Biblioteca:
Propostas de normalización lingüística na administración local

A Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística


 

Capítulo Cuarto: das relacións coas e cos administrados


Artigo V

5.1. Tódolos expedientes administrativos do Concello de ........ tramitaranse en lingua galega.

5.2. Sempre que calquera interesado o solicite formalmente entregaranselle os documentos que lle afecten ou interesen na lingua oficial que demandase. En calquera caso non se interromperá a tramitación en galego.

5.3. As comunicacións e notificacións dirixidas a persoas físicas e xurídicas residentes no ámbito lingúístico de Galicia faranse en lingua galega, sen prexuízo do dereito dos cidadáns a recibilas, se o demandan formalmente, en castelán.

5.4. Os expedientes que haxan de ter algúns ou tódolos efectos fóra do territorio no que a lingua galega é idioma oficial, faranse tamén en galego, e expediranse, se acaso, copias na lingua propia do territorio onde se dirixan, ou en castelán.


Artigo VI

Os impresos ofreceranse en versión galega, sen prexuízo do dereito dos particulares a cubrilos en castelán. O Concello facilitará a traducción ó castelán daqueles impresos que así se soliciten.


Artigo VII

Só se farán impresos bilingües cando algunha circunstancia especial así o requira, de acordo coas orientacións que estableza a Comisión á que se refire o artigo 30, a proposta do Servicio de normalización lingüística o texto galego figurará sempre de forma preferente.


Artigo VIII

Nas súas comunicacións administrativas orais, o persoal do Concello empregará a lingua galega, a non ser que o/a administrado/a demande expresamente ser atendido/a en castelán.


Artigo IX

Os documentos públicos e os contractuais outorgados polo Concello redactaranse sempre en galego. No caso en que o Concello concorra xunto con outros outorgantes, o documento redactarase tamén na lingua que se acorde, e se acaso o Concello solicitará unha copia auténtica en galego para incorporala no expediente.


  Capítulo Terceiro    |    Capítulo Quinto