Lexislación: Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos | ||
Título Preliminar Precisións conceptuais Artigo 1 1. Esta Declaración entende como comunidade linguística toda sociedade humana que, asentada historicamente nun espacio territorial determinado, recoñecido ou non, se autoidentifica como pobo e desenvolveu unha lingua común como medio de comunicación natural e de cohesión cultural entre os seus membros. A denominación lingua propia dun territorio fai referencia ó idioma da comunidade historicamente establecida neste espacio. 2. Esta Declaración parte do principio de que os dereitos lingüísticos son individuais e asemade colectivos, e adopta como referente da plenitude dos dereitos lingüísticos o caso dunha comunidade lingüística histórica no seu espacio territorial, entendido este non soamente como área xeográfica onde vive esta comunidade, senón tamén como un espacio social e funcional imprescindible para o pleno desenvolvemento dos dereitos que lles corresponden ós grupos lingüísticos aludidos no punto 5 deste mesmo artigo e os das persoas fóra do territorio da súa comunidade. 3.Ós efectos desta Declaración, enténdese que están tamén no seu propio territorio e pertencen a unha comunidade lingüística as colectivades que: i. se atopan separadas do conxunto da súa comunidade por fronteiras políticas ou administrativas; ii. están asentadas historicamente nun espacio xeográfico reducido, rodeado polos membros doutras comunidads lingüisticas; ou iii. están asentadas nun espacio xeográfico compartido cos membros doutras comunidades lingüísticas de historicidade similar. 4. Ós efectos desta Declaración considéranse, tamén, como comunidades lingüísticas dentro do seu propio territorio histórico os pobos nómadas nas súas áreas de desprazamento ou os pobos de asentamento disperso. 5. Esta Declaración entende como grupo lingüístico toda colectividade humana que comparte unha mesma lingua e que se atopa asentada no espacio territorial doutra comunidade lingüística, pero sen unha historicidade equivalente, como sucede en casos diversos como os dos inmigrados, refuxiados, deportados ou os membros das diásporas. Artigo 2 1. Esta Declaración considera que, nos casos nos que diferentes comunidades e grupos lingüísticos concorren nun territorio compatido, o exercicio dos dereitos formulados nesta Declaración tense que rexer polo do respecto entre todos e dentro das máximas garantías democráticas. 2. No momento de establecer un equilibrio sociolingüístico satisfactorio, é dicir, a axeitada articulación entre os respectivos dereitos destas comunidades e grupos lingüísticos e das persoas que forman parte deles, débese ter en conta, ademais da súa historicidade relativa e da súa vontade expresada democraticamente, factores que poden aconsellar un trato reequilibrador de obxectivo compensatorio: o carácter forzado das migracións que conduciron á convivencia das diferentes comunidades e grupos, ou o seu grao de precariedade política, socioeconómica e cultural. Artigo 3 1.Esta declaración considera como dereitos persoais inalienables, exercibles en calquera situación, os seguintes: o dereito a ser recoñecido como membro dunha comunidade lingüística; o dereito ó uso dunha lingua en privado e en público; o dereito ó uso do propio nome, o dereito a relacionarse e asociarse con outros membros da comunidade lingüística de orixe; o dereito a manter e desenvolve-la propia cultura; e tódolos outros dereitos de contido lingüístico recoñecidos no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos do 16 de decembro de 1966 e no Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da mesma data. 2. Esta Declaración considera que os dereitos colectivos dos grupos lingüísticos, ademais dos establecidos polos seus membros no apartado anterior, tamén poden incluír, de acordo coas puntualizacións do artigo 2.2: o dereito ó ensino da propia lingua e cultura; o dereito a disporen de servicios culturais; o dereito a unha presencia equitativa da lingua e a cultura do grupo nos medios de comunicación; o dereito a seren atendidos na súa lingua nos organismos oficiais e as relacións socioeconómicas. 3. os dereitos das persoas e os grupos lingüísticos mencionados anteriormente non deben representar ningún obstáculo na interrelación e a integración destes na comunidade lingüística receptora, nin ningunha limitacion dos dereitos desta comunidade ou dos seus membros á plenitude do uso público da lingua propia no conxunto do seu espacio territorial. Artigo 4 1. Esta Declaración considera que as persoas que se trasladan e se establecen no territorio dunha comunidade lingüística diferente da propia teñen o dereito e o deber de manteren con ela unha relación de integración. A integración enténdese como unha socialización adicional destas persoas de xeito que poidan conserva-las súas características culturais de orixe, pero compartan coa sociedade que as acolle as referencias, os valores e os comportamentos suficientes para permitir un funcionamento social global sen máis dificultades cás dos membros da comunidade receptora. 2. Esta Declaración considera, en cambio, que a asimilación, -entendida como a aculturación das persoas na sociedade que as acolle, de tal maneira que substitúan as súas características culturais de orixe polas referencias, os valores ou os comportamentos propios da sociedade receptora- non debe ser en ningún caso forzada ou inducida, senón o resultado dunha opción plenamente libre. Artigo 5 Esta Declaración baséase no principio de que os dereitos de tódalas comunidades lingüísticas son iguais e independentes da consideración xurídica ou política de linguas oficiais, rexionais ou minoritarias. O uso de designacións tales como lingua rexional ou minoritaria, non se adopta neste texto porque, aínda que nalgún caso o recoñecemento como lingua minoritaria ou rexional pode facilita-lo exercicio de certos dereitos, é frecuente o uso dos determinativos para restinxi-los dereitos dunha comunidade lingüística. Artigo 6 Esta Declaración exclúe que unha lingua poida ser considerada propia dun territorio unicamente polo feito de se-la oficial do Estado ou de ter tradición de ser utilizada dentro deste territorio como lingua administrativa ou de certas actividades culturais. | ||
Preámbulo | Título Primero |