Na administración
O afianzamento dunha Administración propia, asentada na autonomía política de Galicia, conleva o emprego do galego como idioma de comunicación cos individuos e cos diferentes sectores sociais, económicos, políticos e culturais que conforman o país ó que pertence.
A Administración Autonómica está obrigada a potencia-la extensión e o uso do galego non só por mandato legal, senón tamén por se-la lingua propia do país que goberna e ser, coas outras administracións, un referente de prestixio.
A actividade dinamizadora e de sensibilización do uso do galego en
tódolos niveis da vida pública canalízase a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Para complementa-lo seu labor, no ano 1990 constituiuse a Comisión
Coordinadora para a Normalización Lingüística, que ten
como finalidade coordinar e impulsa-las actuacións das diferentes
Consellerías neste ámbito.
As actuacións normalizadoras nas diferentes Administracións
concretáronse, nunha primeira andaina, na formación do funcionariado
a través de cursos de iniciación e perfeccionamento promovidos
pola DXPL, os cales tiñan como fin atinxi-lo dominio oral e
escrito da nosa lingua para poder atender e informar ós cidadáns en galego.
A difusión e a normalización do idioma galego na Administración Pública, a capacitación lingüística do persoal e a colaboración na fixación da linguaxe técnica, xurídica e administrativa galega son os obxectivos que enmarcan o nacemento da Escola Galega de Administración Pública.
A EGAP imparte cursos básicos e de especialización de galego
e cursos de linguaxe administrativa e xurídica destinados a tódolos funcionarios de calquera administración galega. Desde o ano 1993 conta no seu organigrama cunha sección específica de Linguaxe Administrativa galega.
Este labor formativo propiciado desde a Administración autonómica, complementouse con diferentes actuacións (publicación de formularios, impresos, cartas e circulares; rotulación de dependencias; elaboración de vocabularios, etc) e campañas de sensibilización dirixidas especificamente ó funcionariado das diferentes Administracións.
Os cidadáns teñen na institución municipal a administración máis achegada e, xa que logo, un contacto lingüístico directo, tanto oral coma escrito. De aí a importancia da tarefa normalizadora desde a Administración Local. Varios concellos -Redondela, Fene, Vigo, Santiago, Moaña, Allariz, Cervo, Vilalba, Cangas, Pontedeume e outros- constituíron un Servicio de Normalización Lingüística, que conta polo menos con un especialista en lingua galega, subvencionados parcialmente nalgúns destes casos polo Goberno Autónomo ou financiados exclusivamente polo concello respectivo. As funcións que deben realizar desde o concello establécense a dous niveis: un interno, coa normalización de formularios e impresos, confección de actas, edictos, convocatorias, etc., en galego; e outro externo, ofrecendo ó publico asesoramento lingüístico e garantindo a presencia da lingua galega en tódalas actividades municipais de carácter público, necesaria para obte-la asunción do compromiso idiomático por parte da veciñanza.
Os Servicios de Normalización Lingüística das Deputacións Provincias reflicten a súa preocupación polo proceso lingüístico. Os primeiros pasos normalizadores déronos a través da súa oferta cultural, deportiva e de actividades de lecer.
Na Administración de Xustiza creáronse tamén Gabinetes de Normalización no Tribunal Superior e nas Audiencias de Pontevedra, Lugo e Ourense. Cómpre sinalar que un número, aínda minoritario, de xuíces emprega habitualmente o galego no seu traballo profesional.
Mención á parte merece o labor desenvolvido por organizacións en defensa do noso idioma coma a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística ou A Mesa pola Normalización Lingüística, que non só protagonizan importantísimas campañas de sensibilización entre o funcionariado, senón que dinamizan o proceso normalizador ó formularen e propoñeren diferentes alternativas para avanzar no mesmo.
Os concellos son a administración máis achegada ós cidadáns. |
|
Fálalle galego foi unha das primeiras campañas de sensibilización desenvolvida pola DXPL.
Para normaliza-lo uso do galego na administración leváronse a cabo actuacións dirixidas ó funcionariado.
As asociacións en defensa do idioma e os colectivos profesionais xogan un papel moi importante na dinamización do proceso normalizador.
|