Lexislación:
Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos


 

Título Segundo

Réxime lingüístico xeral


SECCIÓN II
Educación

Artigo 23
1. A educación debe contribuír a fomenta-la capacidade de autoexpresión lingüística e cultural da comunidade lingüística do territorio onde é impartida.

2. A educación debe contribuír ó mantemento e desenvolvemento da lingua falada pola comunidade lingüística do territorio onde é impartido.

3. A educación debe de estar sempre ó servicio da diversidade lingüística e cultural, e das relacións harmoniosas entre diferentes comunidades lingüísticas de todo o mundo.

4. No marco dos principios anteriores, todo o mundo ten dereito a aprender calquera lingua.

Artigo 24
Toda comunidade lingüística ten dereito a decidir cal debe se-lo grao de presencia da súa lingua, como lingua vehicular e como obxecto de estudio, en tódolos niveis da educación dentro do seu territorio. preescolar, primario, secundario, técnico e profesional, universitario e formación de adultos.

Artigo 25
Toda comunidade lingüística ten dereito a dispór de tódolos recursos humanos e materiais necesarios para consegui-lo grao desexado de presencia da súa lingua en tódolos niveis da educación dentro do seu territorio: ensinantes debidamente formados, métodos pedagóxicos axeitados, manuais, financiación, locais e equipos, medios tecnolóxicos tradicionais e innovadores.

Artigo 26
Toda comunidade lingüística ten dereito a unha educación que lles permita a tódolos seus membros adquiri-lo pleno dominio da súa propia lingua, coas diversas capacidades relativas a tódolos ámbitos de uso habituais, así como o mellor dominio posible de calquera outra lingua que desexen coñecer.

Artigo 27
Toda comunidade lingüística ten dereito a unha educación que lles permita ós seus membros o coñecemento das linguas vinculadas á propia tradición cultural, tales como as linguas literarias ou sagradas, usadas antigamente como linguas habituais da propia comunidade.

Artigo 28
Toda comunidade lingüísitca ten dereito a unha educación que lle permita ós seus membros adquirir un coñecemento profundo do seu patrimonio cultural (historia e xegrafía, literatura e outras manifestacións da propia cultura), así como o máximo dominio posible de calquera outra cultura que desexen coñecer.

Artigo 29
1. Toda persoa ten dereito a recibi-la educación na lingua propia do territorio onde reside.

2. Este dereito non exclúe o dereito de acceso ó coñecemento oral e escrito de calquera lingua que lle sirva de ferramente de comunicación con outras comunidades lingüísticas.

Artigo 30
A lingua e a cultura de cada comunidade lingüística deben ser obxecto de estudio e de investigación a nivel universitario.


  Sección I   |   Sección III