Lexislación: Europea | ||
Resolución do Consello dos Ministros de Cultura De 9 de Novembro de 1987 sobre o fomento da traducción de obras importantes da cultura europea (87/C 309/03) O CONSELLO E OS MINISTROS DE CULTURA, REUNIDOS NO SEO DO CONSELLO Visto o Tratado constitutivo da Comunidade Económica Europea. Vistos os apartados da Declaración solemne sobre a Unión Europea (Stuttgart, 19 de xuño de 1983) relativos á mellora da información sobre a cultura europea e a unha maior difusión da obra dos escritores dos Estados membros dentro e fóra da Comunidade. Vistas as Resolucións do Parlamento Europeo de 18 de xaneiro de 1979 e de 18 de novembro de 1983 relativas á traducción literaria. Tendo en conta a Comunicación da Comisión ó Consello de 27 de novembro de 1985 sobre a dimensión europea dos libros e tomando nota de que a Comisión creou un Comité Consultivo sobre os libros. Tendo en conta así mesmo o traballo xa realizado neste campo por determinados Estados membros, así como pola Unesco e o Consello de Europa. Tendo presente a posible participación da Fundación Europea, trala súa creación, nesta actividade. Coa perspectiva de proporcionarlles ós editores un incentivo para a publicación de traduccións de obras literarias europeas así como para acada-la maior calidade posible nestas traduccións. Considerando, por outra parte, que o fomento da traducción contribúe á eliminación de obstáculos á libre circulación do libro así coma á mellora das condicións de traballo dos traductores nos termos do Tratado constitutivo da Comunidade Económica Europea. RECOÑECEN o interese de fomenta-la traducción a outras linguas europeas de obras importantes da cultura europea, incluídas as obras da literatura europea contemporánea, dándoselle prioridade ás traduccións realizadas a partir de linguas europeas minoritarias. ACORDAN establecer un programa piloto de axudas á traducción, tendo en conta as accións xa existentes nos Estados membros relativas á traducción a partir de determinados idiomas, e promove-la máis amplia difusión posible das mesmas. ACORDAN a creación de premios anuais destinados a fomenta-la traducción europea. ACORDAN fomenta-la maior calidade posible das traduccións e recoñecen a importancia capital da formación do traductor. INVITAN á Comisión a considera-la forma en que contribuirá á aplicación das medidas antes mencionadas. | ||