Lexislación: Educación | ||
Declaración de interese público da impartición dos cursos de lingua galega para os efectos do previsto no artigo 3 da lei 53/1984 (D.O.G: Nª 123. 29/6/89) O artigo 27 do Estatuto de Autonomía de Galicia establece que: "no marco do presente Estatuto correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas seguintes materias: promoción e o ensino da lingua galega". Así mesmo no seu artigo 32 sinala que lle corresponde á Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, e a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, preceptúa no seu artigo 4 que: "o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración local e das entidades públicas dependentes da Comunidade Autónoma". Por outra banda, o artigo 6, apartado 3, di que: "os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadán", engadindo no seu artigo 13, apartado 2, que: "as autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promove-lo uso do galego no ensino". Co fin de dar cumprimento ós expresados mandatos legais, e tendo en conta que a normalización lingüística e, polo tanto, a plena efectividade da cooficialidade recoñecida polo artigo 3º da Constitución e polo artigo 5º do Estatuto de Autonomía, debe ser impulsada por unha acción dos poderes públicos que contribúa a compensa-lo actual desequilibrio e faga posible a consecución da plena igualdade en canto ós dereitos lingüísticos dos cidadáns de Galicia, a Dirección Xeral de Política Lingüística vén convocando oficialmente cursos de formación en lingua galega destinados tanto ós funcionarios da Administración autonómica como a outros colectivos que os solicitan, sendo o número de cursos convocados tan numerosos que, ante a carencia dos suficientes profesores especialistas e ante a cualificación que se lles debe supor ós profesores que os imparten, é necesario ás veces que un profesor imparta varios cursos, sen prexuízo do traballo da súa actividade principal. Por outra banda, a impartición de cursos en centros oficiais, destinados á formación de funcionarios, está expresamente exceptuada do réxime de incompatibilidades polo artigo 19 da Lei 53/84, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ó servicio das Administracións públicas, sempre e cando os cursos non teñan carácter permantente ou habitual nin supoñan máis de 75 horas ó ano. Así mesmo, o artigo 17.1 do Real Decreto 598/85, do 30 de abril, que desenvolve a devandita Lei, establece que as actividades enumeradas no artigo 19 da Lei 53/84, poderán realizarse sen necesidade de autorización ou recoñecemento de compatibilidade, sempre e cando concorran os requisitos establecidos na citada norma. Mais con todo, por outra parte o artigo 3 da citada Lei 53/84, do 26 de decembro, establece no seu apartado 1 os supostos legalmente compatibles, entre os que se encontran aqueles casos que por razón de interese público determinen mediante Decreto os órganos de goberno das Comunidades Autónomas no ámbito da súa competencia. Na súa virtude, a proposta do Conselleiro da Presidencia e Aministración Pública, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da xunta e do seu Presidente, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do día dezaseis de xuño de mil novecentos oitenta e oito, DISPOÑO: Artigo 1º Os funcionarios que presten servicios na Comunidade Autónoma galega poderán compatibilizar, no ámbito docente, por razón de interese público, a impartición de cursos de formación en lingua gaelga, cando non teñan carácter permantente ou habitual. Artigo 2º Quedan exceptuados de solicita-lo recoñecemento de compatiblidade aqueles funcionarios ós que o desempeño desta actividade non lles supoña máis de setenta e cinco horas ó ano, consonte dispón o artigo 19 da Lei 53/84, do 26 de decembro, en relación co establecido no artigo 17.1 do Real Decreto 598/1985, do 30 de abril. Artigo 3º No caso de que se supere o límite destas horas, os funcionarios terán que solicitar recoñecemento expreso de compatibilidade, con informe favorable da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co fin de que sexa autorizada a mesma pola Consellería da Presidencia e Administración Pública. Artigo 4º En calquera caso, as autorizacións de compatibilidade estarán sometidas ós límites retributivos establecidos no artigo 7 da Lei 53/84, do 26 de decembro. DISPOSICION DERRADEIRA O presente Decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de mil novecentos oitenta e oito. Fernando Ignacio González Laxe Presidente Pablo González Mariñas Conselleiro da Presidencia e Administración Pública | ||