Biblioteca:
Propostas de normalización lingüística na administración local

A esixencia do coñecemento do galego para o acceso á condición de persoal ó servicio das corporacións locais de Galicia


 

Criterios para a determinación dos niveis. O plano oral e o plano escrito


A determinación dos niveis hai que facela, ó noso entender, tendo en conta precisamente os dous planos da expresión apuntados: oral e escrita.

En primeiro lugar, a expresión oral debe someterse a valoración sempre, para tódolos postos de traballo, se temos en conta que absolutamente tódolos traballadores públicos, independentemente do seu cometido, se teñen que servir, algunha vez, no desenvolvemento do seu traballo, da lingua falada, uns máis e outros menos, nas relacións interadministrativas ou máis de cara ós administrados, pero sempre.

En canto á expresión escrita, quizais determinados postos de traballo (persoal subalterno e persoal de oficios conductores, persoal de limpeza, etc.) poidan quedar á marxe desta esixencia ou, como moito, esta esixencia debe ser a uns niveis moi elementais.

Non así en postos asignados a funcionarios que cumpren labores de redacción, tramitación de expedientes, mecanografía, tratamento de textos, etc., onde si debe entrar a valorarse o dominio da lingua escrita.

Agora ben, nun e noutro plano, ¿cal debe se-lo nivel de esixencia?

No plano oral, convén distinguir entre un dominio da lingua nas súas distintas variedades xeográficas e no nivel coloquial e un dominio de variante estándar e das variedades cultas e tecnolectais, e aínda dentro destas, entre o dominio dun léxico común e un léxico máis técnico e preciso, segundo o tipo de funcións sexan máis especializadas nos distintos campos de actuación da Administración. Polo tanto, o nivel de esixencia en canto ó dominio da lingua oral acentuarase a medida que nos situemos en postos de traballo para os que se esixe unha cualificación maior, posto que será necesario manexar unha terminoloxía máis específica, conceptualmente máis precisa.

No plano escrito, sucede algo semellante, posto que, a maior especialización de funcións, maior debe se-lo dominio das posibilidades expresivas da lingua, dos recursos estilísticos, etc.

Na expresión escrita debemos partir dunha esixencia común para tódolos postos de traballo que pasa por un dominio suficiente da ortografía e da morfosintaxe do galego tal como están fixadas pola normativa oficial. O grao maior de dominio esixirase sobre todo nos planos léxico e estilístico, de redacción e de manexo da fraseoloxía propia de cada campo, o que nos vén dado de seu polo distinto grao de cualificación técnica nos distintos postos de traballo.


  Anterior    |    Seguinte