Lexislación: Educación | ||
Resolución do 9 de decembro de 1996, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional e da Dirección Xeral de Política Lingüística, pola que se regula o plan de actividades e o réxime de funcionamento dos centros de recursos da Comunidade Autónoma de Galicia. A Orde do 28 de xaneiro de 1985 (Diario Oficial de Galicia, do 15 de febreiro), pola que se crean os centros de recursos na Comunidade Autónoma de Galicia dentro do Programa de Educación Compensatoria, e se regula o seu funcionamento, expón como finalidade destes centros, por unha parte, proporcionarlle recursos didácticos ó profesorado daqueles centros máis carenciais e o asesoramento para a súa utilización didáctica e, pola outra, posibilitar que os profesores conten cun centro onde poidan producir e intercambiar material e experiencias didácticas, todo isto orientado á dinamización da escola. Por outra parte, a Orde do 30 de maio de 1994 (Diario Oficial de Galicia; do 9 de agosto), amplía as funcións dos centros de recursos co apoio á promoción e ó ensino da lingua galega. A posta en marcha do Programa de Novos Medios Audiovisuais e Informáticos (NMai), na súa vertente de formación do profesorado, recoñece o potencial dos centros de recursos como fonte de asesoramento e formación do profesorado dos centros da súa zona de influencia, e como promotor de grupos de traballo e de formación, conxuntamente con outros colectivos (monitores de novos medios informáticos e asesores técnico-pedagóxicos dos CEFOCOPS). En consecuencia co anteriormente exposto, cómpre regula-la organización e funcionamento dos centros de recursos, considerando dúas grandes finalidades: por unha parte, atender convenientemente ás necesidades do profesorado en materia de promoción lingüística e de asesoramento tanto científico e técnico como de recursos tecnolóxicos e, por outra parte, propiciar unha mellor comunicación entre os sectores implicados no desenvolvemento da Lei 3/1983 de normalización lingüística e da Lei 1/1990 de ordenación xeral do sistema educativo, así como no campo dos novos medios na nosa comunidade. En virtude do anterior, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional e a Dirección Xeral de Política Lingüística, RESOLVEN: Primeiro.-Ámbito de actuación. 1. O ámbito de intervención dos centros de recursos da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros públicos de tódolos niveis educativos de ensinanzas non universitarias dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Non obstante, daráselle atención prioritaria a aqueles centros que amosen máis necesidades en recursos didácticos. 2. Os membros dos centros de recursos deberán contribuír á creación dunha infraestructura comarcal de apoio tanto á educación, con carácter xeral, como á promoción e ó ensino da lingua galega, en colaboración cos asesores técnico-pedagóxicos correspondentes dos CEFOCOPS, cos monitores de novos medios informáticos, cos equipos psicopedagóxicos de apoio e cos gabinetes e equipos de normalización lingüística dos centros educativos. Segundo.-Estructura. 1. A dependencia orgánica dos centros de recursos é competencia da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, a través da Subdirección Xeral de Ordenación Educativa e do Servicio de Ordenación e Innovación Educativa. 2. O centro de recursos dependerá directamente dun inspector do sector ó que pertenza o centro sede, designado polo inspector xefe do servicio provincial de inspección. Terceiro.-Funcións dos membros dos centros de recursos. Serán funcións prioritarias dos membros dos centros de recursos: -Colaborar no deseño e impartición de actividades de asesoramento e formación a centros da súa zona de influencia en materia de utilización didáctica de novos medios. -Inventariar, almacenar e coordina-la distribución do material didáctico facilitado pola Administración educativa. -Deseñar e/ou elaborar material didácitco en distintos soportes de acordo coas necesidades dos centros da súa zona de influencia e segundo o correspondente plan de traballo. Este material poderá ser distribuído entre os outros centros de recursos, CEFOCOPS e tódolos organismos e entidades relacionadas coa Administración educativa. -Colaborar no proceso de promoción do idioma galego, nos termos establecidos na Orde do 30 de maio de 1994. -Poñe-lo centro de recursos ó servicio do profesorado como lugar de reunión para producir e intercambiar material, asesorándoo en materia de deseño da producción e no manexo de equipos audiovisuais, con especial atención ás accións encamiñadas ó seu mantemento operativo. -Calquera outra que a Administración educativa lles encomende dentro do ámbito das funcións establecidas. Cuarto.-Organización e réxime de traballo. 1. O horario dos membros dos centros de recursos axustarase ás necesidades de atención ó profesorado dos centros da súa zona e ás previsións en materia de formación contidas no plan de traballo anual. E para tal fin, proporán unha distribución horaria que deberá ser aprobada polo inspector xefe do servicio provincial de inspección quen autorizará, se é o caso, as posibles modificacións do horario establecido, logo do informe do inspector ou inspectora de sector do que dependan. 2.Os membros dos centros de recursos terán o horario semanal de traballo dos funcionarios docentes, desenvolvendo as súas funcións en trinta e sete horas e media. Destas, sete horas e media poderán dedicarse a actividades de formación, relatorios e preparación para o desenvolvemento das súas funcións, sen que sexa preciso que se realicen nos lugares habituais de traballo nin en horario fixo. O horario semanal deberá estar distribuído en horario de mañá e de tarde e permiti-la asistencia do profesorado dos centros da súa zona de influencia, séndolles comunicado e permanecendo exposto no centro de recursos para o coñecemento do profesorado. 3. O control de asistencia dos membros dos centros de recursos será realizado polo director ou directora do centro sede, quen lle comunicará ó inspector correspondente, durante os cinco primeiros días lectivos de cada mes, as incidencias nos partes de faltas relativos ó mes inmediatamente anterior. Tódalas faltas de asistencia ou puntualidade non xustificadas serán comunicadas polo director ou directora, no prazo de sete días de producirse esta. 4. Cando se trate de enfermidade ou incapacidade transitoria será obrigatoria a presentación do xustificante médico correspondente, expedido polo facultativo competente, a partir do terceiro día da enfermidade ou incapacidade. Calquera ausencia que se produza, incluíndo a dun día, haberá de ser xustificada e notificada ó director ou directora do centro sede á maior brevidade, quen lla comunicará ó inspector de sector do que dependan. 5. Os membros dos centros de recursos da provincia deberán contar cun día ó mes para coordinación e para o desenvolvemento de programas conxuntos. As datas que se fixen para outras reunións deberán serlle comunicadas ó inspector xefe do Servicio Provincial de Inspección, quen outorgará a autorización, se é o caso, logo do informe dos inspectores de sector. Quinto.-Plan de traballo e memoria. 1. Cada centro de recursos elaborará un plan anual de traballo. No dito plan concretarase a planificación de accións que se desenvolverán, tanto en materia de formación como de asesoramento ó profesorado, o horario de dedicación, os materiais que se vaian producir, as reunións que se vaian manter, a porcentaxe de dedicación noutras actividades e cantos datos se consideren de interese para xustifica-la programación. Incluirase, igualmente, proposta de gastos de participación en programas especiais tales como radio escolar, e proposta de funcionamento, recollendo unha porcentaxe para o mantemento operativo do equipamento do centro de recursos e, se é o caso, dos equipamentos susceptibles de reparación dos centros da zona de influencia. 2. Trimestralmente enviarase un plan de actuación dentro do marco do plan anual antes do día 30 dos meses de setembro, decembro e marzo, respectivamente, ó inspector de sector. Este remitirao, logo de emiti-lo informe correspondente, para a súa aprobación, se procede, ó inspector xefe do servicio provincial de inspección. 3. Con carácter trimestral, os membros dos centros de recursos remitiranlle ó inspector de sector a memoria do realizado para a súa avaliación A dita memoria terá como referente a programación xeral anual e informará do grao de consecución das accións propostas no plan trimestral e, de se-lo caso, das medidas de corrección tomadas. 4. Ó remate do curso académico, os membros dos centros de recursos elaborarán unha memoria das súas actuacións, na que se incluirá un informe de autoavaliación do grao de cumprimento do plan anual, analizando as dificultades atopadas na súa execución e as propostas de mellora para a súa inclusión no plan do curso seguinte. 5. Na memoria anual deberán incluírse, asemade, relación dos materiais realizados, así como en proceso de producción e relación das novas adquisicións, resumo das demandas atendidas, informe sobre a formación impartida e valoración sobre ela con propostas de mellora. En todo caso, incluirase a xustificación da porcentaxe de gasto destinado ó mantemento operativo do equipamento. 6. Antes do 30 de xullo enviarase a memoria de fin de curso ó inspector xefe do servicio provincial de inspección e unha copia á Subdirección Xeral de Ordenación Educativa. 7. No mes de setembro procederase á avaliación externa do desenvolvemento do plan anual dos membros dos centros de recursos. Sexto.-Formación. Os membros encargados dos centros de recursos deberán asistir ás actividades de formación organizadas para a súa actualización e desenvolvemento profesional, que se desenvolverán preferentemente na primeira quincena do mes de xullo. Santiago de Compostela, 9 de decembro de 1996. Manuel Regueiro Tenreiro Director xeral de Política Lingüísitca José Luis Mira Lema Director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional | ||