Lexislación: Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos | ||
Preliminares As institucións e organizacións non-gobernamentais asinantes desta Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, reunidas en Barcelona, do 6 ó 9 de xuño de 1996, Vista a Declaración Universal de Dereitos Humanos de 1948 que no preámbulo afirma a "fe nos dereitos humanos fundamentais, na dignidade e no valor da persoa humana e na igualdade de dereitos de homes e mulleres", e que no seu artigo segundo establece que "todo o mundo ten tódolos dereitos e tódalas liberdades" sen distinción de "raza, cor, sexo, lingua, relixión, opinión política ou outra, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición"; Visto o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos do 16 de decembro de 1966 (artigo 27) e o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da mesma data, que nos seus preámbulos postulan que o ser humano non pode ser libre se non se crean as condicións que lle permitan gozar tanto dos seus dereitos civís e políticos, como dos seus dereitos económicos, sociais e culturais; Vista a Resolución 47/135, do 18 de decembro de 1992 da Asemblea Xeral da Organización das Nación Unidas, que adopta a Declaración sobre os dereitos das persoas pertencentes a minorías nacionais ou étnicas, relixiosas e lingüísticas; Vistas as declaracións e convenios do Consello de Europa como o Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e as Liberdades Fundamentais do 4 de novembro de 1950 (Artigo 14); a Convención do Consello de Ministros do Consello de Europa, do 29 de xuño de 1992, pola cal se aproba a Carta Europea sobre as linguas rexionais ou minoritarias; a Declaración do Cumio do Consello de Europa, o 9 de outubro de 1993, sobre as minorías nacionais; e a Convención-marco para a protección das minorías nacionais do mes de novembro de 1994; Vista a Declaración de Santiago de Compostela do PEN Club Internacional e a Declaración do 15 de decembro de 1993 do Comité de Traduccións e dereitos lingüísticos do PEN Club Internacional sobre a proposta de realizar unha conferencia mundial de Dereitos Lingüísticos; Visto que na Declaración de Recife, Brasil, do 9 de Outubro de 1987, o XXII Seminario da Asociación Internacional para o Desenvolvemento da Comunicación Intercultural recoméndalles ás Nacións Unidas que tomen as medidas necesarias co obxectivo de adoptaren e realizaren unha Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos; Vista a Convención número 169 da Organización Internacional do Traballo, do 26 de xuño de 1989, relativa ós pobos indíxenas independentes; Visto que a Declaración Universal dos dereitos colectivos dos pobos, Barcelona, maio de 1990, declara que tódolos pobos teñen dereito a expresaren e desenvolverena a súa cultura, a súa lingua e as súas normas de organización e, para o faceren, a se dotaren das propias estructuras políticas educativas, de comunicación e de administración pública, en marcos políticos diferentes; Vista a Declaración Final da asemblea xeral da Federación Internacional de Profesores de Linguas Vivas en Pécs (Hungría) o 16 de agosto de 1991, que recomenda que os dereitos lingüísticos sexan considerados como dereitos fundamentais da persoa; Visto o informe da Comisión de Dereitos Humanos do Consello Económico e Social das Nacións Unidas, do 20 de abril de 1994, sobre o borrador da Declaración dos dereitos dos pobos indíxenas, declaración na que os dereitos individuais se valoran á luz dos dereitos colectivos; Visto o borrador da Declaración da Comisión Interamericana de dereitos humanos sobre os dereitos dos pobos indíxenas, aprobado na 1278 sesión do 18 de setembro de 1995; Visto que a maioría das linguas ameazadas do mundo pertencen a pobos non soberanos e que os factores principais que impiden o desenvolvemento destas linguas e aceleran o proceso de substitución lingüística son a falta de autogoberno e a política de Estados que impoñen a súa estructura político-administrativa e as súas linguas; Visto que a invasión, a colonización e a ocupación, así como os casos de subordinación política, económica ou social, implican a miúdo a imposición directa dunha lingua allea ou a distorsión da percepción do valor das linguas e a aparicición de actitudes lingüísticas xerarquizantes que afectan á lealdade lingüística dos falantes, e visto que, por estes motivos, mesmo as linguas dalgúns pobos que accederon á soberanía están inmersas nun proceso de substitución lingüística por unha política que favorece a lingua das antigas colonias e antigos poderes imperiais; Visto que o universalismo se ten que basear nunha concepción da diversidade lingüística e cultural que supere asemade as tendencias homoxeneizadoras e as tendencias ó illamento exclusivista; Visto que para garanti-la convivencia entre comunidades lingüísticas, fai falta atopar uns principios de orde universal que permitan asegura-la promoción, o respecto e o uso social público e privado de tódalas linguas; Visto que diversos factores de orde extralingüística (políticos, territoriais, históricos, demográficos, económicos, socioculturais, sociolingüísticos e de actitude colectiva) xeran problemas que provocan a desaparición, marxinación e degradación de numerosas linguas, e que, polo tanto, é preciso que os dereitos lingüísticos se afronten dende unha perspectiva global, para que se poidan aplicar en cada caso as solucións específicas axeitadas; Entendendo que é necesaria unha Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos que permita corrixi-los desequilibrios lingüísticos de maneira que asegure o respecto e o pleno desenvolvemento de tódalas linguas e que estableza os principios dunha paz lingüística planetaria xusta e equitativa, como factor principal da convivencia social; DECLARAMOS QUE | ||
Preámbulo |