Lexislación: Xeral Básica Lei 3/1983, do 15 de xuño de Normalización Lingüística | ||
Título III DO USO DO GALEGO NO ENSINO Artigo 12 1. O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en tódolos niveis educativos. 2. A Xunta de Galicia regulamentará a normalización do uso das linguas oficiais no ensino, de acordo coas disposicións da presente Lei. Artigo 13 1. Os nenos teñen dereito a recibi-lo primeiro ensino na súa lingua materna. O Goberno Galego arbitrará as medidas necesarias para facer efectivo este dereito. 2. As Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promove-lo uso progresivo do galego no ensino. 3. Os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razón da lingua. Tamén se evitará, a non ser que con carácter excepcional as necesidades pedagóxicas así o aconsellaren, a separación en aulas diferentes. Artigo 14 1. A lingua galega é materia de estudio obrigatorio en tódolos niveis educativos non universitarios. Garantirase o uso efectivo deste dereito en tódolos centros públicos e privados. 2. O Goberno Galego regulamentará as circunstancias excepcionais en que un alumno pode ser dispensado do estudio obrigatorio da lingua galega. Ningún alumno poderá ser dispensado desta obriga se tivera cursado sen interrupción os seus estudios en Galicia. 3. As autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantirán que ó remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán. Artigo 15 1. Os profesores e os alumnos no nivel universitario teñen o dereito a empregar, oralmente e por escrito, a lingua oficial da súa preferencia. 2. O Goberno Galego e as autoridades universitarias arbitrarán as medidas oportunas para facer normal o uso do galego no ensino universitario. 3. As autoridades educativas adoptarán as medidas oportunas co fin de que a lingua non constitúa obstáculo para facer efectivo o dereito que teñen os alumnos a recibir coñecementos. Artigo 16 1. Nos cursos especiais de educación de adultos e nos cursos de ensino especializado nos que se ensine a disciplina de lingua, é preceptivo o ensino do galego. Nos centros de ensino especializado dependentes da Xunta de Galicia establecerase o ensino da lingua galega nos casos en que o seu estudio non teña carácter obrigatorio. 2. Nos centros de educación especial para alumnos con deficiencias físicas ou mentais para a aprendizaxe, empregarase como lingua instrumental aquela que, tendo en conta as circunstancias familiares e sociais de cada alumno, mellor contribúa ó seu desenvolvemento. Artigo 17 1. Nas Escolas Universitarias e demais centros de Formación do Profesorado será obrigatorio o estudio da lingua galega. Os alumnos destes centros deberán adquiri-la capacitación necesaria para facer efectivos os dereitos que se amparan na presente Lei. 2. As autoridades educativas promoverán o coñecemento do galego por parte dos profesores dos niveis non incluídos no parágrafo anterior, a fin de garanti-la progresiva normalización do uso da lingua galega no ensino. | ||
Título II | Título IV |