Lexislación: Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos | ||
Título Primeiro Principios xerais Artigo 7 1. Tódalas linguas son a expresión dunha identidade colectiva e dunha maneira distinta de percibir e de describi-la realidade, por tanto teñen que poder gozar das condicións necesarias para o seu desenvolvemento en tódalas funcións. 2. Cada lingua é unha realidade constituída colectivamente e é no seo dunha comunidade que se fai dispoñible para o uso individual, como instrumento de cohesión, identificación, comunicación e expresividade creadora. Artigo 8 1. Tódalas comunidades lingüísticas teñen o dereito de organizar e xestiona-los recursos propios co fin de aseguraren o uso da súa lingua en tódalas funcións sociais. 2. Tódalas comunidades lingüísticas teñen o dereito de dispor dos medios necesarios para aseguraren a transmisión e a proxección futuras da lingua. Artigo 9 Toda comunidade lingüística ten dereito a codificar, estandarizar, preservar, desenvolver e promove-lo seu sistema lingüístico, sen interferencias inducidas ou forzadas. Artigo 10 1. Tódalas comunidades lingüísticas son iguais en dereito. 2. Esta Declaración considera inadmisibles as discriminacións contra as comunidades lingüísticas baseadas en criterios como o seu grao de soberanía política, a súa situación social, económica ou calquera outra, así como o nivel de codificiación, actualización ou modernizaión que conseguiron as súas linguas. 3. En aplicación do principio de igualdade deben establecerse as medidas indispensables para que esta igualdade sexa efectiva. Artigo 11 Toda comunidade lingüística ten dereito a gozar dos medios de traducción directa ou inversa que garantan o exercicio dos dereitos recollidos nesta Declaración. Artigo 12 1. No ámbito público, todo o mundo ten dereito a desenvolver tódalas actividades na súa lingua, se é a lingua propia de onde reside. 2. No ámbito persoal e familiar todo o mundo ten dereito a usa-la súa lingua. Artigo 13 1.Todo o mundo ten dereito a acceder ó coñecemento da lingua propia da comunidade de onde reside. 2. Todo o mundo ten dereito ó poliglotismo e a coñecer e usa-la lingua máis axeitada para o seu desenvolvemento persoal ou para a súa mobilidade social, sen prexuízo das garantías establecidas nesta Declaración para o uso público da lingua propia do territorio. Artigo 14 As disposicións desta Declaración non poden ser interpretadas ou utilizadas contra calquera norma ou práctica máis favorable do réxime interno ou internacional ó uso dunha lingua dentro do territorio que lle é propio. | ||
Título Preliminar | Título Segundo: Sección I |