Lexislación:
Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos


 

Título Segundo

Réxime lingüístico xeral


SECCIÓN I
Administración pública e órganos oficiais

Artigo 15
1. Toda comunidade lingüística ten dereito a que a súa lingua sexa utilizada como oficial dentro do seu territorio.

2. Toda comunidade lingüística ten dereito a que as actuación xudiciais e administrativas, os documentos públicos e privados e os asentos en rexistros públicos realizados na lingua propia do territorio sexan válidos e eficaces e ninguén poida alega-lo descoñecemento.

Artigo 16
Todo membro dunha comunidade lingüística ten dereito a relacionarse e a ser atendido na súa lingua polos servicios dos poderes públicos ou das divisións administrativas centrais, territoriais, locais e supraterritoriais ós cales pertence o territorio de onde é propia a lingua.

Artigo 17
1. Toda comunidade lingüística ten dereito a dispoñer e obter toda a documentación oficial na súa lingua, en forma de papel, informática ou calquera outra, para as relacións que afecten ó territorio de onde é propia esta lingua.

2. Os poderes públicos deben dispoñer de formularios, impresos e modelos en forma de papel, informática ou calquera outra nas linguas territoriais, e ofrecérllelos ó público nos servicios que afecten ós territorios onde é propia a lingua respectiva.


Artigo 18
1. Toda comunidade lingüística ten dereito a que as leis e outras disposicións xurídicas que lle atinxen se publiquen na lingua propia do territorio.

2. Os poderes públicos que teñen nos seus ámbitos de actuación máis dunha lingua territorialmente histórica deben publicar tódalas leis e outras disposicións de carácter xeral nestas linguas, con independencia de que os seus falantes entendan outras linguas.

Artigo 19
1. As Asembleas de representantes deben adoptar como oficiais a lingua ou as linguas historicamente faladas no territorio que representan.

2. Este dereito inclúe as linguas das comunidades de asentamento disperso referidas no artigo 1 parágrafo 4.

Artigo 20
1. Todo o mundo ten dereito a usar de palabra e por escrito, nos Tribunais de Xustiza, a lingua historicamente falada no territorio onde están ubicados. Os Tribunais deben utiliza-la lingua propia do territorio nas súas actuacións internas e, se por razón da organización xudicial do Estado, o procedemento se segue fóra do lugar de orixe, hai que mante-la lingua de orixe.

2. Así e todo, todo o mundo ten dereito a ser xulgado nunha lingua que lle sexa comprensible e poida falar, ou obter gratuitamente un intérprete.

Artigo 21
Toda comunidade lingüística ten dereito a que os asentos dos rexistros públicos se fagan na lingua propia do territorio.

Artigo 22
Toda comunidade lingüística ten dereito a que os documentos notariais ou autorizados por funcionarios que exerzan fe pública sexan redactados na lingua propia do territorio onde o notario ou funcionario teña demarcada a súa sede.


  Título Primeiro   |   Sección II