Lexislación: A Función Pública e o Procedemento Administrativo | ||
Lei 30 / 1992, do 26 de novembro do réxime xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común. TÍTULO IV DA ACTIVIDADE DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS. CAPÍTULO I Normas xerais. Artigo 35. Dereitos dos cidadáns. Os cidadáns, nas súas relacións coas Administración Públicas, teñen os dereitos seguintes: a) A coñecer, en calquera momento, o estado da tramitación dos procedementos nos que teñan a condición de interesados, e obter copias de documentos contidos neles. b) A identificar ás autoridades e mais ó persoal ó servicio das Administracións Públicas baixo dos que estea a responsabilidade de tramita-los procedementos. c) A obter copia selada dos documentos que presenten, aportándoa canda os orixinais, así como á devolución destes, agás cando os orixinais deban obrar no procedemento. d) A utiliza-las linguas oficiais no territorio da súa Comunidade Autónoma, de acordo co previsto nesta Lei e máis no resto do Ordenamento Xurídico. e) A formular alegacións e a aportar documentos en calquera fase do procedemento anterior ó trámite de audiencia, que deberán terse en conta polo órgano competente ó redacta-la proposta de resolución. f) A non presentar documentos non esixidos polas normas aplicables ó procedemento do que se trate, ou que xa estean en poder da Administración actuante. g) A obter información e orientación acerca dos requisitos xurídicos ou técnicos que as disposicións vixentes impoñan ós proxectos, actuacións ou solicitudes que se propoñan realizar. h) Ó acceso ós rexistros e arquivos das Administracións Públicas nos termos previstos na Constitución e máis nesta e noutras Leis. i) A seren tratados con respecto e deferencia polas autoridades e funcionarios, que haberán de lles facilita-lo exercicio dos seus dereitos e mailo cumprimento das súas obrigas. l) A esixi-las responsabilidades das Administración Públicas e do persoal ó seu servicio, cando así corresponda legalmente. m) Calquera outros que lles recoñezan a Constitución e as Leis. Artigo 36. Lingua dos procedementos. 1. A lingua dos procedementos tramitados pola Administración Xeral do Estado será o castelán. Non obstante o anterior, os interesados que se dirixan ós órganos da Administración Xeral do Estado con sede no territorio dunha Comunidade Autónoma poderán utilizar tamén a lingua que sexa cooficial nela. Neste caso, o procedemento tramitarase na lingua elixida polo interesado. Se concorresen varios interesados no procedemento, e existise discrepancia no tocante á lingua, o procedemento tramitarase en castelán, aínda que os documentos ou testemuños que requiran os interesados expediranse na lingua elixida por eles. 2. Nos procedementos tramitados polas Administracións das Comunidades Autónomas e das Entidades Locais, o uso da lingua terase que axustar ó previsto na lexislación autonómica correspondente. En calquera caso, deberanse traducir ó castelán os documentos que deban producir efectos fóra do territorio da Comunidade Autónoma e os dirixidos ós interesados que así o soliciten expresamente. 3. Os expedientes ou as partes deles redactados nunha lingua cooficial distinta do castelán, cando vaian producir efectos fóra do territorio da Comunidade Autónoma, deberan ser traducidos ó castelán pola Administración Pública instructora. | ||