Lexislación:
Europea

Proxecto da Carta Europea das Linguas rexionais ou minoritarias aprobada polo Comité de Ministros do Consello de Europa


 

Parte II


OBXECTIVOS E PRINCIPIOS QUE SE PRETENDEN DE ACORDO CO PARÁGRAFO 1 DO ARTIGO 2.

Artigo 7. Obxectivos e principios.

1- As Partes comprométense en materia de linguas rexionais ou minoritarias a tomar como base da súa política, e máis nas súas lexislacións e práctica, os obxectivos e principios seguintes:

(a) o recoñecemento das linguas rexionais ou minoritarias en tanto que expresión da riqueza cultural;

(b) o respecto da área xeográfica de cada lingua rexional ou minoritaria, de maneira que as divisións administrativas existentes ou novas non constitúan un atranco á formación desta lingua rexional ou minoritaria;

(c) a necesidade dunha decidida acción de promoción das linguas rexionais ou minoritarias, con vista a salvagardalas;

(d) a supresión a través de tódolos medios apropiados de calquera discriminación referida ó uso das linguas rexionais ou minoritarias;

(e) a facilitación e/ou a incitación ó uso oral e escrito das linguas rexionais ou minoritarias na vida pública e privada;

(f) o mantemento e o desenvolvemento de relacións nos campos cubertos pola presente Carta entre os grupos que practican unha lingua rexional ou minoritaria e outros grupos dun mesmo Estado que falan unha lingua practicada nunha forma idéntica ou próxima, así como o establecemento de relacións culturais con outros grupos do Estado que practican unha lingua rexional ou minoritaria diferente;

(g) o ensino e o estudio das linguas rexionais ou minoritarias en tódolos niveis apropiados;

(h) a oferta de facilidades a fin de que as persoas que non falen estas linguas, que o desexen e que habiten na área onde estas linguas son practicadas, poidan aprender estas linguas rexionais ou minoritarias;

(i) a promoción a través de medidas apropiadas, da comprensión mutua entre os grupos lingüísticos do país, facendo sobre todo porque o respecto, a comprensión e a tolerancia para coas linguas rexionais ou minoritarias se convirtan en finalidades da educación e da formación impartidas no país, e a incitación ós medios de comunicación de masas a persegui-los mesmos obxectivos;

(l) a promoción das formas apropiadas de intercambios transnacionais, nos campos cubertos pola presente Carta, entre as linguas rexionais ou minoritarias practicadas de maneira idéntica ou similar, en dous ou máis Estados.

2. Ó definiren as súas políticas sobre as linguas rexionais ou minoritarias, as Partes comprométense a tomar en consideración as necesidades e os desexos expresados polos grupos que practiquen estas linguas. As Partes son animadas a crear, se fose preciso, órganos que se encagarían de aconsella-las autoridades sobre tódalas cuestións relacionadas coas linguas rexionais ou minoritarias.

3. As Partes comprométense a aplicar, "mutatis mutandis", os principios enumerados no parágrafo 1 deste artigo ás linguas desprovistas de territorio. Así mesmo, no caso destas linguas a natureza e o alcance das medidas a tomar para facer efectiva esta Carta serán determinados de maneira flexible, tendo presente en todo caso as necesidades e os desexos e respectando as tradicións e as características dos grupos que practiquen as linguas en cuestión.


  Parte I    |    Parte III