O galego no ensino Na actualidade podemos distinguir dous grandes niveis nos ámbitos de acción normalizadora dentro da educación: dunha banda o ensino primario e secundario e da outra as accións desenvolvidas no ámbito universitario. O eido de maior significación e transcendencia cara ós esforzos normalizadores é o ensino. Os máis novos son o sector fundamental para a aprendizaxe, cultivo e extensión dunha lingua minorizada, xa que eles conforman o futuro máis próximo. O eido do ensino experimentou grandes cambios cualitativos, aínda que o castelán segue a ser predominante en diferentes centros. O conxunto de actividades desenvolvidas nos últimos anos articúlanse basicamente en torno ás directrices recollidas pola Lei de Normalización Lingüística concretada posteriormente nunha ampla codificación legal. Así, dunha ausencia absoluta do galego na historia do ensino, pasamos a unha presencia progresiva, aínda que insuficiente, da lingua galega na escola. Centráronse as primeiras medidas adoptadas na obrigatoriedade do ensino da lingua e a literatura galega en tódolos niveis educativos non universitarios. |
A normalización no ensino experimentou cambios cualitativos. |