Lexislación:
Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos


 

Título Segundo

Réxime lingüístico xeral


SECCIÓN IV
Medios de comunicación e novas tecnoloxías

Artigo 35
Toda comunidade lingüística ten dereito a decidir cal debe se-lo grao de presencia da súa lingua nos medios de comunicación do seu territorio, tanto nos locais e tradicionais como nos de maior ámbito de difusión e de teconoloxía máis avanzada, independentemente do sistema de difusión ou transmisión utilizado.

Artigo 36
Toda comunidade lingüística ten dereito a dispor de tódolos medios humanos e materiais necesarios para asegura-lo grao desexado de presencia da súa lingua e de autoexpresión cultural nos medios de comunicación do seu territorio: persoal debidamente formado, financiamento, locais e equipos, medios tecnolóxicos tradicionais e innovadores.

Artigo 37
Toda comunidade lingüística ten dereito a recibir, a través dos medios de comunicación, un coñecemento profundo do seu patrimonio cultural (historia e xeografía, literatura e outras manifestacións da propia cultura), así como o máximo grao de información posible de calquera outra cultura que desexen coñece-los seus membros.

Artigo 38
Tódalas linguas e as culturas das comunidades lingüísticas deben recibir un trato equitativo e non discriminatorio nos contidos dos medios de comunicación de todo o mundo.

Artigo 39
As comunidades descritas no artigo 1, parágrafos 3 e 4 desta Declaración, así como os grupos mencionados no parágrafo 5 do mesmo artigo, teñen dereito a unha representación equitativa da súa lingua nos medios de comunicación do territorio onde se estableceron ou se desprazan. O exercicio deste dereito debe estar en harmonía co exercicio dos dereitos propios dos outros grupos ou comunidades do territorio.

Artigo 40
Toda comunidade lingüística ten dereito a dispor, no campo informático, de equipos adaptados ó seu sistema lingüístico e ferramentas e productos na súa lingua, para aproveitar plenamente o potencial que ofrecen estas tecnoloxías para a autoexpresión, a educación, a comunicación, a edición, a traducción, e, en xeral, o tratamento da información e a difusión cultural.


  Sección III   |   Sección V