Anos 20 e 30



Os membros de "Nós", cunha ampla formación intelectual, marcan como finalidade a eliminación do lastre do folclorismo da cultura galega, mediante a súa actualización, normalización e universalización. A revista contaba coa colaboración de autores estranxeiros (portugueses, irlandeses, cataláns, franceses...), que a poñían en contacto coas correntes europeas, ademais de traduccións variadas e artigos tanto de carácter científico -arqueoloxía, etnografía, antropoloxía, socioloxía...- coma literarios.

O emprego do galego en estudios científicos potenciouse coa creación do Seminario de Estudios Galegos (1923), dedicado a investigacións sobre a realidade galega e ó estudio de tódalas súas manifestacións. Foi fundado por un grupo de mozos universitarios: Fermín Bouza Brey, Filgueira Valverde, Lois Tobío...; ós que axiña se sumaron outros como Ricardo Carballo Calero, Antonio Fraguas ou Xaquín Lorenzo.

A obra literaria destes intelectuais, que recuperan campos como o ensaio abrindo novos horizontes, outórgalle á prosa galega un grao de desenvolvemento pleno e integra a nosa cultura no contexto europeo: Arredor de si, Devalar ou Os camiños da vida, de Ramón Otero Pedrayo e Os europeos en Abrantes e
O porco de pé, de Vicente Risco, son títulos que forneceron á nosa literatura -ó lle incorporar temáticas universalistas, lendarias e exóticas, urbanas e pensamentos filosóficos- de novas técnicas de creación que se estaban a desenvolver na literatura europea.

A feble tradición do xénero dramático recibiu un pulo coa creación desde as Irmandades do Conservatorio Nacional de Arte Galega, en 1919, que logo pasa a ser Escola Dramática Galega.

Os movementos europeos de vangarda non lle resultan alleos á lírica galega.Os autores da chamada "Xeración do 25" -Manuel Antonio, Amado Carballo, Bouza Brey- demostraron unha grande vontade de orixinalidade creativa que pasa polo enfrontamento aberto coas formas tradicionais de poesía.

Merece mención á parte a figura polifacética de Castelao. É un clásico da literatura galega en tódalas áreas nas que se manifesta a súa arte: novela, teatro, narrativa breve e ensaio político -Sempre en Galiza obra mestra do nacionalismo galego- e outras obras que reflicten conxuntamente a súa capacidade como debuxante e literato. Castelao entraña unha grande significación política plasmada na súa obra ensaística e na súa participación activa e directa na política do país (Deputado da República nas filas do Partido Galeguista).

En 1931 créase o Partido Galeguista, que consegue a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, no que a lingua galega adquire por vez primeira o recoñecemento de "idioma oficial de Galicia". Este logro importantísimo non chegou a ter aplicación práctica na realidade por mor do estoupido da Guerra Civil (1936), que supuxo o principio da máis crúa etapa para as linguas non oficiais do Estado español.
  




Anteproxecto de Estatuto de
Autonomía de Galicia,
elaborado polo Seminario
de Estudios Galegos.


Volver