O inicio Chegada a fin do século XIX constátase unha recuperación do galego como idioma literario, cultural e histórico; asemade patentízase un descenso no nivel de uso oral. A lingua galega non vive aínda unha situación normalizada e iso provoca un retroceso en medios sociais -clases altas e medias- e en ámbitos xeográficos -urbanos- concretos. O contexto socio-político contrasta coa prolífica actividade cultural. A sociedade galega dos comezos do XX seguía a se caracterizar pola concentración do poder económico en sectores minoritarios, por un sistema agrícola aínda feudal e por unha crecente emigración que ía baleirando o país. Agroman asociacións agrarias que canalizan as protestas sociais e acadan gran resonancia no campesiñado, como foi o caso da "Liga Agraria de Acción Gallega". A toma de conciencia dos campesiños, fomentada polo seu acceso á propiedade da terra, unida á evolución do galeguismo cara ó nacionalismo, provoca un salto cualitativo na utilización da lingua. O nacionalismo está tan vencellado ó idioma como esencia de identidade colectiva, que as súas primeiras manifestacións constitúenas as Irmandades da Fala. Creadas para a defensa, dignificación e cultivo do idioma, a primeira Irmandade da Fala fúndase na Coruña en 1916. Séguena outras repartidas polas principais cidades e vilas de Galicia (Ferrol, Ourense, Betanzos, Santiago...). Para o espallamento do seu ideario crearon un xornal de expresión totalmente en galego: A Nosa Terra. Os seus membros máis salientables foron os irmáns Vilar Ponte, Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, etc. En 1918 celebran a "I Asamblea Nazonalista Galega", que tivo como conclusións a reivindicación da autonomía integral, a oficialización da lingua e inclusión de Galicia na Sociedade de Nacións de Xenebra. As Irmandades promoveron a elaboración de diccionarios e gramáticas, estudios lingüísticos e reivindicaron a presencia do galego na Administración e no ensino. Danlle pulo á actividade editorial nas principais cidades galegas: Céltiga en Ferrol, Lar na Coruña, Alborada en Pontevedra, e moitas outras, ademais de frecuentes seccións en galego na prensa en castelán. Neste contexto aparece a Revista Nós, da man de V. Risco, Otero Pedraio e Florentino Cuevillas, que conforman o coñecido "Grupo Nós". A eles lígase a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. |
Portada da revista Nós. |
|
Volver |