Os Setenta e os Oitenta



A instauración da democracia permitiu a consolidación dos xéneros anteriores e a apertura de novos horizontes nos distintos campos literarios en resposta ás esixencias dunha sociedade libre. Galicia pasou de ser un país productor de poesía maioritariamente a interesar e implicar a moita máis xente nos libros que produce, que van desde diversos tipos de ensaio (sociolingüístico e literario- Basilio Losada, Francisco Pillado...- teolóxico e relixioso - Torres Queiruga, Chao Rego..., filosófico - Martínez Marzoa...- histórico - Ramón Villares, Felipe Senén, X. R. Barreiro...) a libros de crónica política, revistas, ...

En narrativa as tendencias son moi variadas e os autores que se deron a coñecer antes do 75 (como Mª Xosé Queizán, Alfredo Conde, Paco Martín, etc.) únense nunha moi heteroxénea nómina de narradores (Victor Freixanes, Xavier Alcalá, Carlos Reigosa, Suso de Toro, Manuel Rivas, Ursula Heinze, Fernández Paz...) que amplían as modalidades narrativas (novela histórica, policial, erótica, realista, etc)

A edición de libros destinados ós lectores máis novos en coleccións infantís (Merlín, Sotelo Blanco Infantil, etc) e xuvenís (Xabarín, Doce por vintedous, Fóra de xogo, Gaivota, Árbore, etc.) é unha das grandes contribucións á normalización da nosa literatura.

A poesía tamén se renova. Méndez Ferrín e Arcadio López Casanova marcan coa aparición dos seus poemarios no 1976 a dirección para unha poesía máis rica e aberta a múltiples influencias. Darío Xoan Cabana, Xulio Valcárcel, Rodríguez Fer, M. Rivas e moitísimos autores están contribuíndo a continuar engrandecendo un xénero asentado desde os inicios da nosa literatura na Idade Media.

O xénero dramático experimentou fondas transformacións na segunda metade do XX. A obra de autores da inmediata posguerra, como A. Cunqueiro ou Carballo Calero, convive coa obra dos novos -Manuel María, Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo...-, que buscan a ruptura formal. Todos eles abren o mundo teatral ás máis novidosas tendencias.

É salientable a aparición a finais dos anos 60 e principios dos 70 do fenómeno dos Grupos de Teatro Independente (O Facho, Teatro Circo...). En 1973 tivo lugar un verdadeiro fito na historia teatral de Galicia: A I Mostra de Teatro de Ribadavia e en 1984 a creación do Centro Dramático Galego. Nestes anos proliferan asociacións que tratan de potencia-lo teatro, especialmente mediante o achegamento a un público xuvenil.

No ano 1978, Galicia igual có resto do Estado, volve a contar cunha Constitución democrática que no seu articulado proclama a "vontade de protexer a tódolos españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas e tradicións, linguas e institucións", ó tempo que senta as bases dunha nova configuración xurídico-política: o Estado das Autonomías.

Co réxime democrático Galicia convértese en Comunidade Autónoma, tendo como linguas oficiais o galego e o castelán. Paralelamente a unha lexislación reguladora dos usos do idioma, cumpría a elaboración dunha lingua estándar. O Instituto da Lingua Galega, creado en 1971, e a Real Academia Galega propoñen en 1982 as Normas ortográficas e Morfolóxicas do idioma galego, que acadan o carácter de oficiais coa promulgación da Lei de Normalización Lingüística.

Ás portas do século XXI a nosa lingua segue a se manter viva, protexida pola lexislación vixente, e cun elevado número de falantes. Só queda, pois, facer camiño tomando como exemplo o teimudo labor daqueles que, dentro e fóra de Galicia, nunca deixaron de fomenta-la presencia e a aportación do pobo galego no mundo.
  




Manuel Rivas.










Xosé L. Méndez Ferrín.










Volver