Biblioteca:
Propostas de normalización lingüística na administración local

A esixencia do coñecemento do galego para o acceso á condición de persoal ó servicio das corporacións locais de Galicia


 

Que debe entenderse por demostra-lo coñecemento da lingua galega, tal e como expresa o artigo 33 da LFPG


É evidente que por tal non debemos entender un coñecemento exclusivamente teórico das regras polas que se rexe o sistema lingüístico galego.

Unha conclusión nese sentido podería levarnos ó absurdo dun opositor ou opositora que demostrase coñecementos profundos da historia, da lingua, do seu sistema vocálico e consonántico, das regras morfosintácticas, da formación do seu léxico... pero que se vise obrigado ou obrigada a expresar eses coñecementos en castelán por falta de competencia activa en galego. Sería un coñecemento do galego como podemos ter do latín ou das linguas estranxeiras tal como se deriva con demasiada frecuencia do ensino aplicado a estes idiomas. (...)

Moi ó contrario, o coñecemento da lingua galega a que se refire a Lei da función pública hai que interpretalo no sentido amplo de coñecemento en canto competencia activa, en canto capacidade de expresión nesta lingua, ben sexa nos seus aspectos de expresión oral e escrita, ou soamente no primeiro deles, para determinados casos, como logo veremos. (...)

É lóxico ademais que así sexa pois o coñecemento da lingua galega, en canto capacidade de expresión, non debe considerarse como un fin en si mesmo nin coma un simple mérito acumulable a outros, senón coma o medio a través do cal lles imos garantir ós cidadáns o seu dereito a se relacionaren coa Administración nesa lingua, dereito recoñecido en toda a normativa e non suxeito a cuestión.

Os outros dous eixes de valoración no coñecemento dun idioma, os de comprensión oral e comprensión escrita, está claro que os damos por superados desde o momento en que nos situamos no eixe da expresión.

Ademais, teñamos en conta que, segundo as estatísticas, en Galicia o grao de comprensión do idioma sitúase nunhas porcentaxes tan elevadas que non parece nin que deba cuestionarse a capacidade de calquera opositor ou opositora para superar este nivel de competencia lingüística.


  Seguinte