Lexislación:
Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos


 

Preámbulo

A situación de cada lingua, vistas as consideracións previas, é o resultado da confluencia e da interacción de multiplicidade de factores diferentes: político-xurídicos, ideolóxicos e históricos; demográficos e territoriais; económicos e sociais; culturais; lingüísticos e sociolingüísticos; interlingüísticos; e finalmente subxectivos.

En concreto, a situación actual caracterízase por:

.A secular tendencia unificadora da maioría de estado a reduci-la diversidade e a favorecer actitudes adversas á pluralidade cultural e ó pluralismo lingüístico.

.O proceso de mundialización da economía e, en consecuencia, do mercado da información, a comunicación e a cultura, que afecta ós ámbitos de relación e ás formas de interacción que garanten a cohesión interna de cada comunidade lingüística.

.O modelo economicista de crecemento propugnado polos grupos económicos transnacionais, que pretende identifica-la desregulamentación co progreso e o individualismo competitivo coa liberdade, cousa que xera graves e crecentes desigualdades económicas, sociais, culturais e lingüísticas.

As ameazas que, no momento actual, presionan as comunidades lingüísticas sexa pola falta de autogoberno, por unha demografía limitada ou ben parcial ou enteiramente dispersa, por unha economía precaria, por unha lingua non codificada ou por un modelo cultural oposto ó predominante, fan que moitas linguas non poidan sobrevivir e desenvolverse se non se teñen en conta estes eixos fundamentais.

.Na perspectiva política, concibir unha organización da diversidade lingüística que permita a participación efectiva das comunidades lingüísticas neste novo modelo de crecemento.

.Na perspectiva cultural, facer plenamente compatible o espacio comunicativo mundial coa participación equitativa de tódolos pobos, de tódalas comunidades lingüísticas e de tódalas persoas no proceso de desenvolvemento.

.Na perspectiva económica, fundamentar un desenvolvemento sostible baseado na participación de todas e todos e no respeto polo equilibrio ecolóxico das sociedades e por unhas relacións equitativas entre tódalas linguas e culturas.

Por todo isto, esta Declaración parte das comunidades lingüísticas e non dos Estados, e inscríbese no marco do reforzo das institución internacionais capaces de garantir un desenvolvemento sostible e equitativo para toda a humanidade e ten como finalidade propiciar un marco de organización política da diversidade lingüística baseado no respeto, a convivencia e o beneficio recíprocos.


  Preliminares   |    Título Preliminar