Lexislación: Xeral Básica Lei 3/1983, do 15 de xuño de Normalización Lingüística | ||
Título VI DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA E A FUNCIÓN NORMALIZADORA Artigo 22 O Goberno Galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega; asesorará á Administración e ós particulares, e coordinará os servicios encamiñados a consegui-los obxectivos da presente Lei. Artigo 23 O Goberno Galego establecerá un plan destinado a resalta-la importancia da lingua como patrimonio histórico da comunidade e a poñer de manifesto a responsabilidade e os deberes que esta ten respecto da súa conservación, protección e transmisión. Artigo 24 1. A Escola Galega de Administración Pública encargarase da formación dos funcionarios a fin de que poidan usa-lo galego nos termos establecidos pola presente Lei. 2. O dominio das linguas galega e castelá será condición necesaria para obte-lo diploma da Escola Galega da Administración Pública. Artigo 25 O Goberno Galego e as Corporacións Locais dentro do seu ámbito fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras. Con esta finalidade e por actos singulares, poderanse outorgar reduccións ou exencións das obrigas fiscais. | ||
Título V | Disposicións adicional e final |