Barra de navegacion



O galego no mundo


Foron os miles de homes e mulleres que tiveron que abandona-la súa terra, ben por razóns económicas ou de traballo, ben por razóns políticas, os que asentaron as bases do que é hoxe o galego no mundo.

Esa diáspora tivo varias fases, a primeira comezou xa no século XVIII, cando miles da galegos saíron a traballar como xornaleiros ás terras andaluzas, castelás e portuguesas.

Entre 1860 e 1936 localízanse a meirande parte dos fluxos de poboación galega con destino a Cuba, Arxentina e Brasil.

Esta emigración era maioritariamente masculina, deixando aquí mulleres e nenos, "As viudas de vivos e as viudas de mortos" de Rosalía. Nesta fase calcúlase que máis de medio millón de persoas deixaron Galicia. Trala Guerra Civil péchanse as fronteiras á emigración durante uns anos -agás os exiliados políticos-, pero xa na década dos cincuenta reanúdase a migración cara a Arxentina e, un novo destino, Venezuela. Así mismo comeza a emigración galega a Centroeuropa -Reino Unido, Francia, Alemaña e Suíza- así como ás grandes zonas industriais de España: Cataluña, Euskadi e Madrid. Este proceso fréase nos primeiros anos dos setenta.

A aportación cultural dos galegos emigrados nun primeiro momento non foi tan significativa como a forza que tiveron as asociacións galegas nas diferentes capitais sudamericanas a causa da orientación mutualista e asistencial que os caracterizaba.

Con todo, o seu labor maniféstase no apoio dado ós homes das Irmandades e na súa contribución á tarefa científica do Seminario de Estudos Galegos. A principios de século fúndase en Cuba a Academia Galega, apoiada por Curros Enríquez entre outros.

Coa chegada dos exiliados, a actividade cultural e política medra notablemente, como continuación do labor que se estaba a desenvolver na Península nos anos precedentes á Guerra. Víronse apoiados abertamente coa colaboración dos emigrantes xa asentados. Fúndanse Padroados de Cultura en diferentes países, sobre todo en Sudamérica e México; o "Padroado de Cultura Galega" de México aparece en 1953 e confórmase como foco de atracción e promoción de iniciativas culturais.

En Arxentina creáse o "Instituto Arxentino da Cultura Galega" e o "Consello de Galiza" de carácter político. A producción cultural foi amplísima: programas de radio en galego, conferencias, publicacións de libros e revistas...

As editoriais fundadas polos emigrantes permitiron que saíran á luz pública as súas creacións literarias e de investigación, ensaios políticos, as obras dos clásicos, etc.

As revistas convertéronse nun dos medios de comunicación máis comúns nas colectividades galegas, ademais dalgúns xornais. Entre as moitas podemos citar: Galeuzka (1954, Bos Aires), Vieiros (1959, México) e Galiza Emigrante.

Arxentina xogou o papel de capital espiritual de Galicia. Alí realizouse un enorme traballo da man de homes da talla de Castelao, Blanco Amor, Luís Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Lois Tobío... Estrea Castelao Os vellos non deben namorarse, reedítase a obra poética de Curros e Rosalía, séguese a mante-la revista Nós e A Nosa Terra.

Á radio tiróuselle moito proveito cara a difusión dos valores culturais galegos e do pensamento galeguista. En Montevideo, o 3 de setembro de 1950 saiu ó aire por vez primeira o programa Sempre en Galiza, que aínda hoxe segue en antena, emitido integramente en galego. Luís Seoane promoveu outros programas en Arxentina, que non se puideron realizar na nosa lingua por imperativos do contexto político.

A emigración cara a Europa iniciouse de xeito masivo na década dos sesenta, impulsada pola necesidade de man de obra nos países europeos.

Suíza, Reino Unido e Alemaña son os destinos principais dos emigrantes galegos, ademais de Holanda, Bélxica e Francia.

O paso do tempo vai sendo testemuña do nacemento de asociacións, irmandades, sociedades e centros que reunen ós emigrantes galegos como colectividade con carácter propio. O obxectivo básico destas agrupacións é a protección dos seus asociados fronte ás grandes dificultades que se lles ían presentando nun medio alleo. Sería interminable a lista de Centros e Casas de Galicia hoxe activas ó longo da xeografía europea.

A emigración do interior do Estado non foi menos importante, aínda que menos numerosa. Na actualidade, os moitos Centros Galegos e Casas de Galicia espalladas por España desenvolven unha salientable actividade cultural que facilita o contínuo coñecemento da identidade galega.
 














Revista editada polo Padroado da Cultura de México.








Os exiliados galegos desenvolveron unha intensa actividade política, cultural e editorial.














Os centros e Casas de Galicia mantiveron vivas as nosas tradicións.