Séculos XII ó XV





Capitular das
Cantigas de Santa
María con
Alfonso X.
 


sta é a etapa de maior esplendor da literatura galega. O galego convértese na lingua por excelencia da lírica en toda a Península, agás en Cataluña (poesía trobadoresca). Propiamente debemos falar de lírica galego-portuguesa.

O galego acada agora o rango de lingua internacional, xa que está presente tanto en autores (galegos, portugueses, casteláns, occitanos, sicilianos, etc.), coma en cortes reais e señoriais (Santiago, Toledo, Coímbra, Lisboa...).

As Cantigas de Santa María, composicións feitas en loanza da Virxe, son a mostra da vertente relixiosa desta lírica galego-portuguesa e constitúen o corpus de poesía mariana medieval máis relevante de toda a Península. Foron compostas na corte de Afonso X o Sabio, quen se encargou da dirección e, en ocasións, da propia elaboración. Exemplifican o prestixio acadado polo idioma galego como lingua literaria a finais do século XIII.

En comparanza coa lírica, a prosa literaria medieval en galego é escasa e tardía. Cómpre ter en conta que os centros culturais da época eran os mosteiros e escolas monacais, nos que imperaba o uso do latín eclesiástico. Aínda así, a partir de fins do XIII, e máis significativamente nos séculos XIV-XV, os temas de maior difusión na Europa medieval recóllense en lingua galega. Mostra son os relatos do ciclo bretón arredor da figura do rei Arturo, os textos referentes á historia e destrucción de Troia, como a Historia Troiana e a Crónica Troiana; e os Miragres de Santiago conxunto de relatos que contan desde a destrucción de Xerusalén ata a milagrosa intervención do Apóstolo en diferentes situacións. Inclúense algúns textos dentro da prosa, que son traduccións ou translacións doutras linguas con elaboración propia: Crónica Xeral Galega, General Estoria, Crónica Galega de 1404 e Crónica de Santa María de Iria.


Volver