Orde do 9 de xaneiro de 1997 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de oito bolsas para estadías de persoal dos centros de estudios galegos de universidades de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa colaboración en proxectos de investigación no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

 

O artigo 1 do Decreto 346/1996, do 13 de setembro, en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu artigo 22 establece que o Goberno galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega; asesorará á Administración e ós particulares, e coordinará os servicios encamiñados a consegui-los obxectivos da presente lei.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 1997, figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística e literatura galegas, no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, o cal debe servir de lugar de conexión e relación para os estudios que se fagan en Galicia en outras comunidades.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3º do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 34, do 19 de febreiro) de creación e posta en funcionamento do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

 

Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

 

Primeira.- Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de oito bolsas para estadías e participación en actividades de diversos proxectos de investigación no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, destinadas a licenciados ou estudiantes dos dous últimos anos de licenciatura, vinculados ós centros de estudios galegos existentes en universidades de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Segunda.- Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

Unha asignación mensual que será de 75.000 ptas., 90.000 ptas. ou 100.000 ptas., coa retención fiscal que corresponda, segundo procedan de universidades españolas, da Unión Europea, ou doutros países do mundo, respectivamente. Tense en conta que a percepciónd esta dotación será compatible coa do soldo habitual percibido, pero non con outro tipo de bolsa ou axuda para o mesmo plan de traballo.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 07.06.353F.480.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1997.

 

Terceira.-Duración.

O período de desfrute das bolsas será dun mínimo de dous meses e dun máximo de seis.

A data de incorporación ó centro será dentro dos vinte días seguintes ó da notificación da adxudicación. O bolseiro que non se incorpore no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa xustificada de atraso apreciada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través do director xeral de Política Lingüística.

 

Cuarta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e entregaranse na sede do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro (estrada Santiago-Noia, km 3 - A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días naturais contados a partir do seguinte á publicación da presente convocatoria no DOG.

Os impresos de solicitude deberán ir acompañados da seguinte documentación:

-Currículum vitae, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

-Certificación académica persoal completa.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada na que conste que non dispón doutra bolsa para o mesmo fin e tamén de non ter sido separado do servicio de ningunha Adminstración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

-Declaración da duración prevista da estancia no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

-Plan de traballo que se vai a realizar (1.000 palabras de extensión máxima).

-Informe do profesor-director do departamento universitario ou profesor-encargado do centro de estudios galegos da súa universidade segundo corresponda.

Tódolos documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Quinta.-Selección.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión nomeada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. Estará presidida polo director xeral de Política Lingüística e composta por catro vocais, actuando como secretario o xefe de Servicio de Administración do centro Ramón Piñeiro.

A comisión considerará como solicitudes de especial interese aquelas presentadas por estudiantes universitarios dos últimos anos da carreira, ou xa licenciados, que estean a participar nas actividades sobre lingua e literatura galegas desenvolvidos no centro de estudios galegos da súa universidade.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente.

O presidente da comisión proporalle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a relación de candidatos seleccionados para o seu nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

Sexta.-Obrigas

-Os bolseiros participarán nas actividades que lles encomende a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (a través da Dirección Xeral de Política Lingüística), tendo como centro de referencia o centro de investigacións lingüísticas e literarias Ramón Piñeiro, en horario habitual de xornada de mañá ou tarde.

-O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

-A condición de bolseiro non dará lugar á relación laboral nin administrativa coa Xunta de Galicia.

Sétima.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Oitava.- Pagamento da bolsa.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do coordinador-científico do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro e o visto e prace da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro 1997.

 

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.