Lexislación:
Xeral Básica


 

Lei 3/1983, do 15 de xuño de Normalización Lingüística

(D.O.G.: 14/7/83)


O proceso histórico centralista acentuado no decorrer dos séculos, tivo para Galicia dúas consecuencias profundamente negativas: anula-la posibilidade de constituír institucións propias e impedi-lo desenvolvemento da nosa cultura xenuína cando a imprenta ía promove-lo grande despegue das culturas modernas.

Sometido a esta despersonalización política e a esta marxinación cultural, o pobo galego padeceu unha progresiva depauperación interna que xa no século XVIII foi denunciada polos ilustrados e que desde mediados do XIX, foi constantemente combatida por tódolos galegos conscientes da necesidade de evita-la desintegración da nosa personalidade.

A Constitución de 1978, ó recoñece-los nosos dereitos autonómicos como nacionalidade histórica, fixo posible a posta en marcha dun esforzo constructivo encamiñado á plena recuperación da nosa personalidade colectiva e da súa potencialidade creadora.

Un dos factores fundamentais desa recuperación é a lingua, por se-lo núcleo vital da nosa identidade. A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade. Únenos co pasado do noso pobo, porque del a recibimos como patrimonio vivo, e uniranos co seu futuro, porque a recibirá de nós como legado da identidade común. E na Galicia do presente serve de vínculo esencial entre os galegos afincados na terra nativa e os galegos emigrados polo mundo.

A presente Lei, de acordo co establecido no artigo 3 da Constitución e no 5 do Estatuto de Autonomía, garante a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia e asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo.

Polas devanditas razóns, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13°, 2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, regulamentadora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a LEI DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA.


Título I: Dos dereitos lingüísticos en Galicia

Título II: Do uso oficial do galego

Título III: Do uso do galego no ensino

Título IV: Do uso do galego nos medios de comunicación

Título V: Do galego exterior.

Título VI: Da administración autonómica e a función normalizadora.

Disposicións adicional e final.