A década dos 60 | ||
A partir de 1960 vaise producir un conxunto de cambios no eido económico e social que se acompañan dunha leve atenuación da censura. Exemplos deste aperturismo foron a posibilidade de publicacións antes prohibidas como Grial, a instauración da celebración por parte da Real Academia Galega do Día das Letras Galegas, a ampliación do mundo editorial con Ediciós do Castro, as novas asociacións culturais en defensa do galego: O Facho, O Galo, a Asociación Cultural de Vigo... A Universidade galega non queda á marxe das inquedanzas e toma parte activa coa creación en 1965 da Cátedra de Lingua e Literatura Galegas a cargo de Ricardo Carballo Calero. Seis anos despois nace o Instituto da Lingua Galega, cunha obra investigadora desenvolvida ata os nosos días. Nos anos cincuenta a producción literaria na península inicia de novo o seu camiño de forma máis sólida. Unha vez máis foi a lírica a encargada de inicia-lo renacer literario. Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, en 1962 representa a liña social e cívica caracterizadora da poesía dos anos sesenta. Lueiro Rey, Bernardino Graña e Manuel María, son algúns dos autores desta lírica que tenta conxuga-lo discurso político co literario. A narrativa galega sofre un baleiro desde 1936 ata 1951, cando Carballo Calero publica a súa primeira novela, A xente da Barreira. Entre os anos cincuenta e sesenta tres grandes autores, Alvaro Cunqueiro, Blanco Amor e Anxel Fole, desde as súas peculiares formas de narrar, crean unha obra de recoñecida altura universal. Na década dos sesenta Gonzalo Mourullo, Méndez Ferrín e Carlos Casares, entre outros, fanse eco das innovacións da narrativa europea, constituíndo o que se deu en chamar "Nova Narrativa", movemento renovador e revitalizador da nosa prosa. |
Carballo Calero. Blanco Amor. | |
Volver |