Producción cultural O galego asentouse nas últimas décadas en diferentes esferas da vida cultural. A edición de libros en galego aumenta progresivamente desde o ano 1983; estas publicacións non se circunscriben exclusivamente ó campo da creación literaria, senón que abranguen tódolos eidos (historiografía, pedagoxía, economía, sociolingüística...); increméntase o número de editoriais galegas (Galaxia, Xerais, Sotelo Blanco, Ir Indo, Ediciós do Castro, Vía Láctea, Edicións do Cumio, Fontel, Bahía, etc.) e de editoriais que, tendo como ámbito de actuación o conxunto do Estado, compiten no mercado galego con coleccións propias e/ou traducindo á nosa lingua obras de diferentes idiomas. No ano 1993 superouse a barreira de máis de mil edicións de libros en galego, sendo un 80% novidades. A convocatoria de premios e concursos fornece a producción editorial en galego. Desde a Administración Local configúranse premios literarios como: "Cidade de Lugo", "Celso Emilio Ferreiro" do Concello de Vigo, "Eduardo Blanco Amor" de novela longa promovido por un conxunto de concellos de toda Galicia, o de narración curta "Ricardo Carvalho Calero", do concello de Ferrol. As propias editoriais convocan premios: o "Xerais" de novela, o "Merlín" de literatura infantil, e outras convocatorias de orixe varia: o "Ramón Cabanillas", o "Álvaro Cunqueiro" para textos teatrais, o "Losada Diéguez"... O teatro representa o sector da producción cultural galega con maiores avances na normalización: un 99% da actividade teatral faise en galego. En 1986 fúndase o Centro Dramático Galego, a empresa teatral máis forte de Galicia, subvencionado con fondos públicos. Tres anos despois, na primavera de 1989, créase o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), como un instrumento optimizador de recursos que situará nunha fronte común o teatro de xestión privada e o institucional. Para o espallamento de toda a arte teatral celébranse ó longo da nosa xeografía festivais, mostras e concursos: Mostra de Teatro Infantil "Xeración Nós" -varios concellos da Ría de Ferrol-, Festival Internacional de Teatro de Ribadavia, Mostra de Teatro Cómico-Festivo de Cangas, etc. Moi lentamente, o galego vaise asentando tamén na producción cinematográfica. A longametraxes coma "Continental", "Urxa", "Sempre Xonxa" hai que sumar novas produccións ("A metade da vida", "Dame Lume", "Dame Algo"...) e mesmo a dobraxe doutras: "A lei da fronteira", "O pico das viúvas"... A producción en Galicia no eido audiovisual en xeral, aínda que escasa, comeza a agromar paseniñamente, en especial desde a creación do Centro Galego de Arte e Imaxe, un centro que ten entre as súas funcións primordiais o arquivo e maila catalogación do patrimonio audiovisual galego e a difusión das artes da imaxe en Galicia. O mesmo efecto positivo tivo a apertura da Escola Galega de Imaxe e Son na Coruña, onde se gravan numerosas curtametraxes e vídeos galegos permitindo que novos creadores se dean a coñecer. O sector da música galega semella que comeza a se recuperar lentamente despois de vivir momentos de relativa efervescencia a finais dos sesenta e a comezos da década dos setenta. Milladoiro é o grupo que máis sona acadou tanto en Galicia coma a nivel internacional, foi galardoado en diferentes países en moitas ocasións pola súa calidade. Malia á competencia das internacionais do disco que potencian case que exclusivamente a música anglosaxona, en Galicia contamos desde hai anos con grupos e solistas con estilos ben diferentes, pero de gran calidade e ampla traxectoria: Carlos Núñez, Os Resentidos, Koros i Dansas, Berroguetto, Luar na Lubre, A Quenlla, Xocaloma, María Manuela e Miguel, Ana Kiro, Suso Vaamonde, Na Lúa, etc. Unhas das novidades músicais máis orixinais e exitosas é o movemento denominado "Rock Bravú" con grupos como Os Diplomáticos -os pioneiros-, Os Túzaros, Papaqueixos, Skornaboys, Heredeiros da Crus, etc. Danse a coñecer con forza a partir do ano 94, asocian a lingua galega co rock&roll, ofrecen diferentes estilos e as súas letras tratan da realidade galega, urbana e rural, de primeira man. A música en Galicia conta hoxe en día con novos valores que traballan a prol do futuro da música galega e en galego. |
Milladoiro é o grupo galego con máis proxección internacional. A edición de libros en galego aumenta progresivamente desde 1983. Dous amigos. Para aumenta-lo número de lectores en galego promóvense campañas de animación á lectura. O teatro é o sector con maiores avances na normalización. |