Lexislación:
A Función Pública e o Procedemento Administrativo


 

Orde do 20 de xullo de 1990 pola que se dictan normas para a provisión de determinados postos de traballo de funcionarios na Administración Periférica do Estado, en relación co coñecemento das linguas oficiais propias das Comunidades Autónomas

(B.O.E. do 24/7/1990, nº176)


Primeiro.- Na provisión de postos por funcionarios na Administración Periférica do Estado no País Vasco, Cataluña, Galicia, Comunidade Valenciana, Comunidade Foral de Navarra e Comunidade Autónoma das Illas Baleares, terase en conta o coñecemento da lingua oficial propia de cada Comunidade Autónoma nos termos establecidos nestas normas.

Segundo.- Os Departamentos ministeriais a iniciativa das delegacións do Goberno, determinarán os postos para os que, en función do seu sentido resulte preceptivo o coñecemento da lingua oficial propia de cada Comunidade Autónoma, polo que este se incorporará como requisito ás correspondentes relacións de postos de traballo.


Terceiro.- O coñecemento da lingua oficial propia de cada Comunidade Autónoma valorarase como mérito para a provisión por concurso dos postos de traballo que teñan dentro do seu sentido relación directa con:
a) Información ó público.
b) Recepción e rexistro de documentos.
c) Actividades de xestión con significativos graos de proximidade co público e de frecuencia nas súas relacións.
d) Actividades para as que o coñecemento da lingua constitúa un factor relevante.

Para estes efectos, as Delegacións do Goberno emitirán anualmente un informe sobre o grao de implantación na Administración periférica do Estado da lingua oficial propia de cada Comunidade Autónoma, que será obxecto de consideración polos Departamentos ministeriais en canto á concreción dos postos a que se refire este punto.

Cuarto.- As convocatorias dos concursantes para a provisión de postos ós que se refire o punto terceiro das presentes normas, conterán a valoración do coñecemento da lingua oficial en canto mérito específico.

No suposto de concorrencia con outros méritos específicos, a súa valoración deberá aterse, en conxunto, ós límites sinalados con carácter xeral.

A acreditación do coñecemento da lingua efectuarase mediante fotocopia do título, diploma ou certificación expedido por Centro público competente ou por institución privada oficialmente homologada, con indicación do grao de coñecemento. No caso de seren provistos os referidos postos a través da fase de concurso específico, prevista no artigo 15 do Real Decreto 28/1990, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento Profesional dos Funcionarios Civís da Administración do Estado, a acreditación do coñecemento da lingua poderá efectuarse mediante a celebración dunha entrevista.

Quinto.- De acordo cos Departamentos ministeriais, as Delegacións do Goberno, tendo en conta o grao de implantación lingüística reflectido no informe anual que se contempla non punto terceiro destas normas e en colaboración no seu caso co Instituto Nacional de Administración Pública ou cos Centros Competentes en materia de formación de funcionarios, programarán e desenvolverán coordinadamente para tódolos Servicios Periféricos da Administración do Estado en cada unha das Comunidades enunciadas no punto primeiro das presentes normas, os cursos necesarios para a ensinanza das súas linguas oficiais, con prioridade para os funcionarios que desenvolvan postos que teñan como función o desenvolvemento das actividades previstas no punto terceiro destas normas.

Esa formación poderá impartise mediante convenios coas Institucións docentes públicas competentes ou con Institucións privadas homologadas.

Sexto.- O persoal docente e investigador, sanitario e dos servicios postais e de telecomunicacións, rexerase nesta materia polas normas específicas que lle sexan de aplicación.

Madrid, 20 de xullo de 1990.