Ensino primario e secundario O primeiro paso que se deu neste eido foi a introducción da materia de lingua galega, no ano 1979, na etapa preautonómica. Sen embargo, o estudio dunha lingua, non garante, nin moito menos, a adquisición da competencia nela. Axuda a adquirila, obviamente, pero a competencia plena só se adquire co seu uso en diferentes contextos comunicativos. De aí que, a partir de 1988, recollendo o sentir de importantes colectivos do profesorado, centrais sindicais, movementos de renovación pedagóxica, organizacións en defensa do idioma... se lexislase no sentido de acadar como obxectivo básico "conseguir que nos ciclos nos que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis orais e escritos, en igualdade co castelán". A entrada en vigor da LOXSE, obrigou á administración educativa de Galicia a adapta-la lexislación vixente na materia a este novo marco. O Decreto 247/1995 no seu primeiro artigo detalla o uso da lingua galega na administración educativa de Galicia incidindo na obrigación non só de utiliza-lingua galega, senón tamén de fomenta-lo seu uso, en toda actuación: documentos de réxime interno, tales como certificados, horarios, expedientes, rótulos,...; nas relacións con outros centros; con calquera administración territorial ou local galega así coma coas entidades públicas ou privadas. A introducción do galego como lingua normal do noso ensino aparece regulada ó longo do capítulo II do citado decreto. A lingua materna predominante entre o alumnado será a que se use na etapa de educación infantil e no primeiro ciclo de primaria sen descoida-lo estudio e coñecemento da outra lingua oficial. O Decreto dispón a necesidade de atender de xeito individualizado a aqueles alumnos e alumnas do grupo que non teñan coñecemento suficiente da lingua materna predominante, Nos ciclos superiores impartirase un número determinado de discipinas en lingua galega, que varían segundo o nivel. Así en educación secundaria obrigatoria impartirase en lingua galega a área de ciencias sociais e de ciencias da natureza, e das optativas a área de ciencias medioambientais e da saúde ou a optativa que se oferte. Xa en bacharelato as materias que que se desenvolverán en galego serán a filosofía, diferentes materias específicas e determinadas optativas. Na formación profesional específica serán as disciplinas que faciliten a integración socio-laboral do alumno ou alumna aquelas nas que o galego será lingua vehicular O resto do articulado do Decreto manifesta a obriga da Administración de velar polo seu cumprimento así como de garanti-lo equilibrio entre as dúas linguas oficiais e coidar que ningún alumno ou alumna deixe de seguir con proveito as ensinanzas que se impartan en lingua galega por non ter dominio de abondo do idioma. Se a impartición en galego das disciplinas é necesaria, a formación do profesorado en lingua galega non o é menos, xa que os mestres son axentes e modelos a imitar para os máis novos. Tódolos centros de ensino deben ter un equipo de desenvolvemento da normalización lingüística, coordinador das actividades do conxunto dos membros do colexio ou instituto, encargado do efectivo cumprimento da Lei de Normalización Lingüística no seu centro e potenciador de actividades normalizadoras que impliquen a tódolos sectores da comunidade educativa, procurando que asuman o compromiso de uso da súa lingua propia. Os equipos dos diferentes centros das comarcas manteñen contactos entre si a través de xuntanzas ás que debe acudi-lo coordinador de cada centro. Dinamizan e axudan nas actividades didácticas e pedagóxicas de fomento do uso do galego e participan en encontros, xornadas e seminarios nos que se intercambian experiencias. Por outra parte, a convocatoria de cursos de iniciación, perfeccionamento e especialización de lingua galega para o profesorado vénse realizando sistematicamente desde hai anos, xa que a normalización debe ir acompañada da preocupación polo dominio da lingua. O conxunto de actuacións orientado á comunidade escolar non esquece o sector dos pais, determinante na transmisión oral da lingua. As Asociacións de Pais de Alumnos teñen unha vía oficial de axudas para o desenvolvemento de cursos e de programas destinados á promoción do noso idioma. O papel das organizacións en defensa do idioma, dos movementos de renovación pedagóxica, sindicatos, organizacións estudiantis... é determinante no avance da galeguización do ensino. Doutra banda, tamén hai que salienta-lo labor de asociacións de pais e nais que tentaron rompe-la discriminación do idioma galego no campo educativo, como a coñecida APADEL ou a que actualmente promove A Mesa pola Normalización Lingüística de Galicia. |
A normalización do galego no ensino pasa pola implicación de tódolos colectivos. Os equipos de normalización lingüística protagonizan diferentes iniciativas para involucrar á mocidade. O estudio do galego non garante a adquisición da competencia plena na nosa lingua. |