Biblioteca:
Propostas de normalización lingüística na administración local


 

A formación dos cadros de persoal das entidades locais


A Lei de Normalización Lingüística recoñece o dereito dos cidadáns a usa-lo galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

A Lei do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais establece, no seu artigo 1, que as convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das Comisións informativas e actas das entidades locais hanse redactar en lingua galega.

Para cumpri-lo establecido na lexislación vixente é necesario que o persoal ó servicio das Administracións públicas actuantes en Galicia posúa un dominio suficiente, oral e escrito, da lingua galega para poder desenvolve-lo seu labor profesional en galego.

A competencia de realizar cursos de lingua galega -dirixidos, entre outros colectivos, ós funcionarios públicos- correspóndelle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-Dirección Xeral de Política Lingüística. Doutra banda, tamén a Escola Galega de Administración Pública ten entre os seus fins a capacitación lingüística do funcionariado.

En consecuencia, as corporacións locais poden, á hora de deseña-la formación lingüística dos seus cadros de persoal, recorrer ás seguintes vías:

A organización de cursos de formación polas propias corporacións.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-Dirección Xeral de Política Lingüística promove a convocatoria de subvencións ás entidades e institucións sen fins de lucro para a realización de actividades formativas de lingua galega ó obxecto de que os propios concellos poidan organiza-la capacitación lingüística dos seus cadros de persoal mediante a organización de cursos xerais (iniciación e perfeccionamento) e específicos acordes cos diferentes perfís profesionais. Xa que logo, calquera concello ten a posibilidade de se acoller á referida convocatoria e solicitar -nos termos sinalados no epígrafe dedicado ás liñas de axudas a corporacións locais- unha subvención para realizar cursos de formación en lingua galega dirixidos exclusivamente ó seu cadro de persoal ou, se non chegan ás 20 persoas, ó funcionariado e a outros colectivos.

Os cursos de iniciación e perfeccionamento para o persoal das Administracións Públicas convocados en colaboración coa EGAP.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-Dirección Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública, convoca tódolos anos cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega para o persoal das Administracións Públicas de Galicia. Estes cursos soen celebrarse en Lugo, Ourense, Pontevedra, A Coruña, Santiago e Vigo. As solicitudes para participar nos mesmos teñen que tramitalas os/as propios/as funcionarios/as interesados/as nos termos que se sinalen no D.O.G. Aquelas corporacións que, polos motivos que sexan, non poidan organiza-la capacitación lingüística do seu cadro de persoal, sempre teñen o recurso de estimula-la participación nestes cursos do persoal ó seu servicio.


Os cursos para a obtención do título de traductor oficial de linguaxe administrativa galega.

A Xunta de Galicia elaborou un plan integral de estudios dedicado ós/ás funcionarios/as que presten os seus servicios nas corporacións locais (do que forman parte os cursos básico, medio e de especialización) e que lles permite obter ó remate dos mesmos o título de traductor/a oficial de linguaxe administrativa galega, título que habilita, ós/ás que o obteñan, para encargarse da traducción da documentación á que se refire o artigo 1º da Lei de uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais.

A convocatoria destes cursos publícase no DOG e os de nivel básico e medio soen organizarse nas diferentes comarcas mentres que o de especialización faise en Santiago, na sede da Escola Galega de Administración Pública.

As solicitudes para participar nestes cursos teñen que realizalas os/as propios/as funcionarios/as interesados/as, aínda que a Xunta de Galicia ofrécelle as corporacións locais que non conten con traductores oficiais a posibilidade de propoñer que, cando menos un/ha funcionario/a por concello, asista ós mesmos.

Doutra banda, aqueles/as funcionarios/as que superasen con aproveitamento ou teñan validado o curso de perfeccionamento de lingua galega poden presentarse ó exame propedeútico para acceder directamente (isto é, sen ter que face-los cursos básico e medio) ó nivel de especialización. A convocatoria de exames propedeúticos publícase no DOG.


Outros cursos organizados pola EGAP

Para acada-la capacitación lingüística do funcionariado a Escola Galega de Administración Pública ofrece un plan integral de formación, reciclaxe e actualización profesional no que se inclúen cursos e seminarios axeitados ós diferentes perfís e postos de traballo que, en moitos casos, inclúen módulos especializados de lingua galega. A convocatoria destes cursos realízase a través do D.O.G. e ademais , no caso de seminarios e xornadas, tamén pode facerse mediante anuncios publicados nos medios de comunicación.

Deste xeito, faise fincapé no cambio de actitudes, cando fose necesario, favorables ó uso do galego por parte do funcionariado e na importancia que teñen na comunicación, por unha banda, a utilización do mesmo código lingüístico do interlocutor e, por outra, o labor exemplificador e potenciador por parte do funcionariado.


  Anterior