Liñas de axudas para a promoción do galego:
Da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-Dirección Xeral de Política Lingüística


 

Orde do 25 de novembro de 1996 pola que se regula a concesión de subvencións ás reais academias, colexios profesionais, asociacións de empresarios, cámaras de comercio e entidades análogas para a realización de actividades de promoción da lingua galega.


A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, coa finalidade de lle dar cumprimento ó disposto na Lei 3/1983, de normalización lingüística, que establece a posibilidade de lles conceder subvencións ás asociacións e institucións sen fin de lucro, constituídas na nosa Comunidade Autónoma ou fóra dela, que realicen actividades de promoción da lingua galega, desenvolvendo determinados proxectos ou organizando actuacións diversas coa mesma finalidade.

E considerando o feito da permanencia das actividades dun xeito preferente pola súa relevancia práctica na promoción lingüística, cun maior efecto cás actuacións puntuais e concretas.

De acordo coas indicacións presentadas pola Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística da Xunta de Galicia, e basándose na normativa vixente en materia de subvencións, faise pública a presente convocatoria.

Para tal fin,

DISPOÑO

Artigo 1º.- Suxeitos.

A presente orde vai dirixida ás reais academias, colexios profesionais, asociacións de empresarios, cámaras de comercio e entidades análogas carentes de ánimo de lucro, legalmente constituídas de acordo coas normas que as regulan, agás as dependentes de entidades locais.

Para estes efectos terán a condición de entidades locais as que gocen de tal carácter na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, no seu artigo 3º.

Artigo 2º.- Obxecto.

Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de actividades de promoción, tendentes a conseguir unha maior implantación da lingua galega no ámbito propio de actuación dos suxeitos citados no artigo 1º, de acordo coas normas contidas na presente orde, con cargo á partida orzamentaria 07-06-353 F-480.2, por unha contía máxima total de 40.000.000 de ptas., correspondentes ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997 e condicionado o citado gasto á existencia de crédito adecuado e suficiente no orzamento do exercicio do ano 1997 neste momento en trámite parlamentario.

A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de catro millóns de pesetas por actividade solicitada.

Artigo 3º.- Requisitos.

Subvencionaranse as actividades obxecto da presente orde que empreguen correctamente o galego como lingua oficial, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro), que teñan como finalidade a difusión e implantación da lingua galega e se leven a cabo entre o 1 de novembro de 1996 e o 15 de outubro de 1997. Excluiranse o financiamento de materiais ordinarios de traballo das entidades como: papel, selos, sobres, ordenadores, bolsas, máquinas de escribir, etc.

Artigo 4º.- Criterios de concesión.

Consideraranse criterios preferentes de concesión da subvención, sen orde de prelación, os seguintes:

1- O ámbito que abranga a actividade, tanto cuantitativa como cualitativamente considerado.

2- A claridade na exposición do proxecto, fundamentalmente no tocante ás actuacións que se van realizar, á súa vinculación coa difusión da lingua galega e a xustificación da súa idoneidade para a consecución dos obxectivos fixados.

3- A perdurabilidade no tempo dos resultados que se pretendan obter das actuacións propostas.

Artigo 5º.- Documentación.

No momento de face-la solicitude da subvención, os interesados presentarán a seguinte documentación:

1- Solicitude, formalizada segundo o anexo I da presente orde, debidamente cuberta.

O incumprimento desta obriga por parte dos interesados dará lugar o arquivo das actuacións sen máis trámite.

2- Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada dos correspondentes estatutos e, se fose o caso, da resolución do órgano competente no que se lle concede a representación da entidade.

3- Fotocopia do CIF da entidade.

Artigo 6º.- Entrega da documentación.

As solicitudes, no modelo oficial, xunto coa documentación citada no artigo precedente, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.- Procedemento.

Recibidas as solicitudes, tramitaranas os servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que procederán a aplica-los criterios e prioridades desta orde, redactando un informe-proposta de concesión, denegación ou exclusión, se fose o caso, das subvencións.

Artigo 8º.- Órgano informante.

Será competente para a valoración do informe-proposta citado no artigo anterior unha comisión de avaliación presidida polo director xeral de Política Lingüística, ou a persoa na que delegue, e composta polos seguintes membros:

- A subdirectora xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

- O xefe do Servicio de Xestión e Promoción Lingüística.

- O xefe de Servicio de Plans e Programas de Ensino da Lingua Galega.

- A xefe de Sección de Xestión e Promoción Lingüística, que actuará como secretario con voz e sen voto.

Artigo 9º.- Resolución.

Á vista do informe da comisión de avaliación, o censelleiro de Educación e Ordenación Universitaria dictará a resolución que lle porá fin á vía administrativa.

As notificacións publicaranse no taboleiro de anuncios da Oficina de Información e Atención ó Cidadán da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, bloque 2, baixo, Santiago de Compostela) e no DOG, notificándose así mesmo ós interesados.

Contra a resolución, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A concesión de anticipos e pagamentos parciais regularase de acordo coa lexislación vixente na materia.

Se no prazo de tres meses non recaese resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Artigo 10º.- Aceptación da subvención e compromisos.

As entidades seleccionadas terán que lle comunicar por escrito a súa aceptación da subvención concedida, e os compromisos que isto supón, á Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo máximo de dez días contados a partir da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

As actuacións relativas ás distintas actividades, proxectos ou actuacións terán que se facer correctamente en galego, de acordo co disposto no artigo 3 da presente orde.

En todo o material que poida elaborarse de acordo co citado no parágrafo anterior constará, coa mesma técnica que os créditos da entidade promotora, o patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, empregando para iso os logotipos aprobados pola imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 11º.- Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que a seguir se cita, nas condicións expresas na presente orde, rematará o 15 de outubro de 1997.

Antes da citada data deberá remitirse á Dirección Xeral de Política Lingüítica, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente e os documentos enviados:

1. Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados, de acordo ca resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente á axuda outorgada, xunto cunha relación numerada deles e unha relación pormenorizada das facturas que incluirá o número de facturas, o nome do emisor, os seus totais, suma parcial folla por folla e suma total de toda a relación. O incumprimento desta obriga por parte do interesado dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

2. Mostras que respondan ás actividades subvencionadas ou xustificación documental (disquetes, dossier de prensa, vídeo, fotografías ou gravación magnetofónica) da realización da actividade e o correcto emprego do galego nos termos do artigo 3º da presente orde.

En relación cos xustificantes citados no número 1 deste artigo, as súas datas estarán comprendidas entre o 1 de novembro de 1996 e o 15 de outubro de 1997, admitíndose unicamente os relativos a gastos de material e servicios necesarios para a realización da actividade subvencionada, consonte o expresado na memoria descritiva e no orzamento presentado xunto coa solicitude.

Artigo 12º.- Perda da subvención.

Se o resultado da actividade non se axusta ós datos que figuran no impreso de solicitude ou incumpre algunha das normas contidas na presente orde, revogarase a axuda e a entidade interesada, se fose o caso, terá que reintegra-las cantidade percibidas.

No caso de que se lle conceda á mesma entidade no prazo de vigor da presente orde outra subvención para esta mesma finalidade, a entidade terá que llo comunicar á Administración, sendo de aplicación o disposto no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira-

Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda-

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da sú publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 1996

Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación
e Ordenación Universitaria


  Anterior   |    Seguinte