Lexislación:
Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos


 

Título Segundo

Réxime lingüístico xeral


SECCIÓN VI
Ámbito Socioeconómico

Artigo 47

1. Toda comunidade lingüística ten dereito a establece-lo uso da súa lingua en tódalas actividades socioeconómicas dentro do seu territorio.

2. Calquera membro dunha comunidade lingüística ten dereito a dispor na súa lingua de tódolos medios que require o exercicio da actividade profesional, como por exemplo documentos e libros de consulta, instruccións, impresos, formularios, e equipos, ferramentas e programas informáticos.

3. A utilización doutras linguas neste ámbito só se pode esixir na medida que o xustifique a natureza da actividade profesional desenvolvida. En ningún caso outra lingua chegada máis recentemente pode subordinar ou agocha-lo uso da lingua propia do territorio.

Artigo 48
1. No territorio da propia comunidade lingüística, todo o mundo ten dereito a usa-la súa lingua, con plena validez xurídica, nas transaccións económicas de todo tipo, como por exemplo a compra-venda de bens e servicios, as operacións bancarias, os seguros, os contratos laborais e outros.

2. Ningunha cláusula destes actos privados pode excluír ou limita-lo uso dunha lingua no propio territorio.

3. No territorio da propia comunidade lingüística, todo o mundo ten dereito a dispor na súa lingua dos documentos necesarios para a realización das operacións mencionadas como por exemplo impresos, formularios, cheques, contratos, facturas, recibos, albarás, pedidos e outros.

Artigo 49
No territorio da propia comunidade lingüística, todo o mundo ten dereito a usa-la súa lingua en calquera tipo de organización socioeconómica: laborais, sindicais, patronais, profesionais e gremiais.

Artigo 50
1. Toda comunidade lingüística ten dereito a unha presencia predominante da súa lingua na publicidade, as rotulacións, a sinalización exterior e no conxunto da imaxe do país.

2. No territorio da propia comunidade lingüística, todo o mundo ten dereito a obter na súa lingua unha información completa, tanto oral como escrita, sobre os productos e servicios que propoñen os establecementos comerciais do territorio, como por exemplo as instruccións de uso, as etiquetas, os listados de ingredientes, a publicidade, as garantías e outros.

3. Tódalas indicacións públicas referentes á seguridade dos cidadáns e cidadás deben ser expresadas polo menos na lingua propia da comunidade lingüística e en condicións non inferiores ás de calquera outra lingua.

Artigo 51
1. Todo o mundo ten dereito a usa-la lingua propia do territorio nas súas relacións coas empresas, eatablecementos comerciais e entidades privadas e a ser reciprocamente atendido/a e correspondido/a nesta lingua.

2. Todo o mundo ten dereito, como cliente, consumidor ou usuario, a ser informado, oralmente ou por escrito, na lingua propia do territorio nos establecementos abertos ó público.

Artigo 52
Todo o mundo ten dereito a exerce-las actividades laborais ou profesionais na lingua propia do territorio, non sendo que as funcións inherentes ó posto de traballo requiran o uso doutros idiomas, como por exemplo o caso dos profesores de linguas, os traductores, os guías turísticos.


  Sección V   |   Disposicións Adicionais