O galego na universidade Galicia contou ata hai ben pouco só coa Universidade de Santiago de Compostela, mais en 1989 e 1990 créanse as Universidades da Coruña e de Vigo. O compromiso das Universidades coa reivindicación da lingua resulta transcendental nunha dobre dimensión: polos diferentes campos da cultura que abrangue e pola súa condición de referente social de prestixio. Ademais do marco da lexislación vixente na Comunidade Autónoma de Galicia, os Estatutos das tres institucións recollen a oficialidade da lingua galega, xunto co castelán. A Universidade de Santiago vai máis alá coa aprobación por parte da súa Xunta Rectora do Regulamento de Uso da Lingua Galega, que responde á necesidade de ter un marco referencial para homoxeneizar criterios lingüísticos diversos en situacións comunicativas idénticas. A Universidade galega mantivo sempre ó longo da súa historia unha actitude favorable cara á lingua, desde os tempos do Seminario de Estudios Galegos ata os movementos estudiantís dos sesenta. A tradición coa que conta a Universidade compostelá facilitou a súa andaina cara ás actuacións a prol da lingua. En 1984 crea o Servicio de Traducción no Rectorado, que tivo como principal obxectivo introduci-lo galego nas actuacións administrativas da entidade. Dous anos despois, 1988, constitúese o Servicio de Normalización Lingüística, cun Técnico de Normalización Lingüística á fronte. Nos seus comezos promoveu a organización de cursiños de galego para o alumnado, o profesorado e o PAS, o fomento das publicacións en galego e a creación de comisións de terminoloxía científica cara á elaboración de vocabularios e de nomenclaturas que sirvan de material de apoio na docencia. A celebración de congresos, xuntanzas e actividades que permitan o intercambio de experiencias con Universidades doutras zonas familiarizadas co tratamento desta problemática, o deseño de campañas normalizadoras, -como a exitosa "¡En galego o que ti queiras!" en colaboración con organizacións estudiantís e a Mesa-, ou a traducción do Tratado da Unión Europea, son algunhas das actuacións de carácter máis inmediato que se estenden fóra do eido universitario repercutindo no conxunto da sociedade galega. A Universidade de Vigo constituíu igualmente un Servicio de Normalización Lingüística. O Servicio ten as mesmas funcións có compostelán. Un dos primeiro froitos deste órgano é o estudio A lingua galega na Universidade de Vigo. Situación actual. Estudio estatístico. Posteriormente elaborou programas de dinamización, encontros como poden se-las Xornadas de Dinamización e Normalización Lingüística, en colaboración coa Administración local, ou publicacións de vocabularios útiles e necesarios para as diferentes carreiras universitarias. No ano 1991 a Universidade da Coruña creou o "Gabinete de promoción do uso do idioma galego", que iniciou xa as súas primeiras actuacións. Unha delas foi a participación na campaña de sensibilización "En galego estamos no mundo", coas Universidades de Santiago e de Vigo, e a súa presencia e colaboración nas "Xornadas de Normalización Lingüística Universitaria, que reúnen a tódalas universidades do Estado con dúas linguas oficiais. Cabe salienta-la celebración no ano 94 das Xornadas polo galego na informática" que contaron coa presencia de profesores e decanos das facultades das universidades coruñesa e catalana. Os niveis de coñecemento da nosa lingua por parte de tódolos sectores pertencentes ó mundo universitario son altos, de aí a necesidade de lle dar continuidade ó labor emprendido para atinxi-las mesmas cifras nos niveis de uso. Os resultados das enquisas desenvolvidas no distrito universitario galego, publicadas polo Consello da Cultura Galega, mostran que máis do 90% entende o galego e que un 80% do alumnado e dos PAS e as 3/4 partes dos profesores considéranse capacitados para o falaren. No que respecta ó estudio antes citado da Universidade viguesa, os datos de nivel de coñecemento seguen a ser positivos, e de xeito salientable as cifras referidas a actitudes cara a actuacións de promoción do galego como lingua da Universidade. Un 90% do alumnado di entender moi ben o galego e un 51,2% falalo; o 92,5% do profesorado e o 83,2% dos PAS entende ben ou moi ben o galego. A proxección internacional do idioma galego plásmase na súa presencia en universidades e organismos culturais espallados por distintos países. A propia Unión Europea, no ano 94, decidiu estende-lo programa Sócrates, que engloba as accións do Erasmus (mobilidade de etudiantes), e Lingua (aprendizaxe de linguas estranxeiras), ás linguas cooficiais de España, galego, eusquera, catalán e valenciano. Dentro dos límites do territorio español a Universidade Central de Barcelona creou a Licenciatura de Galego-Portugués por propia iniciativa e financiamento. Posteriormente, xa no 94, ampliouse a oferta coa sinatura dun acordo entre a Consellería de Educación e O.U. e a mesma Universidade polo que se crean dous lectorados. A Universidade de Deusto adhírese a este tipo de acordos, establecendo un convenio coa Administración galega para a constitución da Cátedra de Estudios Galegos, incluída na súa Facultade de Filosofía e Letras; dentro dos seus cursos de doutoramento contempla estudios de temática galega. En 1993 a Xunta de Galicia e a universidade de Salamanca asinaron un convenio para fomenta-lo estudio de lingua e a literatura galega, mantendo na licenciatura e doutoramento en Filoloxía os estudios de lingua e literatura galega. A expansión da rede de ensinanza do galego no estranxeiro comezou xa no 1990 dende a Dirección Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Secretaría de Relacións coas Comunidades Galegas. Neste ámbito máis internacional desenvólvese progresivamente un amplo abano de actuacións que levou a contar con máis de 30 centros de estudios, lectorados ou seminarios instalados en universidades de todo o mundo. |
Primeira campaña de dinamización lingüística desenvolvida nunha universidade. A universidade mantivo ó longo da súa historia unha actitude favorable cara á lingua. A Universidade de Santiago conta dende o 1986 con servicio de normalización lingüística. Os estatutos das universidades galegas establecen que o galego é lingua oficial na universidade. |