|
|
Glosario básico inglés-galego sobre a
Internet
Address (enderezo): existen tres tipos de enderezos de uso común dentro de Internet:
"Enderezo de correo electrónico" (email address); "IP" (enderezo Internet);
e "Enderezo hardware" ou "Enderezo MAC" (hardware or MAC address).
Anonymous FTP (FTP anónimo): o FPT anónimo permítelle a un usuario a
captura de documentos, ficheiros, programas e outros datos contidos nos arquivos existentes en
calquera lugar de Internet sen ter que proporciona-lo seu nome de usuario e un contrasinal
("password"). Utilizando o nome especial do usuario "anonymous", o usuario da rede
superará os controles locais de seguridade e poderá acceder
a ficheiros accesibles ó público situados nun sistema remoto.
Archie (archie): sistema para recoller, indexar e servir información dentro de Internet.
As versións iniciais de "archie" proporcionaban un directorio indexado de nomes de
ficheiros de tódolos arquivos de "Anonymous FTP" de Internet. As versións
posteriores permiten outros tipos de obtención de información.
Avatar: personaxe creado nun mundo virtual. Tamén é
o nome dun mundo virtual específico que ademais da estructura clásica
dos MUDs utiliza un contorno gráfico en vez de descricións
textuais. No IRC é unha nova forma de comunicarse utilizando gráficos
para caracterizar ás persoas.
Bitnet: rede de ordenadores de centros docentes e de investigación
que ofrece servicios interactivos de correo electrónico e TCP.
Browsers (navegadores): programas que nos permiten le-los documentos WWW. O navegador
máis popular para WWW é o Netscape, seguido do producto de Microsoft Internet
Explorer.
Bulletin Board System (BBS) (taboleiro de anuncios electrónicos): ordenador e programas
que habitualmente subministran servicios de mensaxería electrónica, arquivos de
ficheiros e calquera outro servicio e actividade que interesan ó operador do BBS. Aínda
que ata hai ben pouco os BBS´s adoitaban estar en mans de afeccionados, existe un número
cada vez maior de BBS´s conectados directamente a Internet e moitos BBS´s son operados
actualmente polas Administracións Públicas, por centros docentes e de
investigación e por empresas.
Client (cliente): un sistema ou proceso que solicita a outro sistema
ou proceso que lle preste un servicio. Unha estación de traballo
que solicita o contido dun ficheiro a un servidor de ficheiros é
un cliente deste servidor.
Crosspost (mensaxes cruzadas): envío dunha mesma mensaxe a moitos grupos de
discusión distintos. Como o spam, é unha violación da netiquette.
Cyberspace (Ciberespacio): termo creado por William Gibson na súa
novela de ciencia-ficción "Neuromancer" para describi-lo "mundo" dos
ordenadores e a sociedade virtual creada arredor deles.
Cybermall (cibercentro): centro comercial na rede onde se ofrecen
todo tipo de productos para a súa compra en liña.
Data Highway (autoestrada da información): a autoestrada de
datos é unha rede continua de redes de comunicacións, bases
de datos e productos de electrónica de consumo capaz de pór
enormes cantidades de información ó alcance dos usuarios.
Digital Cash (Diñeiro dixital): termo que designa o movemento
de cartos no ciberespacio ou os cartos virtuais mesmos. Por unha banda témo-las transferencias
dentro da rede, que avanzan conforme melloran os sistemas
de seguridade e, pola outra, os bancos creados na propia rede que cun sistema
de crédito permiten o pagamento, por medio deste diñeiro virtual,
de distintos servicios que se ofrecen en Internet.
Domain Name System (DNS) (Sistema de Nomes de Dominio): o DNS é
un servicio de busca de datos de uso xeral, distribuído e multiplicado.
A súa utilidade principal é a busca de enderezos IP de sistemas
centrais ("hots") baseándose nos seus nomes. Ó estilo dos
nomes de "hots" utilizado actualmente en Internet chamáselle
"nome de dominio". Algúns dos dominios máis importantes
son .COM (comercial-empresas), .EDU (educación-centros docentes),
.NET (operación da rede), .GOV (Goberno USA) e .MIL (exército
USA). A maioría dos países tamén teñen o seu
dominio propio. Por exemplo, .US (Estados Unidos de América), .ES
(España), .AU (Australia).
Eudora: programa que nos permite a lectura do correo electrónico.
É o máis popular aínda que os navegadores da WWW comezan
a incorpora-los seus propios lectores de correo e noticias.
Electronic Mail (email) (Correo electrónico): sistema polo que
un ordenador pode intercambiar mensaxes con outros usuarios de ordenadores
(ou grupos de ususarios) mediante redes de comunicación. O correo
electrónico é un dos usos máis populares de Internet.
Emoticon: combinación de caracteres que reproduce caras para
expresar estados de ánimo.
FAQ (Frequently Asked Questions) (Preguntas e respostas comúns): sección ó
remate da maioría dos documentos que
figuran por Internet na que se fai un resume dos aspectos máis importantes
dun tema tratado en forma de preguntas-respostas. Tradicionalmente son conclusións
ás que se chega nun grupo de debate para informar ós recén
chegados.
File Transfer Protocol (FTP) (protocolo de transferencia de ficheiros):
protocolo que lle permite a un usuario dun sistema acceder e transferir
a/e dende, outro sistema dunha rede. FTP é tamén habitualmente o nome do programa que o
usuario invoca para executa-lo protocolo.
Flame (chama, lapa): envío de mensaxes de contido ofensivo, normalmente por ter feito un
uso incorrecto da rede ou salta-las normas da netiquette.
Forums (foros) tema sobre o que se debate en UseNet.
Freeware calquera tipo de software que se distribúe para o seu uso público de
xeito gratuíto.
Gateway (pasarela): hoxe utilízase o termo "router" (direccionador) no lugar da
definición orixinal de "gateway". Actualmente unha pasarela é un programa ou dispositivo
de comunicacións que transfire datos entre redes que teñen funcións similares
pero operativas diferentes.
Guru (gurú): o maior, ou dos maiores expertos nunha materia. Os gurús son
wizards cunha traxectoria detrás e un recoñecemento gañado dentro da comunidade
por teren servido de fonte de información e asesoramento.
Hacker (pirata): unha persoa que goza alcanzando un coñecemento profundo sobre o
funcionamento interno dun sistema, dun ordenador ou dunha rede de ordenadores. Este termo sóese
utilizar incorrectamente coma pexorativo, cando con este último significado sería
máis correcto utiliza-lo termo "craker".
Hypertext Markup Language (HTML): linguaxe usada para escribir documentos en Word Wide Web.
Hypertext Transfer Protocol (HTTP): protocolo xenérico necesario para distribuír
e manexar sistemas de información hipermedia. Usado dende 1990.
Integrated Services Digital Network (ISDN): (rede dixital de servicios integrados RDSI)
Tecnoloxía en plena evolución que está comezando a ser ofrecida polas
compañías telefónicas máis importantes. ISDN combina servicios de voz e
dixitais a través da rede nun só medio, facendo posible ofrecer ós clientes
servicios dixitais de datos ademais de conexións de voz a través dun só "cable".
Os estándares da ISDN especifícaos a CCITT.
Internet (Internet): Internet (con "I" maiúsculo) é a maior rede internet do
mundo. Ten unha xerarquía de tres niveis formados por redes de eixo central ("Backbones" coma,
por exemplo, NSFET e MILNET), redes de nivel intermedio e redes illadas ("stubs networks"). Internet
é unha rede multiprotocolo.
Internet Explorer: o navegador de WWW deseñado por Microsoft para competir directamente
co ata o de agora hexemónico Netscape.
Internet Relay Chat (IRC): protocolo de conversas que permite que os usuarios conversen (chat)
con outros en tempo real por medio de texto.
Internet Service Provider (Provedor de Servicios Internet): a empresa ou institución que
nos permite o acceso á rede Internet. Pode darnos acceso total a tódalas utilidades da
rede ou limitado a certos usos como o correo electrónico.
Java: linguaxe de programación multiplataforma que está sendo implementado na WWW
para proporcionarlle interactividade.
Kick off (sacar): acción de expulsar a unha persoa dunha canle do IRC. Só pode
expulsar da canle a persoa ou persoas que teñen o seu control e polo tanto, alguén
será expulsado se fixo algo que non foi do seu agrado.
Lag (Retraso): nas conexións a servidores de IRC ás veces debido á
saturación das liñas as mensaxes chegan con moito retraso. Dise así "teño
un lag de 20 segundos".
Link (ligazón): ligazón que une servidores ou páxinas Web. Na xerga
internauta utilizan o verbo "linkar" para defini-lo salto dun URL (enderezo do WEB) a outro, a partir
do hipertexto.
Link dead (ligazón morta): dise das ligazóns feitas a un URL que xa non existe ou
foi modificado. Tamén se usa a mesma expresión cando, por problemas da rede, un
personaxe dun MUD queda estancado porque perdeu a conexión.
Listserv (lista): listas de distribución de correo electrónico para discutir
sobre un tema determinado. Os usuarios galegos destes servicios designanos roldas, e os propios
usuarios son desígnados como roldeiros.
Login (acceder): identificación requirida para conectarse a un ordenador remoto que
normalmente vai acompañada dunha clave ou password. Tamén é o acto de
conectarse.
Lots of laughs (un lote de risas): expresión utilizada no IRC normalmente na súa
forma abreviada LOL para indicar que se pasou un anaco agradable conversando con alguén.
Lurker (que axexa): aquela persoa que forma parte da comunidade silenciosa que le regularmente
as mensaxes e colaboracións doutras persoas nos foros ou grupos de debate pero non participa ou
faino moi raramente. Non ten connotacións pexorativas e é moi habitual pertencer a esta
categoría.
Majordomo: aplicación que permite a creación de roldas ou foros de
discusión.
Moderator (moderador): persoa que comproba as mensaxes que chegan a un grupo ou rolda para
verificar que as mensaxes están relacionadas ou son apropiadas para o grupo en cuestión.
Tamén existe a robomoderación, feita por un progarama robot que non deixa pasar aquelas
mensaxes que teñen unhas características predefinidas.
MUD (Multi-User Dungeon ou Multi-User Dimension): dimensión Multiusuario, ou Dungeon
multiusuario. Mundos virtuais accesibles vía Internet. Historicamente devivan dun experimento
de intelixencia artificial de Richard Bartle e Roy Trubshaw na universidade de Essex. Son espacios
onde se comparte a conversación en tempo real coa exploración dun mundo predefinido,
ó modo dos xogos de rol. Hai MUDs de distintos tipos, orientados á relación
social, de ambiente fantástico, etc. Unha variante son os MOOs, máis abertos e usados a
miúdo con fins experimentais.
Multimedia (multimedia): material dixitalizado que combina texto, gráficos, imaxe fixa e
en movemento, así coma son.
Netcops (policía da rede): designación pexorativa para os usuarios de Usenet,
roldas ou IRC que dirixen a outros usuarios e flaméanos por non seguiren a netiquette.
Netiquette: os bos modos da rede. As pautas de comportamento que debemos seguir se non queremos
ser mal educados, por suposto, varían segundo o lugar da rede no que desenvolvámo-la a
nosa actividade.
Netscape: o máis popular dos navegadores utilizados para a WWW. Incorpora lector de
noticias e correo.
Network computer (ordenador de rede): concepto de ordenador deseñado por Oracle, Apple,
IBM, Sun Microsystems e Netscape que permite a conexión a redes e á Internet. A
súa orixinalidade reside no baixo custo (moito máis barato ca un PC) e por te-lo sistema
operativo na ROM e usar como disco duro un servidor da rede.
Newsreader (lector de noticias): programa usado para le-las noticias ou foros da USENET.
Nickname (alcume): pseudónimo utilizado no canto do nome real no IRC ou nun MUD.
Node (Nodo): ordenador conectado directamente á Internet.
Online (en liña): termo usado para referirse ó feito de estar conectado á
rede.
Offline (fóra de liña): as actividades realizadas sen estar conectado á
rede. Existen aplicacións que permiten facer tarefas propias de Internet sen necesidade de
estar conectado e, polo tanto, sen paga-los custos de conexión.
Operator (operador): termo usado para designar a quen controla unha canle de IRC e
dispón polo tanto de determinados privilexios como poñe-lo tema da canle ou facer kick
offs. Tamén se usa a expresión "ops" e así "dame ops" para solicitar ser
operador.
Password (palabra de acceso): clave requirida para conectarse a un ordenador ou entrar en
espacios restrinxidos da Internet.
Postmaster (xefe de correos): persoa responsable de solucionar problemas no correo
electrónico, respostar a preguntas sobre usuarios e outros asuntos dunha determinada
instalación.
Pretty Good Privacy (PGP) (intimidade bastante boa): programa freeware de encriptado feito en
1991 por Philip Zimmermann. Permite codificar correo electrónico usando claves de maneira que
unha de uso público que usa a persoa que nos envía unha mensaxe e outra, de uso privado,
que usamos para decodificarmos e só nós coñecemos.
Protocol (protocolo): o xeito específico de realizar unha tarefa determinada aceptada
por tódalas partes implicadas.
Real Audio: aplicación para a rede que nos permite escoitar son en tempo real. É
usado para retransmitir concertosou conferencias ou para que as emisoras convencionais retransmitan a
través da rede conseguindo así unha difusión mundial.
Real Life (vida real): termo para referirse á vida común, fóra do
ámbito da Internet.
RTFM (Read The F****** Manual) (Le o F***** Manual): resposta que se soe recibir cando se
pregunta nun grupo ou foro de discusión algo que xa está contestado con anterioridade.
Normalmente as repostas ás preguntas máis comúns (FAQs) solucionan as maiores
dúbidas dun tema ou obxecto de debate, aconsellan sobre o comportamento e as normas de conducta
dun grupo de discusión, e establecen que é correcto ou non e cales son as preguntas
axeitadas.
Router (direccionador): dispositivo de distribúe tráfico entre redes. A
decisión sobre onde enviar realízase sobre a información de nivel de rede e
táboas de direccionamento.
Search engine (motor de busca): para atopármo-la información na rede botamos man
de bucadores dedicados a ordena-la información e permitirnos atopala introducindo palabras
clave.
Server (servidor): ordenador que prove uns servicios determinados para os usuarios dunha
rede.
Shareware: software de uso público e polo tanto gratuíto do que podemos disfrutar
durante un período determinado de tempo ou cunhas prestacións limitadas. Para podermos
usar tódalas capacidades do software temos que pagar unha pequena cantidade de diñeiro
ó seu creador.
Smiley (sorriso) :-): o máis popular los emoticóns. Representa unha "cara
sorrinte" e é unha forma de "metacomunicación" dos centos que existen e que van do obvio
ó críptico. Este símbolo expresa en concreto "ledicia" pero tamén "broma"
ou "sarcasmo". Se non o ve, xire a súa cabeza noventa graos.
Spam (carne de porco en conserva): spaming é o acto de enviar mensaxes a distintos
grupos de debate sen teren unha relación directa co tema do grupo. A comunidade dos foros
spameados probablemente reaccione con enfado fronte ó autor do spam.
Surfing (navegar): por navegar enténdese o concepto de ir pasando dun web a outro
ó tempo que se obtén a información desexada en formato texto, audio ou
vídeo. Existen uns enderezos URL que conducen ós usuarios a uns buscadores ou
navegadores que facilitan a tarefa de obter información.
TCP/IP Transmission Control Protocol/Internet Protocol (Protocolo de control de transmisión/
Protocolo Internet): o sistema de comunicación usado en Internet.
Telnet: programa que conecta ó usuario a outro ordenador en Internet, convertendo o seu
ordenador nunha terminal do segundo. Úsase para acceder a bases de datos, catálogos de
bibliotecas, etc. ou para permitir participar en xogos ó mesmo tempo con outros usuarios de
todo o mundo.
Undernet: sistema que conecta distintos servidores de IRC de modo que as distintas canles ou
foros son accesibles independentemente do servidor ó que se conecte o usuario.
Usenet: sistema de grupos de debate online (ver newsgroups). Comezou no 1980 como unha rede
UNIX que ligaba sitios que precisaban falar e recibir respostas sobre distintos temas.
URL: para identifica-las páxinas WWW usamos enderezos que reciben o nome de URL.
VRML Virtual Reality Modelling Language (Linguaxe de Modelación da Realidade Virtual):
linguaxe que define como crear páxinas web en tres dimensións.
Webpage (Páxina web): espacio mínimo da WWW que normalmente forma parte dun
website ou sitio web. As páxinas web presentan a información en modo hipertexto e poden
levar contido multimedia: audio, video, imaxe, animación e interactividade.
Wizard (meigo): aquela persoa que destaca polo seu coñecemento dunha materia.
Especialmente quen pode detectar e solucionar rapidamente problemas dun campo. Só se é
un wizard respecto de algo cando se ten un coñecemento moi detallado, por exemplo dunha
aplicación, un sistema operativo, determinado hardware, etc. No mundo dos MUDs os wizards son
persoas que destacan polo seu coñecemento do medio e por teren poderes especiais.
World Wide Web (www ou w3 ) (arañeira mundial): sistema de información
distribuído, con mecanismos de hipertexto creado por investigadores do CERN en Suíza. Os
usuarios poden crear, editar e visualizar documentos de hipertexto. Os seus clientes e servidores
poden accederse doadamente.
X-500: base de datos distribuída por Internet que permite a consulta de datos sobre
persoas, departamentos e organizacións de todo o mundo. Pode porporcionar enderezos de
mensaxería electrónica, postal, teléfonos e números de fax.
ZIP file: ficheiro comprimido usando un programa de compresión para facer máis
rápido o seu transporte pola rede.
|