Lexislación: Administración de Xustiza | ||
Lei Orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do Poder Xudicial (B.O.E. do 1 e 2 de xullo, nº 156 e157) TÍTULO III DAS ACTUACIÓNS XUDICIAIS. CAPÍTULO PRIMEIRO.- DA ORALIDADE, PUBLICIDADE E LINGUA OFICIAL Art. 231 1. En tódalas actuacións xudiciais, os xuíces, maxistrados, fiscais e demais funcionarios dos Xulgados e Tribunais usarán o castelán, lingua oficial do Estado. 2. Os xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios e demais funcionarios de Xulgados e Tribunais poderán usar tamén a lingua oficial propia da Comunidade Autónoma, se ningunha das partes se opuxer, alegando descoñecemento dela, que puider producir indefensión. 3. As partes, os seus representantes e quen os dirixa, así como as testemuñas e peritos, poderán utiliza-la lingua que sexa tamén oficial na Comunidade Autónoma no territorio da cal teñan lugar as actuacións xudiciais, tanto en manifestacións orais coma escritas. 4. As actuacións xudiciais realizadas e os documentos presentados no idioma oficial dunha Comunidade Autónoma terán, sen necesidade de traducción ó castelán, plena validez e eficacia. De oficio procederase á súa traducción cando deban producir efectos fóra da xurisdicción dos órganos xudiciais sitos na Comunidade Autónoma, agás, neste último caso, se se trata de Comunidades Autónomas con lingua oficial propia coincidente, ou por mandato do xuíz ou por instancia de parte que alegue indefensión. 5. Nas actuacións orais, o xuíz ou Tribunal poderá habilitar como intérprete a calquera persoa coñecedora da lingua empregada, logo de xuramento ou promesa daquela. Art. 341 1. Para a provisión das prazas de presidente dos Tribunais Superiores de Xustiza e das Audiencias, naquelas Comunidades Autónomas que gocen de Dereito civil especial ou foral, así como de idioma oficial propio, o Consello Xeral do Poder Xudicial valorará como mérito a especialización destes Dereitos Civís especial ou foral e o coñecemento do idioma propio da Comunidade Autónoma. 2. Regulamentariamente determinaranse os criterios de valoración sobre o coñecemento do idioma e do Dereito civil especial ou foral das referidas Comunidades Autónomas, como méritos preferentes nos concursos para órganos xurisdiccionais do seu territorio. Art. 471 Nos concursos para a provisión de prazas no territorio daquelas Comunidades Autónomas que teñan unha lingua oficial propia, valorarase como mérito o coñecemento desta nos termos que se establecerán regulamentariamente. | ||