha fórmula hoxe en desuso. A diferencia da letra, debe ser timbrada de acordo coa tarifa de actos xurídicos documentados.

Non pago: Que non se pagou. É incorrecta a expresión *impagado.

Oferta: ofrecemento de bens, capitais ou servicios que se manifesta de forma individual ou nos respectivos mercados, bolsista, de divisas, monetario, etc.

Orde de pagamento: modalidade de transferencia bancaria pola cal o cliente ingresa na caixa ou autoriza para que se lle retire na conta o importe que desexa sexa pagado en efectivo ó beneficiario.

Orzamento: documento que contén unha previsión, para un determinado período de tempo, dos ingresos e gastos ligados a unha actividade económica.

Pagadoiro: obriga pecuniaria que se ten que cumprir en tempo, lugar e xeito estipulado.

Pasivo: conxunto de elementos patrimoniais dun suxeito económico que representan o total das súas débedas e obrigacións. Sitúase na columna dereita do balance e tamén se coñece en contabilidade como estructura financeira.

Peñor: ben deixado en garantía dunha obriga e, por extensión, o contrato no que se plasma esta operación.

Perdas contables: a que se produce cando ó vender un ben se obtén un importe inferior a aquel polo que aparecía contabilizado.

Poxa: 1. acción e efecto de poxar.
2. venda pública de bens ou alfaias que se fai ó mellor ofertante e regularmente por mandato dun xuíz ou outra autoridade. 3. cantidade que o licitador ofrece.

Prazo: 1. termo ou tempo sinalado para unha cousa. 2. vencemento do termo. 3. cada parte dunha cantidade pagadoira en dúas ou máis veces.

Préstamista: o que dá cartos en préstamo.

Prestameiro: beneficiario dun préstamo.

* Presuposto: Vid. Orzamento.

Prezo:1. expresión en diñeiro do valor dunha cousa. 2. aplícase tamén en fianzas ó se referir á cotización de accións ou custo do diñeiro.
prezo ó par: cando o valor nominal dun título é igual ó do seu prezo; se este é menor falamos de baixoprezo, e se é superior que está sobre o par. ou sobreprezo.
prezo de mercado: o das transaccións fóra de mercado.
prezo xusto: taxación dunha cousa

Prover: 1. dispor, darlle saída a un negocio. 2. subministrar ou facilita-lo preciso para un fin. 3. dictar un xuíz ou tribunal unha resolución que ás veces é sentencia definitiva.

Provedor: persoa que ten ó seu cargo fornecer de todo o necesario, en especial do mantemento.

Quebra: estado de impotencia patrimonial para satisface-las débedas vencidas debido a que o valor dos bens do quebrado é inferior á contía que debe.

Rappel: práctica comercial usual que consiste nun desconto suplementario ou bonificación que lles concede unha firma ós seus clientes sobre o prezo de venda, nunha contía que se relaciona coa súa cifra de compras.

Recibido: recibo con esta palabra inscrita que indica a recepción dun documento, suma, etc. por parte do que o asina.

Recibo: xustificante de recepción de mercadorías ou do pagamento dunha suma.

Remesa: conxunto de cousas, especialmente mercadorías, que se remiten dunha vez.
remesa bancaria: documento que se lle entrega á entidade de crédito coa relación de efectos que se queren descontar.

Rendible: que produce unha renda ou beneficio.

Renda: 1. utilidade ou beneficio que rende anualmente unha cousa ou que dela se cobra. 2. o que paga en diñeiro ou en froitos un arrendatario. 3. débeda do Estado ou títulos que a representan.

Render: deixar como producto ou lucro.

Risco: probabilidade dun dano futuro.
risco país: dificultade de cobramento causada por imposibilidade do debedor de atopar nun país os medios de pagamento con que facer fronte á débeda por falta de reservas, por restriccións ó pagamento externo, etc. 2. conxunto de débedas situadas nun país determinado, incluída a renda pública.

Subasta: Vid. poxa.

Taxa: contraprestación económica en virtude da cal se paga unha cantidade de diñeiro pola prestación dun determinado servicio.

Vale: 1. documento polo que o subscribinte contrae a obriga de pagar a unha determinada persoa ou á súa orde, ou ó portador, certa cantidade de diñeiro no prazo que se fixe. É incorrecto utiliza-lo castelanismo *pagaré

Valorización: aumento no valor dunha cousa.

Venda: contrato polo cal se transfire a dominio alleo unha cousa propia polo prezo pactado.
venda polo miúdo: cando se realiza a venda de forma directa a un cliente e en pequenas cantidades conlevando maiores prezo.
venda por xunto: vendas e outras operacións mercantís en grandes cantidades que abaratan os prezos.

Xuro: cantidade de diñeiro que se recibe ou se paga polo uso dun diñeiro nun período determinado de tempo. Frecuentemente utilizado en plural.
xuro básico do Banco de España: o que aplica o banco emisor nas súas operacións con outros bancos e que ten unhas modificacións que se transmiten ó resto das operacións bancarias.
xuro bruto: interese ou xuro total que se percibirá sen minoración de impostos e gastos.
xuro comercial: resulta de
aplica-la base de ano comercial, isto é, 360 días.
xuro de demora: é o recargo porcentual sobre o interese pactado inicialmente ou un tipo de interese especial pactado no contrato, aplicado como consecuencia da demora no pagamento dunha débeda, tomando como período de interese o que transcorre desde o día en que se debía pagar e o día en que se paga realmente.
xuro líquido: é o interese bruto unha vez deducidos os impostos e os gastos.
xuro real: é o interese nominal fixado nun contrato de préstamo ou depósito, descontada a taxa de inflación.
xuro variable: aquel interese ou xuro que pode ser sometido a axuste no período de tempo que se estableza, conforme un tipo de referencia.

Xustificante de pagamento: documento no que a Administración fiscal recoñece que o suxeito pasivo realizou o pagamento da débeda tributaria.