Séculos Escuros



Ó final da etapa medieval (s. XIV-XV), a máis gloriosa das letras galegas, o idioma e a literatura galega entran nun período de decadencia.

Diversos foron os factores que provocaron o progresivo decaemento, entre os que cabe salientar: o asentamento no noso país dunha nobreza estranxeira, intransixente coa cultura e coa lingua de Galicia, que vén substituír unha nobreza galega derrotada despois de apoia-los perdedores nas loitas dinásticas pola coroa de Castela, primeiro a Pedro I contra Henrique II de Trastámara e máis tarde (1475-1479) a Xoana a Beltranexa fronte á futura Isabel a Católica; a ausencia dunha burguesía capaz de defende-los seus intereses e os do país; a diminución da poboación; a perda de autonomía da Igrexa galega, etc.

Estes feitos e a crecente política centralista e intervencionista de Castela, afianzan gravemente o proceso desgaleguizador nas clases altas da sociedade e impiden a consolidación do galego como lingua literaria. Neste sistema centralizador aparece, xunto ó concepto de "estado nacional", a necesidade de uniformización lingüística como factor de cohesión da nova estructura política.

A lingua galega, durante o longo período de tres séculos -XVI, XVII e XVIII, denominados SÉCULOS ESCUROS- estivo ausente dos usos escritos, fronte ó castelán e o portugués que entran nun proceso de fixación e codificación, o cal lles confire a categoría de linguas de cultura. Sen embargo, segue a se-la vía normal de comunicación de case a totalidade da poboación. O exclusivo uso oral conlevou a dialectalización e a fragmentación do idioma e, xa que logo, a súa consideración como lingua aliteraria, incapacitada para a ciencia e a cultura.

A nosa literatura queda así á marxe do Renacemento e do Barroco, coincidindo esta súa etapa máis escura co Século de Ouro da literatura castelá. Así e todo posuímos algunhas cartas, documentos e escasas mostras literarias que nos deixan ve-la lingua da época. Paralelamente a este baleiro de literatura erudita, pervive a vea da lírica popular en forma de cantigas de berce, de cego, entroidos, adiviñas, lendas, romances, contos, farsas, etc. Moitos deles chegaron ata hoxe por transmisión oral.

No século XVIII, xorden as voces de denuncia dos chamados "ilustrados", que demostran a súa inquedanza polo subdesenvolvemento de Galicia e ofrecen propostas renovadoras da vida económica, social e cultural. Créanse organismos como as Sociedades Económicas de Amigos do País e a Academia de Agricultura do Reino de Galicia.

Entre este minoritario grupo de intelectuais despunta con forza a figura do Padre Frei Martín Sarmiento, personaxe polifacético -naturista, lingüísta, bibliófilo...- que defendeu o uso do galego no ensino, na administración e na Igrexa, isto é, a súa normalización como lingua propia dos galegos. Participan tamén o Padre Feixoo, o primeiro en rexeita-la condición de "dialecto" para o galego, e o Padre Sobreira, continuador do labor lexicográfico de Sarmiento. A súa obra constituíu a primeira chamada de atención dunha problemática lingüística que se ha manifestar en toda a súa extensión na segunda metade do XIX.
  




Cos Reis Católicos e o asentamento da nobreza estranxeira comeza o periodo chamado Séculos Escuros.


Volver