Liñas de axudas para a promoción do galego: Da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-Dirección Xeral de Política Lingüística | ||
Orde do 12 de novembro de 1996 pola que se convocan cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega para mestres e profesores de secundaria, de ensinanzas especiais e de formación profesional, dos centros públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia. Tanto a Lei 3/1983, de normalización lingüística, coma o Decreto 247/1995, que a desenvolve no tocante ó ensino non universitario buscan, por unha parte, que os alumnos vaian acabando cada unha das etapas do ensino cun dominio semellante do galego e do castelán, e, por outra, que o galego sexa a lingua de uso habitual non só da administración educativa, senón tamén das actividades relacionais, organizativas e culturais dos centros educativos. Para axudar a isto cómpre contar cun profesorado que coñeza e domine o galego dun xeito suficiente non só para imparti-las clases no idioma propio de Galicia, senón tamén para facelo coa calidade que axude a mellora-lo dominio que desa lingua teñen os alumnos. A promoción e o ensino da lingua galega correspóndelle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tal e como o determinan os decretos 346/1996, polo que se establece a estructura orgánica da propia consellería, e 247/1995, antes citado. Consecuentemente, é labor desa consellería a organización dos cursos e das actividades formativas precisas para que o persoal ó seu servicio acade o necesario dominio oral e escrito do idioma galego. Por todo isto, e facendo constar (de acordo co que establece a Orde do 2 de xuño de 1986, de tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991) que o gasto que se proxecta coa presente orde está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, neste momento en trámite parlamentario, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, DISPÓN: Artigo 1º 1. Convócanse cursos de iniciación e de perfecionamento de lingua galega para mestres e profesores de secundaria, de ensinanzas especiais e de formación profesional, dos centros públicos, privados e privados concertados da Comunidae Autónoma de Galicia, que se celebrarán naquelas localidades que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes e a súa distribución xeográfica. Estes cursos celebraranse ó longo do ano 1997. 2. A data do comezo dos cursos, o lugar de celebración e o horario destes determinaraos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística. Artigo 2º As solicitudes presentaranse, utilizando o modelo de formulario que figura como anexo a esta orde, no rexistro das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou ben por calquera dos medios que recolle o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo de presentación remata o 30 de xaneiro de 1997. Artigo 3º. O número de asistentes a cada curso será de 30 como máximo e de 15 como mínimo. Artigo 4º 1. Admitiranse tódolos mestres e profesores solicitantes, segundo os datos debidamente acreditados que fagan constar na súa solicitude, asignándolles praza nunha localidade determinada en función das necesidades organizativas. 2. Para acceder ó curso de perfeccionamento será requisito indispensable ter aprobado o curso de iniciación (ou telo validado segundo o establecen as respectivas ordes da Consellería de Educación e Ordenación Unviersitaria). Ó formulario de solicitude unirase unha copia compulsada da correspondente certificación ou validación. Artigo 5º 1. Os cursos terán unha duraciónde 75 horas e responderán ós contidos sinalados na Orde do 1 de marzo de 1989, pola que se regulan os cursos de inciación e de perfeccionamento. 2. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso. 3. A avaliación que se realice nestes cursos deberá responder ós principios de formativa e continua e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma, efectuándose as probas necesarias. Ó remate de cada curso, ós profesores asistentes que teñan superadas a s distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa calificación de "apto". Artigo 6º En tódolos cursos poderanse aboar bolsas de asistencia destinadas ós profesores alumnos en activo, para o desprazamento desde o seu centro de destino ó centro onde se celebre o curso, sempre que este último estea situado nun concello distinto. Artigo 7º Tódalas actividades que se realicen nos cursos faranse segundo o establecido na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (disposición adicional) e no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre a normativización da lingua galega. Disposición derradeira Primeiro.-Autorízase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde. Segundo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, 12 de novembro de 1996. Celso Currás Fernández Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria | ||
Anterior | Seguinte |