Novidades


 

12 de febreiro do 2001

Chega o Rábade 0.2
O cursiño en liña de galego que está a desenvolver o Proxecto Rábade de Galego21 vén de presentar a súa versión 0.2. Cos novos engadidos, este cursiño conta con 73 páxinas con 345 exercicios, 3 xogos interactivos e un glosario con máis de 350 palabras. Os voluntarios que o levaron a cabo informan tamén de que comezaron a traducir os textos do curso a outras linguas para poder achegar o galego á maior cantidade de xente.

O barranqueño, un idioma illado en Portugal
Portugal é o único país de Europa sen problemas lingüísticos nin linguas minorizadas, din os libros. Pero estes esquecen o mirandés, unha fala asturleonesa no nordeste do país luso (Miranda do Douro) que hai pouco foi recoñecida oficialmente polo Parlamento nacional, e máis aínda o barranqueño, un estraño dialecto -mestura de portugués e español antigo- que se fala no concello alentexano de Barrancos, unha vila de 2.500 habitantes a carón da fronteira con España (provincia de Huelva). O goberno local quere comezar o proceso para pedir a oficialización deste dialecto (ou lingua?) polo Parlamento para que se poida ensinar na escola; así como coa creación dunha gramática, para o que xa existe un equipo de docentes de facultades españolas e portuguesas.

Autores galegos traducidos ao catalán
Nos últimos meses veñen de aparecer traducidos ao catalán varios autores galegos. Son excepcións notables que cómpre saudar diante da incomunicación literaria existente entre as literaturas do 'galeuska'. De considerarmos algunha excepción o seu nome é Manuel Rivas, un home mediático, abondo coñecido, que chega tarde en catalán, e non por falta de esforzos da súa traductora, Lluïsa Soaz, senón polas regras da industria editorial, que decide cándo se pode traducir un libro.
A única excepción a este estado de atonía xeneralizada aparece no ámbito da literatura infantil e xuvenil, sen dúbida, o sector máis boiante da edición. Os libros traducidos por Pere Comellas, La banda sense futur de Marilar Aleixandre e El laboratori del doctor Nogueira de Agustín Fernández Paz, ambos os dous en Cruïlla, teñen moitas posibilidades de chegar aos seus lectores, os rapaces e rapazas que aínda están na escola. Mais, ¿que pasará co de Xosé María Álvarez Cáccamo? Seguramente non terá tan boa sorte, e é mágoa, porque La llum dels extraviats, en Arola Editors, traducido por Xavier Rodríguez Baixeras, é un libro de relatos que paga a pena.

Primeiro diccionario italiano-galego
A Universidade de Santiago e o Centro Ramón Piñeiro presentaron esta semana o primeiro diccionario italiano-galego, no que se recollen máis de 10.000 vocábulos italianos, unha listaxe de frases feitas, de topónimos e antropónimos, un compendio das principais regras gramaticais italianas e unha táboa de verbos en italiano. A tiraxe inicial da edición é de 1.000 exemplares. Anunciouse tamén a publicación dun segundo tomo, de galego-italiano.




20 de outubro do 2000

O bilingüísmo en código binario
Un equipo de investigadores da Universidade de Vigo está a elaborar un corpus lingüístico informatizado sobre a realidade da fala oral en Galicia. Co estudio preténdese retratar a convivencia do galego e docastelán para logo poder relacionar a realidade galega con outras situacións de bilingüísmo. Trátase de organizar un conxunto de datos representativos da lingua en función de determinados parámetros que permita recoller as alternancias de códigos e as interferencias dunha lingua noutra e detectar a presencia de fenómenos como a escolla de código nun momento determinado polo falante.

A Mesa denuncia a Francisco Vázquez
A Mesa pola Normalización Lingüística vén de presentar ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo unha denuncia contra o senador e alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, por "danos e prexuízos" ocasionados a esta organización coas súas declaracións logo de coñecer a sentencia xudicial que lles daba a razón respecto da obriga de usar o topónimo A Coruña. Vázquez acusara a Mesa de "tentar coartar a liberdade dos demais" e referiuse a eles e ao BNG como "os mesmos cans con distintos colares". Esta organización pide 250 millóns de pesetas en concepto de "danos e prexuízos", e solicita a responsabilidade civil solidaria do Concello da Coruña pola mesma cantidade, "xa que esas manifestacións foron realizadas como alcalde e o pleno non as desautorizou".

"A 'fala' non é lingua" di un profesor estremeño
O diario estremeño Hoy informaba onte nesta noticia dunha tese de doutoramento que analiza as áreas lingüísticas de Estremadura. Nela o seu autor, José A. González Salgado fai unhas interesantes declaracións sobre o dialecto do galego, chamado"A Fala", que se utiliza nos "tres lugaris": Valverde do Fresno, As Ellas e San Martiño de Trebello. Di que non é unha lingua, senón unha "fala", unha variante rexional do español con influencia leonesa no norte, meridional no sur e a proximidade do portugués. Asegura tamén que o pobo máis interesante lingüisticamente é "Eljas" (As Ellas), e que lle parece interesante que se estudie e que se apoie o dialecto, iso si, "sempre que non se estea a tentar unha normalización que o convirta en lingua". "Igual que o asturiano non é unha lingua, por moito que se empeñe a Academia Asturiana da Lingua, senón unha fala". Ao remate da noticia González Salgado apunta que nos intentos de converter dialectos en linguas agóchanse razóns máis políticas ca lingüísticas. Ben se ve que unha tese pódea facer calquera.

Cinema galego por Galicia adiante
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, está a proxectar nas vilas e cidades galegas diversos filmes e curtametraxes galegas no ciclo Cine Galego. As sesións inclúen unha curta, unha longametraxe e un documental recuperado e son de acceso gratuíto. Esta semana están proxectándose no Grove e en Pontevedra, e trala semana vindeira -de parón- as proxeccións recomezarán en Monforte e Ourense. Na web do programa pódese consultar o programa completo.