Lexislación: Europea Proxecto da Carta Europea das Linguas rexionais ou minoritarias aprobada polo Comité de Ministros do Consello de Europa | ||
Preámbulo Considerando os Estados signatarios da presente Carta que o obxectivo do Consello de Europa é realizar unha unión máis estreita entre os seus membros, nomeadamente para salvagardaren e promoveren os ideais e os principios que conforman o seu patrimonio común; Considerando que certas linguas rexionais ou minoritarias se encontran en perigo de desaparecer co tempo, feito que debilitaría a tradición e a riqueza cultural de Europa, e estimando que, por isto, é lexítimo e necesario tomar medidas especiais para preservalas e desenvolvelas; Considerando que o dereito de practicar unha lingua rexional ou minoritaria na vida privada e pública constitúe un dereito imprescindible de acordo cos principios contidos no Pacto Internacional relativo ós dereitos civís e políticos das Nacións Unidas e de acordo co espírito da Convención sobre a salvagarda dos Dereitos do Home e das Liberdades fundamentais do Consello de Europa; Tendo en conta o traballo realizado na Conferencia de Seguridade e Cooperación en Europa e, en particular, a Acta Final de Helsinki e o Documento sobre a Reunión de Copenhague de 1990; Subliñando o valor do interculturalismo e do bilingüismo e considerando que a protección e o favorecemento das linguas rexionais ou minoritarias non se deberían facer en detrimento das linguas oficiais e da necesidade de aprendelas; Sendo conscientes do feito de que a defensa e o reforzo das linguas rexionais ou minoritarias nos diferentes países e rexións de Europa representan unha importante contribución á construcción dunha Europa fundada sobre os principios da democracia e da diversidade cultural, no marco da soberanía nacional e da integridade territorial; Tendo en conta as condicións específicas e mailas tradicións históricas propias de cada rexión dos países de Europa, ACORDAN: | ||
Parte I: Disposicións xerais |