Prensa escrita


É o sector no que probablemente menos se ten avanzado na extensión do galego. En Galicia non existiu prensa diaria en lingua galega- agás O Tío Marcos da Portela no último cuarto do século XIX, da man de Valentín Lamas Carvajal -ata o 6 de xaneiro de 1994, día en que se publica O Correo Galego. A aparición deste xornal supón unha aportación fundamental para a cultura galega e a extensión do uso da lingua nos medios escritos de información.

No referente á prensa non diaria, tamén a este nivel a presencia do galego é bastante minoritaria, aínda que cómpre salienta-lo avance experimentado coa aparición -a partir de 1977 e despois de intentos frustrados como os das revistas Teima e Mancomún-, de semanarios de información xeral (A Nosa Terra), o xornal quincenal de Ponteareas A Peneira, que leva máis de dez anos saíndo á rúa, e publicacións especializadas (Revista Galega de Educación, A Trabe de Ouro, Cadernos da Lingua, Análise Empresarial, Irimia, Encrucillada, Luzes de Galiza, Olisbos, Dorna, Revista de Literatura, Natureza Galega, Galicia Internacional...) integramente en lingua galega.

Prodúcense tímidos avances da presencia do galego nos medios escritos, a través da publicación de suplementos culturais ou deportivos na nosa lingua e recentemente, aparecen algunas noticias en galego en xornais editados en Galicia. Na liña de aumenta-la presencia do galego en xuño de 1995 o Parlamento galego aprobou unha proposición non de lei pola que a Xunta de Galicia e o propio Parlamento se dirixirán ós medios de comunicación para que reproduzan en galego as informacións xeradas por ámbalas dúas institucións.

Paralelamente a esta escasa presencia elabóranse varios estudios e traballos sobre esta realidade á vez que comezan a xurdir publicacións útiles para os xornalistas que desexen realiza-lo seu traballo en galego.

O nacemento da Facultade de Ciencias da Información -da que xa saíron dúas promocións- ten que cumprir un papel determinante na formación e cualificación dos futuros xornalistas no uso normal da nosa lingua.
 




As revistas especializadas son máis sensibles ó uso normal do galego.





O semanario A Nosa Terra publícase desde o ano 1997.


Volver