Lexislación: Administración Militar | ||
Orde pola que se regulamenta o uso das linguas das Comunidades Autónomas na Administración Militar (B.O.E.: nº 146. 19/6/87) Orde 35/1987, do 17 de xuño, pola que se regulamenta o uso das linguas oficiais das comunidades autónomas na Administración Militar. O artigo 3º da Constitución española declara que, ademais do castelán, as outras linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Atuónomas de acordo cos seus Estatutos. Co fin de regulamenta-lo uso das distintas linguas propias das Comunidades Autónomas nas relacións entre os particulares, Corporacións públicas ou Institucións de autogoberno daquelas e a Administración Militar, díctase a presente Orde, que recolle os distintos supostos de utilización das mesmas e os seus efectos. Na súa virtude, dispoño: Artigo 1 En toda relación nominal ou notificación persoal que efectúe a Administración Militar deberán figura-los nomes e apelidos que ostentan no Rexistro Civil os interesados. Cando o nome usado por estes non coincida co rexistrado, por terse utilizado lingua distinta para a súa inscrición, e corresponda a algunha das linguas propias das Comunidades Autónomas, consignarase na devandita lingua, se así o solicitase o interesado. Igualmente terase en conta a toponimia oficialmente establecida, na lingua oficial da respectiva Comunidade. Artigo 2 Os escritos redactados na lingua oficial e propia dunha Comunidade Autónoma que dirixan á Administración Militar particulares, Corporacións públicas, ou Institucións de autogoberno pertencentes a aquela, terán plena validez e eficacia. No caso de escritos que se refiran a cuestións que deban resolverse fóra do ámbito da Comunidade Autónoma, pero que ó abeiro da Lei de Procedemento Administrativo se presenten dentro do seu propio territorio, procederase de oficio á súa traducción. Artigo 3 Os documentos ou certificacións que redacten na lingua propia e oficial dunha Comunidade Autónoma as autoridades e os Organismos radicados na mesma, serán admitidos pola Administración Militar nos expedientes administrativos incoados de oficio ou a instancia de parte, que deban de resolverse dentro do ámbito territorial propio da devandita Comunidade ou doutra Comunidade que disfrute de lingua oficial coincidente. De oficio procederase á súa traducción cando deban producir efectos fóra do ámbito lingüístico, se foron presentados ó abeiro da Lei de Procedemento Administrativo no propio territorio. Artigo 4 No caso de relacións verbais entre particulares e Centros ou dependencias da Administración Militar con sede nunha Comunidade Autónoma con lingua propia, os primeiros serán atendidos, á súa elección, en castelán ou na lingua da Comunidade. Excepcionalmente tendo en conta o grao de dificultade da consulta, o representante da Administración Militar, poderalle solicitar a quen a realice, a súa colaboración para formulala por escrito, poñendo á súa disposición os medios que cumpran. Artigo 5 En tódolos actos e relacións de servicio no seo das Forzas Armadas utilizarase sempre o castelán, calquera que sexa o destinatario das ordes, comunicacións ou notificacións e a Comunidade Autónoma na cal se realice. Mardrid, 17 de xuño de 1987. Serra i Serra | ||