Lexislación:
Europea


 

Resolución sobre a situación das linguas na Comunidade e da lingua galega

(Bruxelas 24 marzo de 1993)


- Vista a Petición nº 687/91 da Universidade de Santiago,

- Vistos os artigos 217 e 248 do Tratado constitutivo da Comunidade Económica Europea, os artigos 190 e 225 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea da Enerxía Atómica, así como as diferentes Actas de adhesión,

- Visto o Regulamento nº 1 do Consello do 15 de abril de 1958, modificado despois de cada adhesión, e en especial os seus artigos 1, 6, 7 e 8,

- Visto o informe da Comisión de Peticións e as opinións da Comisión de Asuntos Xurídicos e de Dereitos dos Cidadáns e da Comisión de Xuventude, Cultura, Educación, Información e Deporte.

A) Considerando que as Comunidades Europeas, e máis en particular o Parlamento Europeo, constitúen -de tódolos organismos internacionais que agrupan a países nos que se utilizan diversas linguas- o único órgano que adoptou o principio do "multilingüísmo integral"; isto supón que, con excepción do luxemburgués (que pasou a ser unha lingua oficial de Luxemburgo en 1984), as dez linguas que teñen o estatuto de lingua oficial en todo o territorio dun Estado membro son tamén relevantes en canto linguas da Comunidade, ben entendido que o texto dos actos de dereito derivado non se publican en irlandés,

B) Considerando que a experiencia demostra que este traballo sistemático en 9 linguas que comporta custos non desprezables, dá orixe a dificultades e sobrecargas técnicas que se poden ver acrecentadas, no seu caso, a consecuencia de novas adhesións,

C) Considerando, sen embargo, que mediante o recurso extensivo á práctica do "multilingüismo integral" o Parlamento Europeo pretende subliña-la dignidade que recoñece ás linguas, reflexo e expresión das culturas dos pobos e que, en calquera caso, os efectos positivos desta práctica son evidentes posto que permite examina-los textos sometidos ó Parlamento e en especial os textos das propostas de medidas comunitarias que teñen valor lexislativo, nas linguas de tódolos países nos que estas medidas deberán integrarse nos seus sistemas xurídicos,

D) Considerando a importancia da lingua galega, lingua europea milenaria utilizada en tódolos niveis do ensino e en tódolos medios de difusión, na que existe unha producción cultural e literaria moi importante e da que fai uso efectivo e continuado a maior parte da poboación dun territorio de máis de 2 millóns de habitantes, e tamén o seu carácter oficial,

E) Considerando, por tódolos motivos antes mencionados que non é posible acceder a unha aplicación completa do principio da igualdade de tódalas linguas dos países comunitarios pero que, polo que fai referencia á lingua galega, existen posibilidades de utilización que poden poñerse en práctica no momento actual,

1. Subliña a importancia que se lle debe conceder á utilización das linguas por parte das Comunidades Europeas, que deben intentar que os pobos de Europa non contemplen esta institución como un corpo exterior e estraño senón como un elemento que forma parte da vida cotiá dos cidadáns;

2. Considera que a Petición da Universidade de Santiago traduce ben esta necesidade, en particular referida ó galego, lingua oficial en Galicia, en virtude do seu Estatuto de Autonomía e no marco da norma xeral do artigo 3 da Constitución Española de 1978;

3. Sinala que, para que o obxecto destas peticións poida facerse realidade, debe terse en conta que a fixación do réxime lingüístico das institucións das Comunidades Europeas (en virtude das disposicións do artigo 271 do Tratado CEE, do artigo 190 do Tratado Euratom e do Regulamento nº 1 do Consello de 15 de abril de 1958) é competencia do Consello, que decide por unanimidade e que, polo que respecta ós Estados membros nos que existen diversas linguas oficiais, o uso da lingua debe determinarse, a solicitude do Estado interesado, segundo as regras xerais da lexislación deste Estado;

4. Pide ó Consello, formado polos representantes dos Estados membros, e á Comisión que adopten medidas que permitan logra-los obxectivos seguintes:

- a publicación en galego dos Tratados e dos textos fundamentais das Comunidades;

- a difusión en galego da información pública relativa ás institucións europeas por tódolos medios de comunicación;

- a inclusión do galego nos programas elaborados pola Comisión para a aprendizaxe e perfeccionamento das linguas europeas;

- a utilización do galego nas relacións orais e escritas co público na (s) Oficina(s) da Comisión das Comunidades Europeas na Comunidade Autónoma en cuestión;

5. Acolle con satisfacción que, de conformidade co Regulamento do Tribunal de Xustiza, as testemuñas e os expertos poidan xa utiliza-la lingua galega no Tribunal se non poden expresarse de modo conveniente nunha das linguas de procedemento do Tribunal;

6. Pide á Mesa, no marco do réxime xurídico mencionado no apartado 3 e polo que respecta ó Parlamento Europeo, que adopte decisións axeitadas na materia, tendo en conta os obxectivos citados;

7. Encarga ó seu Presidente que transmita a presente resolución e o informe da súa comisión ó Consello, á Comisión e á Universidade que presentou a petición 687/91.